Etapa Medieval
Caracterización xeral. Cantigas de escarnio e maldicer
Introdución

Os séculos XII-XIII comprenden o que historicamente se coñece como Época de Xelmírez ou Era Compostela , en razón do predominio político que exerce a Galiza sobre os reinos cristiáns do occidente peninsular.

Diego Xelmírez, Fruela Alonso e Pedro Muñiz. Tombo de Toxosoutos.

Na realidade, o comezo desta etapa remóntase a fins do século XI. Morto o rei García I de Galiza prisioneiro do seu irmán, Afonso VI de Castela e León, este encomenda o goberno de Galiza ao Conde Reimunde de Borgoña, casado coa súa filla Dona Urraca. A independencia do reino galego parece garantida porque o monarca castelán promete que o fillo de Reimunde será proclamado rei de Galiza cando el morrer. O infante foi posto baixo a custodia do Conde de Trava, D. Pedro Froilaz. Pouco máis tarde, Afonso VI encomenda o Condado de Portugal ao Conde Henrique de Borgoña, esposo da súa outra filla Tareixa.

A situación política complícase cando, en 1107, morre Don Reimunde de Borgoña e os sectores dirixentes se dividen en tres bandos. A nobreza galega, na súa maioría, opta por defender os intereses do infante Afonso Reimúndez, fillo do falecido Reimunde de Borgoña. Un sector minoritario, apoiado por leoneses e aragoneses, opta pola súa nai, Dona Urraca, herdeira das coroas de León e Castela e prometida en matrimonio con Afonso o Batallador, rei de Aragón. Por último, o alto clero, acaudillado por Xelmírez, xoga ás dúas bandas.

En 1111, o Conde de Trava e o bispo Xelmírez coroan rei de Galiza a Afonso Reimúndez, Afonso V na historiografía galega, aínda que isto non trae a paz, porque Dona Urraca, apoiada polos aragoneses, non renuncia ás súas pretensións. Neste clima de guerra, en 1116, os burgueses de Santiago levántanse contra os privilexios do señorío episcopal, mais Xelmírez logra sufocar a rebelión coa axuda tanto de dona Urraca como do seu fillo, aliados momentaneamente mercé ás artes do bispo.

Aproveitando que chega ao Papado Calixto II, tío do rei galego, Xelmírez consegue o arcebispado para Santiago (1120). As pretensións do bispo eran que Compostela fose recoñecida como igrexa metropolitana de Galiza, contra os dereitos tradicionais de Braga. Calixto II non ousa tanto e crea unha nova xurisdición que supuña unha anomalía no poderío eclesiástico peninsular e que, ademais, exercía o seu poder non sobre os territorios galegos en que estaba localizada xeograficamente, senón na antiga xurisdición de Mérida (Estremadura actual e terras ao Sur do río Douro).

Braga fica así rodeada pola xurisdición de Compostela e, perante este perigo, convértese no centro do movemento independentista portugués, que se proclama reino en 1121, coroando rei a Afonso Henríquez, curmán do monarca galego.

En Galiza, o conflito político remata en 1126, cando á morte de Dona Urraca, o seu fillo, Afonso V de Galiza, herda as coroas de León e Castela (Afonso VII o Emperador, na historiografía castelá e leonesa). Á súa morte, Afonso V reparte os reinos entre os fillos: Fernando II herda Galiza e León, Sancho III, Castela. Os dous irmáns asinan un tratado de boa avinza e os reinos mantéñense independentes sen problemas.

Fernando II (1157-1188) fai unha política de concesión de cartas-póboas, que xa iniciara o seu pai, e funda, entre outras, as vilas de Padrón, Ribadavia, Noia e Pontevedra. Esta política é continuada polo seu fillo Afonso VI (IX de León) (1188-1230) que funda, ao longo da costa, Betanzos, A Coruña, Baiona, Ferrol e Neda. Estas vilas de realengo supoñen unha verdadeira revolución na estrutura social da época porque, por unha banda, inauguran a diversificación económica, rompendo coa autarquía dos séculos anteriores e facilitando o desenvolvemento das actividades pesqueiras e pre-industriais orientadas á elaboración de materias primas, peixe salgado sobre todo, que se comercializa a través dos portos; pola outra banda, serven para consolidar socialmente unha serie de "liñaxes" ou "casas" que teñen na súa orixe aos segundóns da grande nobreza e á fidalguía local, que se reparten os cargos municipais e administrativos (alcaldes, rexedores, xuíces, meiriños). Crease así unha protoburguesía fidalga que mesmo chega a introducir nos mosteiros rurais os seus membros: priores de nome e fidalgos de vocación, máis preocupados polos intereses das súas casas que polos ideais monásticos. É unha política de fortalecemento do elemento urbano frente á grande nobreza.

Tamén se produce, ao longo deste século, un rápido crecemento da poboación que, no medio rural, se traduce en máis brazos para traballaren a terra e, como consecuencia, ábrense novos espazos e colonízanse e rotúranse terras virxes baixo a dirección dos grandes mosteiros. Isto, unido á mellora dos aparellos de labranza e ao aperfeizoamento dos sistemas de cultivo, xera un aumento da produtividade que vai repercutir no nivel de vida. O reparto desa maior produtividade entre os labregos e os señores realízase mediante o estabelecemento dos foros .

As transformacións económicas e sociais conlevan cambios profundos na mentalidade e iníciase, nas vilas, unha anovación relixiosa de man das ordes mendicantes, sobre todo dos franciscanos, que traen xermolos de reformas sociais.

Con estes monarcas o centro vital dos reinos é, loxicamente, Compostela, onde reside a corte, e o seu esplendor ficou perpetuado polo Mestre Mateo no granito da Catedral e, sobre todo, nos Pórticos da Gloria e Praterías. Da prosperidade do reino dan fe tamén as innumerábeis construcións románicas que aínda salfiren o país. A outro nivel menos visíbel, a cultura da corte galega reflíctese na creación literaria, que ficou plasmada por unha banda na redacción do Historia Compostela e o Códice Calixtino e, pola outra, na criación dunha escola lírica que será a protagonista indiscutíbel da literatura peninsular durante os séculos seguintes.

Dona Urraca.

Afonso VI casou dúas veces. Do seu primeiro matrimonio con Tareixa de Portugal tivo dúas fillas, Sancha e Dulce. Do segundo, con Berenguela de Castela, catro: Fernando, Afonso, Constanza e Berenguela. Para manter a independencia dos reinos de Galiza e León, Afonso VI, no seu testamento, aplicou o dereito galego de herdanza, que igualaba na sucesión a homes e mulleres, e desherdou o seu fillo Fernando —coroado xa rei de Castela pola renuncia da súa nai—, nomeando herdeiras ás infantas Dona Sancha e Dona Dulce co apoio masivo dos galegos, agás os bispos de Lugo e Mondoñedo.

Non obstante, o reino de León, falto dunha cultura propia e unido a Castela pola meseta, prefería a unión política con esta. Dona Berenguela, co apoio de Sancho II de Portugal, entrevístase con Tareixa de Portugal, primeira muller de Afonso VI, e consegue a renuncia das infantas ao trono galego.

Con Fernando III (1230-1254), que volve unir os tres reinos (Galiza, León e Castela) baixo a mesma coroa, o centro de poder deslócase a Castela, a corte real abandona Compostela e iníciase unha política de tendencia centralizadora. O reino segue a ser monolingüe e toda a súa documentación pública ( textos tabeleónicos ) está redactada na lingua de seu, a galega, aínda que a partir de agora os documentos que cheguen da Corte virán redixidos en castelán.

A política centralizadora de Fernando III mantense durante o reinado do seu fillo Afonso X, que introduce por vez primeira un representante xudicial do Rei no goberno de Compostela, e pouco máis tarde entregará a sé compostelá a un arcebispo de Valladolid, comezando un proceso que rematará por transformar os bispos de Galiza en funcionarios de Castela.

IMAXES