Etapa Medieval
Cantigas de Santa María. Prolongacións da escola trobadoresca
Os textos interpolados

Nos estudios que se facían sobre a lírica medieval partíase sempre do presuposto de que os Cancioneiros profanos conservados, ( Cancioneiro de Ajuda, Cancioneiro da Biblioteca Nacional e Cancioneiro da Biblioteca Vaticana ), contiñan unicamente cantigas escritas entre os límites a quo (1196) e ad quem (1354) da escola trobadoresca. Non obstante, Giuseppe Tavani probou que nos dous Cancioneiros atopados en Italia ( o da Biblioteca Nacional e o da Vaticana ) hai textos que presentan unha estrutura métrica e semántica moi diferentes ás que usaban a lírica galego-portuguesa. Estes textos son de fins do século XIV ou de comezos do XV e foron interpolados nos códices primitivos aproveitando os espacios deixados en branco polos copistas.

Miniatura no remate, dunha  Cantiga de Santa María. Biblioteca Nacional de Florenza.

Así, o estudioso italiano probou que a composición Dona e senhora de grande valía , que era atribuída a Juião Bolseiro e estaba considerada como o primeiro caso de versos de "arte maior" na nosa lírica, en realidade é un texto alleo á escola trobadoresca. Tamén son serodias outras varias composicións, entre elas a cantiga atribuída a D. Dinís, Pero muito amo, muito non desejo , e a denominada Serrana de Cintra . Unha vez que se demostrou que a devandita Serrana de Cintra era un texto alleo á escola galego-portuguesa, ficou invalidada a vella tese de Menéndez Pidal, que pretendía ver nela un precedente directo do Arcipreste de Hita e vincular desta maneira o poeta castelán coa prestixiosa escola galego-portuguesa.

Estes textos interpolados nos cancioneiros italianos demostran a pervivencia do lirismo trobadoresco galego-portugués ata mediados do século XV e constitúen, sumadas ás composicións recompiladas por Henry Lang no Cancioneiro Galego-Castelán , unha fase de transición entre a escola poética galego-portuguesa e as denominadas "Escola Galego-Castelá", representada sobre todo polo Cancioneiro de Baena , e a "Escola Castelán-Portuguesa" do Cancioneiro Geral de Garcia de Resende.

IMAXES