Etapa Medieval
Prosa literaria medieval
Prosa xacobea

A extraordinaria importancia de Santiago de Compostela na historia de Galiza fica fóra de toda dúbida e máis aínda, se cabe, na Galiza medieval, por confluencia de intereses relixiosos, políticos e materiais. A orixe documentada da cidade sitúase arredor do século IX, cando Teodomiro, bispo de Iria Flavia, comunica ao rei Afonso II o Casto a descuberta do sepulcro do Apóstolo Santiago. Este rei manda construír unha modesta igrexa que Afonso III transformará en basílica a principios do século X, sendo destruída coa cidade a finais do mesmo século por Almanzor. O bispo Pedro de Mezonzo iniciou a reconstrución sistemática do recinto basilical e o bispo Cresconio amurallou a cidade. O Papa Urbano II autoriza en 1095 a transferencia da sé iriense para Compostela, Pascual II confirma definitivamente os xubileos composteláns en 1104 e Calisto II transfire en 1120 a dignidade metropolitana da sé emeritense para a cidade do Apóstolo, todo isto favorecido polo fenómeno das peregrinacións ad limina sancti Iacobi , que pervivirá con altos e baixos até o século XVI, revivindo despois do XVIII; a súa importancia fica ben patente polo feito de que se calculan en centos de miles as persoas que peregrinaban cada ano a Compostela, sobre todo tendo en conta a demografía da época medieval.

Debido á habilidade de Diego Xelmírez, a cidade de Santiago experimenta un engrandecemento extraordinario durante o século XII, cando consegue a condición de arquidiócese mercé á simpatía de Calisto II e a colaboración da orde de Cluny, co obxectivo de atribuír á Reconquista o carácter de Cruzada. Estes intereses políticos, axudados pola vella lenda tradicional da axuda do Apóstolo Santiago na batalla de Clavijo, deron orixe á discutida promulgación do Voto de Santiago, en función do que a Igrexa compostelá recibiría unha parte correspondente á terra de laboura conquistada, así como a parte proporcional e cota dos espolios de guerra que correspondesen a un cabaleiro.

Durante a Idade Media Santiago foi un importante centro cultural; a partir do episcopado de Cresconio (1037-1066) fundáronse as scholae episcopales ,que máis tarde, no pontificado de Diego Peláez, posibilitarían que os escolares composteláns fosen considerados modelos de doutrina e puidesen ampliar coñecementos nos máis famosos centros de saber. A g rammaticorum schola ,de que fala o Codex Calixtinus, foi moi famosa polo menos até o século XV. A partir do século XIII hai información de bibliotecas compostelás con importantes libros, tanto antigos como recentes, e mesmo de carácter científico. Tal clima de intensa actividade intelectual permitiu que, por inspiración de Xelmírez, se compuxese a Historia Compostelana, e despois importantes tratados xurídicos, ou que no século XIV Pedro Compostelano escribise De consolatione rationis.

Agora ben, onde mellor se pon de manifesto tal efervescencia cultural é na literatura en lingua galego-portuguesa, moi especialmente na poesía lírica, que ten en Santiago de Compostela un dos seus centros irradiadores durante o período trobadoresco. Nacidos ou vinculados con esta cidade están poetas tan destacados como Bernal de Bonaval, Airas Núnez ou Joán Airas, así como Abril Pérez, Afonso Eanes do Cotón, Juião Bolseiro, Men Rodríguiz Tenorio e outros, sendo tamén destacadas as cantigas de romaría que teñen como motivo as peregrinacións a Compostela ou as pastorelas ambientadas nos seus arredores.

Mais tamén na prosa se revela a importancia de Santiago, sobre todo como centro relixioso e lugar de culto e peregrinación ao sepulcro do Apóstolo, convertida na súa época de esplendor en capital espiritual e cultural do Occidente cristián, a onde acudían peregrinos de toda Europa traendo consigo as diferentes manifestacións artísticas e literarias, que aquí serían asimiladas e cultivadas. Sendo o motivo central de tal congregación de carácter relixioso, non é estraño que ese carácter o posúa tamén a prosa que se desenvolveu en torno a el, que, ademais do valor relixioso e historiográfico, tamén ten carácter narrativo, podendo falar dun novo ciclo de prosa xacobea, aínda que non comparábel en importancia literaria aos dous anteriores, mais si co valor engadido para nós de ser prosa escrita aquí e tendo o tema xacobeo como motivo central. Entre a haxiografía e a narrativa histórico-literaria que xira arredor do Apóstolo podemos situar dúas obras, os Miragres de Santiago e a Corónica de Santa María de Iria.

A proliferación de haxiografías e textos eclesiásticos representa o afán vulgarizador e didáctico da igrexa medieval, que desta maneira parte de textos latinos ou de tradición oral para crear un corpus exemplarizante dirixido a persoas non especialmente cultas. A situación que se dá en Galiza e Portugal con relación a estes textos é cuantitativamente moi dispar, pois Portugal realiza moitas versións bíblicas, doutrinais ou místicas desde o mosteiro de Alcobaça, mentres en Galiza o menor número de textos conservados se explica pola pervivencia do latín ou a versión ao castelán; non obstante, cabe pensar nunha tradición de transmisión oral aínda hoxe constatábel. En Portugal elaboráronse textos como o Bosco Deleitoso, o Castelo Perigoso, o Conto de Amaro, o Horto do Esposo ou a Lenda Áurea, mentres en Galiza temos os xa mencionados Miragres de Santiago e Corónica de Santa María de Iria, que cualificamos como prosa xacobea e incluímos entre a prosa literaria, a pesar das deficiencias que neste aspecto presenta a última.

Miragres de Santiago

É un dos textos máis importantes de prosa galega medieval, tanto desde o ponto de vista literario como lingüístico; está constituído por un manuscrito de 64 follas de fins do século XIV ou principios do XV, conservado na Biblioteca Nacional de Madrid, aínda que incompleto; parece ser unha copia descoidada dun orixinal anterior descoñecido, notándose a man de tres copistas diferentes. Modernamente foi editado por J. L. Pensado Tomé en 1958.

Resulta ser un libro caótico, misceláneo e de estrutura caprichosa no estado en que nos chegou, debido a que nel se acumularon temas diferentes que proverien, pola súa vez, de fontes diversas. Contén unha tradución do  Codex Calixtinus  ou  Liber Sancti jacobi,  manuscrito en latín do século XII, conservado no Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela e formado por cinco partes: libro litúrxico, libro dos milagres, libro da traslación do corpo de Santiago a Compostela, libro do Pseudo-Turpín e o libro  Guía de Peregrinos.  Non foi traducido ao galego todo o texto latino, senón só os milagres, o Pseudo-Turpín e unha pequena parte do  Guía de Peregrinos;  e esta tradución fíxose de forma imperfecta e con simplificacións. A este material procedente do  Codex Calixtinus  engádenselle doutras fontes catro milagres, a vida e paixón de Santiago Alfeo, a destrución de Xerusalén, a vida e morte de Pilatos, a traslación da cabeza de Santiago Alfeo desde Xerusalén a Compostela, a Epifanía e a Asunción.

Os milagres, atribuídos todos ao Papa Calisto II, conforman o núcleo central da obra, que ten como obxectivo servir de propaganda a Compostela; persoas dos máis diversos países de Europa ou doutras terras, ben desde o seu país de orixe ou ben en camiño a Compostela, piden axuda ao Apóstolo e este concédellela, salvándoas da morte, do cárcere ou do poder do demo. Están narrados nun estilo lixeiro e case familiar, propio para o recitado oral a que posibelmente estivesen destinados; algúns dos feitos maravillosos que se nos narran resultan amenos e de fácil lectura, a pesar da inxenuidade que loxicamente caracteriza este tipo de narracións. Podemos mencionar os que tratan da resurrección de Xácome, do hóspede malvado, da apertura das portas do altar, de Santiago Apóstolo como cabaleiro ou de Guillelme e o conde.

Ten unha especial importancia a historia fantástica de como Carlomagno librou España do poder dos mouros, contada por don Turpín, arcebispo de Reens —o Pseudo-Turpín—, porque nos revela que xa no século XII chegaran a Galiza os cantares de xesta franceses a través do camiño de Santiago. Nesta historia cóntasenos como Carlomagno ve no ceo un camiño de estrelas, a Vía Láctea, e se lle aparece o Apóstolo Santiago, quen o induce a liberar Galiza dos mouros; entón penetra na Península cun grande exército, conquista Pamplona e vai en romaría a Compostela, restablecendo a crenza de Deus e conquistando a continuación toda España; antes de marchar para Francia enriquece a Igrexa de Santiago. Máis tarde, cando o mouro Aigolando invade España, Carlomagno regresa para o vencer en numerosas batallas e darlle morte. Tamén se narran as aventuras do xigante Ferragudo, seguidas das batallas de Carlomagno con Almanzor e a traición de Ganelón, que conduce á morte de Roldán en Roncesvalles. No conxunto destes relatos obsérvase a narración de grandes feitos cabaleirescos e torneos, así como fazañas milagrosas, coa intervención do elemento divino e humano e a constante presencia da fantasía e da hipérbole, xunto con comentarios moralizantes e discusións filosóficas. A  gesta de maldizer  de Afonso López de Baián "Sedia-xi Don Belpelho", de arredor de 1250, é unha paradia dos cantares épicos con clara referencia á  Chanson de Roland,  o que a converte en testemuño da presencia temperá da temática carolinxia no noso ámbito cultural.

Do total de once capítulos de que consta a  Guía de Peregrinos  só achamos traducida unha parte do capítulo IX e todo o XI, que inclúen a descrición parcial da cidade de Santiago e das súas igrexas, de sumo interese para coñecermos a Compostela do século XII: sitúa a cidade entre os ríos Sar e Sarela, describindo as entradas e as portas, para seguir coas igrexas alí existentes, deténdose especialmente na catedral, onde nos fala das dimensións, das torres que a compoñen, das capelas, do sepulcro do Apóstolo e do altar que está sobre el.

Os textos interpolados están tirados de diferentes fontes, como a  Legenda Aurea  de Vorágine, as  Etimologías  de San Isidoro, o apócrifo  Vindicta Salvatoris  e a  Historia Scholastica  de Pedro Comestor, xunto con outros textos latinos; deles proveñen a narración da morte de Santiago o Menor en Xerusalén e a fantástica traslación da súa cabeza a Santiago de Compostela, así como a chegada dos tres Reis Magos a Xerusalén e a asunción da Virxe María. Tampouco faltan nesta obra miscelánea os temas relacionados co Ciclo Artúrico, como as referencias á historia de Vespasiano e de Xosé de Arimatea, coa destrución de Xerusalén por Tito e a historia de Pilatos.

A pesar da estrutura confusa do libro e da súa heteroxeneidade, e aínda tendo en conta que a historia do Pseudo-Turpín se adscribe ao ciclo de Carlomagno ou Ciclo Carolínxeo, como tamén esta parte, xunto con outras moitas do libro, xira arredor da figura do Apóstolo Santiago e da cidade que leva o seu nome, parece lóxico que esta obra a clasifiquemos dentro da prosa xacobea.

Crónica de Santa María de Iria

É un texto galego do século XV, hoxe conservado en dúas versións, unha nun códice de 14 follas do Arquivo da Catedral de Santiago e en dúas copias máis tardías do mesmo da Biblioteca Nacional de Madrid —século XVI— e da Biblioteca Universitaria de Salamanca —século XVII—, outra nun manuscrito do século XVII da Biblioteca Vaticana. López Ferreiro daba conta a fins do XIX da existencia doutros cinco manuscritos, hoxe descoñecidos. Foi editada deficientemente en 1951 por Jesús Carro García.

A pesar de ter sido atribuída sen base suficiente a Rodríguez del Padrón, relegando a Rui Vázquez, modesto cura de Mazaricos, ao papel de simple copista, é este o autor que asina a  Corónica,  declarando tela terminado en 1468; a pouca ambición da obra, con bastantes erros e inexactitudes, favorece esta autoría. A intención declarada do autor era salvagardar e perpetuar a memoria da igrexa de Santa María de Iria, onde en primeiro lugar se establecera a sé episcopal, antes do seu traslado para Santiago de Compostela, sendo de grande importancia para coñecermos a prehistoria e o establecemento do bispado compostelán; tamén inclúe unha relación de bispos de Iria e Compostela desde o principio até chegar a Diego Xelmírez.

Traza un esquema das idades do mundo até que o corpo do Apóstolo Santiago foi trasladado a Compostela a través do porto de Iria; fai alusión aos vándalos, suevos e godos, para se deter na fundación dunha igrexa e dun bispado en Iria Flavia (Padrón) en tempos do rei suevo Miro e por iniciativa do mesmo. Seguidamente enumera os bispos de Iria, glosando os seus feitos principais, entre os que está o descubrimento da tumba do Apóstolo na época de Afonso II o Casto, quen como consecuencia muda o bispado para Compostela sen permiso do Papa, conseguido posteriormente xunto coa exención da súa dependencia de Braga. Continuando co reinado dos seguintes reis de León e coa enumeración dos bispos de Compostela, relata a acusación de sodomía contra o bispo Ataúlfo e o milagre do touro «assanhado» que lanzaran contra el, mais que lle entrega os cornos en sinal de sometemento, servindo de proba da inocencia do bispo; relata tamén no reinado de Afonso III o Magno a construción dunha nova igrexa e a súa consagración; o milagre da salvación do bispo Gondesindo, que vivira en pecado e morrera subitamente; a batalla de Clavijo e os votos de Santiago no reinado de Ramiro II; a guerra contra os normandos e a defensa feita polo bispo Sisinando; a chegada de Almanzor a Compostela e o mal de disentería que acometeu os mouros; os feitos acaecidos durante os bispados de Cresconio e Diego Pais; finalmente, conta os sucesos da época en que don Raimundo e dona Urraca eran condes de Galiza e as grandes empresas do arcebispo Diego Xelmírez, que engrandeceu a súa igrexa e converteu Compostela nunha das cidades máis importantes do seu tempo. A historia detense no ano 1108.

No medio do relato histórico, cando o autor falaba de que en Iria ficaban sepultados 28 bispos, xacendo tamén o arcebispo Rodrigo de Luna, aproveita este feito para facer unha longa interpolación de acontecementos que tiveron lugar na súa época — século XV—, como a loita entre o arcebispo de Santiago e a nobreza, en especial contra o conde de Trastámara en 1459 e 1461, a prisión do arcebispo Afonso de Fonseca en Noia en 1465 levada a cabo por Bernaldo Eanes de Moscoso, o cerco da catedral en 1466, a revolución irmandiña e a morte de Álvaro Pais de Soutomaior en Tui no ano 1468. Tal interpolación de feitos coetáneos resulta moi valiosa desde o ponto de vista histórico, pois dalgúns deles é esta a única fonte que posuímos.

Para a elaboración da obra o autor baseouse en dous textos latinos, o  Chronicon Iriense  e a  Historia Compostellana,  do século XII, sendo tamén posíbel que botase man ao principio do  Chronicon ex Historiae Compostellanae;  a versión que fai destes textos ao galego resulta bastante deficiente, chegando en ocasións a alterar o sentido das frases. Para a interpolación de feitos contemporáneos, sobre todo os relacionados coa área de Iria que parece coñecer ben, o autor apoiaríase nos sucesos máis recentes vividos por el mismo.

Esta pequena obra de carácter historiográfico e narrativo, mais pouco ambiciosa tanto desde o ponto de vista do seu valor histórico como literario, ten non obstante un grande valor lingüístico, dada a escaseza de textos galegos de certa extensión no último período da Baixa Idade Media. A abundancia de castelanismos, ás veces moi rechamantes por afectaren a palabras que aínda hoxe resisten moi ben a presión do castelán, denuncia a forte penetración da lingua de Castela no ámbito da escrita e o próximo inicio dun longo período de desaparición case total da literatura en galego e tamén de postración cultural do país, consecuencia natural da dominación e colonización política de que este foi obxecto por parte de Castela. Galiza, privada do uso digno da súa lingua en todos os ámbitos, vai ficar muda durante séculos.

IMAXES