Etapa Medieval
Caracterización xeral. Cantigas de escarnio e maldicer
Periodización da Lírica

Nos Cancioneiros figura o nome dos trobadores, mais non aparece ningunha referencia á data de composición das cantigas nin á biografía dos autores. Cando estes son monarcas ou grandes aristócratas (por exemplo, D. Paio Gómez Charinho, señor de Rianxo, Almirante e Adiantado Maior de Galiza), é doado localizalos no tempo, mais cando non é así o noso descoñecemento sobre as súas biografías é case total.

Fernando II e Afonso VI. Tumbo de Toxosoutos.

Tampouco podemos recorrer ás diferencias lingüísticas que nos puidesen indicar a procedencia dos autores, porque o que caracteriza a lingua trobadoresca é precisamente a súa homoxeneidade. Unicamente podemos botar man das poucas referencias a feitos históricos e indicacións xeográficas que poidan proporcionar as propias cantigas.

Neste estado de cousas, non se poden dar datas concretas, senón orientativas e aproximadas, sobre os límites anterior (a quo) e posterior (ad quem) entre os que se desenvolveu a nosa lírica.

Para o límite a quo barállanse tres posibilidades: que a cantiga máis antiga sexa Ora faz host'o senhor de Navarra ,de Joán Soárez de Pavia, en que o trobador critica o rei de Navarra por invadir terras de Aragón, feito histórico datado pola crítica en 1196; ou que a cantiga máis recuada no tempo sexa Ai eu, coitada como vivo en gran coidado ,atribuída ao rei don Sancho I de Portugal, que reinou entre 1185 e 1211; e, por último, que sexa a denominada Cantiga de Guarvaia, datada en 1189 ou 1198.

Sexa cal for a cantiga máis antiga, cómpre non esquecermos que todo o que conservamos é froito dunha literatura xa madurecida, que non puido xurdir da nada, e que deberon existir moitas cantigas anteriores á que hoxe consideramos "primeira"; cantigas que non foron recollidas nos Cancioneiros, e por tanto, o límite a quo ten que ficar indeterminado.

Para estabelecer o límite ad quem manéxanse as seguintes datas: 1325, data da morte do rei portugués Don Dinís; 1350, ano en que se redixe o testamento de Don Pedro, Conde de Barcelos e fillo de D. Dinís, en que figura o Livro das Cantigas ,hoxe perdido e do que, supomos, se tiraron os Cancioneiros que coñecemos; e, por último, 1354, data de morte do propio Conde de Barcelos, último mecenas da nosa lírica. Fose como for, un movemento literario non morre nun ano concreto: é precisa unha etapa de decadencia e de esmorecemento máis ou menos prolongada; etapa que en Portugal comezaría en 1325 coa morte de D. Dinís, e en Castela en 1284 coa morte de Afonso X.

Entre os límites a quo e ad quem hai cento cincuenta anos ao longo dos que desenvolven a súa actividade literaria uns 153 poetas. A periodización deste tempo e a inclusión dos trobadores en cada etapa é outro dos moitos problemas sen resolver que ten a nosa lírica e case temos tantas periodizacións como historiadores, aínda que as diferencias entre elas son de matiz.

A do profesor italiano Giuseppe Tavani intenta clasificar os trobadores e xograres por xeracións:

  • A primeira xeración "histórica": comprendería desde a máis antiga das cantigas até 1217, data en que sobe ao trono de Castela Fernando III. Meendinho , Joán Soárez da Pavia, Nuno Eanes Cerzeo e Rui Gómez, entre outros, formarían parte desta xeración.
  • A xeración intermedia: comprendería os reinados de Fernando III e Afonso X (1252-1284) en Castela, León e Galiza e mais os de Sancho II (1223-1242) e Afonso III (1243-1279) en Portugal. Pai Gómez Charinho, Martín Códax, Pero da Ponte, Joán García de Guilhade, Joán Airas, Pedro Amigo, Joán Soárez Coelho, Martín Moxa, Afonso Eanes de Cotón son algunhas das figuras máis notábeis deste grupo.
  • A Corte poética de Don Dinís, que comprendería o reinado deste monarca portugués (1279-1325) Joán Zorro, Afonso Sánchez, Joán Méndiz de Briteiros e o propio rei figuran nesta xeración.
  • Os Epígonos, que corresponderían aos reinados posteriores ao de Afonso X en Castela, León e Galiza e mais ao de D. Dinís en Portugal. Airas Núnez e Fernán Esquío son os grandes trobadores desta etapa.

De todas as formas, non podemos esquecer que os trobadores e, sobre todo os xograres, se trasladaban dunha corte á outra. Moitos dos trobadores da corte de Afonso X eran exiliados portugueses que tiveron que abandonar o seu país despois da guerra civil entre Sancho II e Afonso igual que marcharían moitos para Portugal, á corte de D. Dinís, despois da morte de Afonso X. Mais no que coinciden todas as periodizacións é en localizar o período áureo na época de Afonso X.

 

 

 

IMAXES