Etapa Medieval
Cantigas de Santa María. Prolongacións da escola trobadoresca
Escola Galego-Castelá

A poesía desta escola está recollida nunha serie de cancioneiros dos séculos XV e XVI coñecidos polo nome do recompilador ou polo do lugar onde foron editados: Cancioneiro de Baena, Cancioneiro de Stúñiga, Cancioneiro de Hernando del Castillo, Cancioneiro de Palacio, de Upsala, etc. Todos eles son cancioneiros bilingües en que aparecen composicións galegas cuxa importancia radica, máis que na calidade literaria, en que son testemuñas da sobrevivencia da tradición lírica galego-portuguesa.

Capa de Luis Seoane para " Cantigas de Macías o namorado" , editada en Buenos Aires no 1941.

Estas composicións suman un total de cerca de 700 textos e é tan extraordinario o número de poetas documentados que tal proliferación unicamente pode ser explicada pola crise que atravesa a nobreza castelá. Os señores ven diminuír as súas funcións prácticas ao tempo que aumenta escandalosamente o número de títulos de nobreza, de forma que a perda de poder real compénsase co ornato da cultura, isto é, compoñendo versos.

É unha poesía destinada a entreter os seráns do pazo, unha forma de pasatempo, unha poesía decadente que imita á anterior substituíndo a ausencia de verdadeiro lirismo cos virtuosismos formais e técnicos da versificación. Aínda que o nome de "escola" lle ven grande de máis, adóitase considerar como tal ao grupo de poetas que continúan a tradición galego-portuguesa (lexicalizada e tamén empobrecida porque, por exemplo, desaparecera a cantiga de amigo). A súa obra, espallada por moitos cancioneiros, foi recompilada por Henry Lang en 1902 baixo o título de Cancioneiro Galego-Castelán ,que contén 74 composicións, redixidas nun período que abrangue de 1350 a 1450.

Tematicamente, a Escola Galego-Castelá incide no amor cortés: o culto á coita tórnase elemento imprescindíbel cunha absoluta fidelidade aos moldes clásicos. Aparece así todo o vocabulario dos vellos trobadores: mesura, entendedor, senhor... adobiado co segredo de amor, a imposibilidade de correspondencia e o pavor. Formalmente repiten tamén as fórmulas anteriores: o leixapren, dobre, mordobre... Ás veces aparece tamén o xénero satírico.

Dona Carolina Michaëlis clasifica os poetas deste período en catro grupos atendendo á súa orixe e á língua que empregan:

  1. Galegos que poetizan ao vello estilo trobadoresco, en galego: Macías o Namorado, Fernán Casquicio e Vasco Pires de Camões.
  2. Casteláns e Andaluces que poetizan en galego. Neste caso están a maioría dos autores.
  3. Portugueses que poetizan en castelán.
  4. Casteláns e Andaluces que poetizan ao vello estilo trobadoresco galego-portugués, en castelán. Rodríguez del Padrón é a figura máis salientábel deste grupo.

Pertencen á literatura galega os autores dos grupos 1° e 2°, aínda que os outros poden ter certo interese porque manteñen na súa obra moitísimos galeguismos. Estes poetas ou pertencen á nobreza ou traballan para ela, vivindo nos pazos. Os autores máis representativos da escola son Macías o Namorado, o Arcediago de Toro, Alfonso Álvarez de Vallasandino, Garci Fernández de Gerena e Gómez Manrique.

Para nós, o cancioneiro máis importante desta escola é o coñecido como Cancioneiro de Baena ,que recibe este nome porque o seu recompilador foi Xoán Afonso de Baena, escriban de Xoán II, e consérvase nun único manuscrito na Biblioteca Nacional de Paris. Contén 600 composicións de 56 autores.

Baena mistura os poetas da vella escola trobadoresca cos da tendencia italianizante, agrupando a obra de cada autor en tres seccións: cantigas, decires e mais preguntas e respostas, incluíndo unha pequena nota biográfica de cada autor ou algunha referencia ao estilo e circunstancias da composición, tema, persoa á quen está dedicada, etc. Os poetas recollidos teñen unha cronoloxía que vai de 1350 a 1406, sendo maioría aqueles que seguen a escola trobadoresca galego-portuguesa.

En resumo, a da Escola Galego-Castelá é unha poesía con dúas linguas (galego e castelán) e con dúas tendencias artísticas (a trobadoresca galego-portuguesa e a italianizante), que se corresponde cunha época de confusión da que vai ficar a estrutura formal da escola trobadoresca e o espírito da poesía italiana.

IMAXES