Etapa Medieval
Prosa histórica, relixiosa e xurídica medieval
Unha aproximación aos principais textos historiográficos galego-portugueses

General Estoria

A General Estoria foi o proxecto máis ambicioso de Afonso X; pretendía ser a Historia ,o estudio definitivo do transcorrer histórico desde a aparición do xénero humano (aceptando a versión bíblica sobre este suceso) ata o presente do reinado afonsino. Tan inxente tarefa precisaba dun extraordinario esforzo humano e económico, os cales non se podían soster sen o apoio dunha poderosa vontade de mecenado. Este foi o rol asumido polo rei castelán, quen, sen embargo, non renunciou a desempeñar un papel máis activo, que, aínda na actualidade, non podemos precisar con rigor, pois as obras históricas afonsinas son producto dun extraordinario traballo colectivo repartido entre persoas de distintas etnias; así, personaxes destacados no ambiente cultural musulmán e xudeu serían os encarregados de traducir os textos de orixe árabe ou hebrea, en que xa se recollera boa parte da tradición e do saber da antiga Grecia, mentres outros colaboradores compulsarían a diversa información alegada. A función do monarca castelán estribaría en xulgar a cualidade dos escritos, a proximidade ao orixinal das traduccións e a selección e combinación dos libros que consideraba apropiados para o coñecemento historiográfico dunha determinada época.

Ramón Menéndez Pidal defende a inclusión desta obra no segundo período da producción prosística afonsina, datábel entre 1269 e 1284; nestes anos a actividade do monarca oriéntase cara á producción de obras orixinais, descoidando a elaboración de traduccións, característica da etapa anterior (1250-1260). Esta división tan estricta parece obedecer á concepción da primeira fase como un paso previo forzoso para a posterior.

No prólogo da General Estoria enúncianse os principios sobre os que se sustenta esta magna obra; da lectura comparada deste fragmento co resto do volume resalta a fidelidade do grupo responsábel da redacción ás declaracións iniciais. Constatamos o emprego de numerosos escritos antigos como auctoritas e fontes históricas fundamentais para o coñecemento dos tempos pasados; estes dan conta da diversidade dos elementos que compoñen a concepción da historia que persegue o Rei Sabio; nela terán cabida materiais relixiosos, político-históricos, notas sociais e novelescas recollidas da Biblia ,dos seus comentaristas (santo Eusebio, san Xerome, Pedro Coméstor ...), de Ovidio, de antigas historias escritas en torno a civilizacións como a latina, a exipcia, a asiria ou a troiana, de diccionarios etimolóxicos, de Plinio, de historias romanceadas, de misceláneas, de obras retóricas, etc. A fidelidade máis rigorosa aos libros consultados coexiste coa intención declarada de facer a obra historiográfica definitiva mediante a consulta de todas as fontes de información posíbeis, mesmo as de autoría anónima como as Multe ystorie et troiane et romane. Levados por este pulo enciclopedista, os compilatores non terán reparo en citar autores cuxas obras non coñecían (entre eles Eurípides, Platón ou Homero), primando o criterio de autoridade sobre o espírito crítico; así, apreciamos a primacía concedida ás fontes máis amplas sobre as máis reducidas ou a presentación parella de opinións contrapostas, sen que o compilador pareza decidirse por algunha delas, tarefa que abandona ao parecer do lector.

Aínda que o propio Afonso afirma que realizou un labor de escolla entre as fontes a consultar en función do grao de fiabilidade e verosimilitude dos feitos narrados nelas, por veces non se resiste a incluír opinións que non estima certas ou a recorrer a explicacións fabulosas ou noveladas que lle semellan máis interesantes que as realmente históricas e ás que dá o mesmo creto; fiel á mentalidade medieval, consideraba que todo o que se escribira reflexaba verazmente a realidade.

O didactismo preside o seu labor historial; o principal propósito de Afonso X cifrábase en que os seus posíbeis oíntes ou lectores se decidisen a imitar os bos exemplos e nobres feitos dos antergos e rexeitasen calquera tipo de comportamento errado, ao tempo que aprenderían a discernir o bo compañeiro ou conselleiro do malvado. O monarca concordaba coa idea tan presente no Medievo de que se poden advertir situacións similares entre os feitos xa pasados e os que están a se observar na propia época do lector; concebida deste xeito, a historia non se reduciría a unha simple exposición de antigos sucesos senón que tería unha función activa posterior á lectura do texto indicado. A presentación das accións pasadas como se estivesen pasando diante dos nosos ollos atende a esa dobre ambición de actualidade e ensino.

Conservamos un só testemuño galego desta obra, custodiado na Biblioteca do Escorial de Madrid coa signatura Ms. O.I.1. Procedente da biblioteca do conde-duque de Olivares, o códice está escrito en letra gótica cursiva moi regular, correspondente á primeira metade do século XV e soporta unha numeración moderna, a lapis, defectuosa.

O copista encargado da traducción galega non foi capaz de achar a equivalencia de todas as palabras correspondentes ao orixinal castelán, polo que opta por deixar espacios en branco coa pretensión, irrealizada, de enchelos porteriormente.

Segundo Ramón Martínez-López, a acusada preferencia do traductor ao galego pola adición de valoracións persoais e un marcado sensualismo na escrita en comparación coas versións castelás son as principais características individualizadoras conservadas no códice galego.

Ante a falta de datos existentes, non podemos delimitar con exactitude o papel desempeñado por Nuno Freire (nome que figura nun par de notas marxinais) na redacción desta estoria , aínda que é máis probábel a súa identificación como escriba que non como traductor da obra.

Unha das primeiras preocupacións, e a máis constante dos críticos, á hora de estudiar a General Estoria foi a identificación da lingua en que estaba escrita, en galego ou portugués. Os sólidos argumentos de J. Leite de Vasconcellos foron determinantes para dirimir a cuestión a favor do galego.

O noso códice consiste nunha traducción incompleta do orixinal castelán, pois tan só comprende os seis primeiros libros e a metade do sétimo. Segundo Francisco Rico, o esquema constructivo do libro pretendería reflectir de modo simbólico as seis idades do mundo, transposición dos seis días en que, partindo da tradición xudeo-cristiá, foi creado o universo.

A narración atende a unha orde estrictamente cronolóxica que, se dunha banda facilita a visión comparativa dos sucesos máis destacados das civilizacións coexistentes no tempo, doutra obstaculiza o avance da historia; esta, por veces, resulta monótona pola insistencia en proporcionar noticias xenealóxicas ou pola exhaustividade perseguida na exposición dos datos, que respondía á pretensión universalista e enciclopedista dos compiladores. A este respecto, Inés Fernández Ordóñez destaca a extraordinaria importancia que adquire a orde cronolóxica na General Estoria. Se nun principio a escolla cronolóxica ven determinada pola condición dos xudeus como o pobo elixido por Deus, estes perden tal dereito cando se ven sometidos como nación, co que os axuntadores afonsinos reaccionarán trasladando o cómputo cronolóxico, sucesivamente, aos imperios máis sobresalientes en cada nova etapa histórica. Deste modo, a historia da humanidade non será máis que un trasunto da historia dos distintos rectores políticos e dos acontecementos que se suceden no exercicio da súa función. Así mesmo, esta disposición obedece tamén a unha intención lexitimista do Rei Sabio, que pretende derivar a súa liñaxe da dos grandes caudillos do pasado, que referían a súa elección á vontade divina.

En contadas oportunidades o ocasional narrador non se resiste a intercalar as impresións que os feitos relatados lle producen, interrompendo a narración e contribuíndo a unha presentación fragmentada da estoria; isto vese axudado polas continuas voltas atrás para explicar sucesos que xa tiñan sido anunciados páxinas antes. Este feito parece deberse á elaboración por separado da historia bíblica e pagá; ao unilas produciríanse distorsións no encadeamento que os autores da obra resolveron mediante a conxunción de estorias aunadas (unha grande unidade narrativa integrada por unidades narrativas autónomas que se reúnen co fin de resaltar a relevancia dun personaxe ou dunha acción) e estorias conplidas (son o relato por extenso dun feito — que podía abarcar un amplo período de tempo como o cerco de Troia—  que os compilatores consideraban decisivo, reunindo todas as noticias que tiñan sobre el).

O manuscrito galego serviu como base para unha posterior retraducción ao castelán no século XV (o ms. Y.III.12, conservado tamén na Biblioteca do mosteiro do Escorial). O traductor deste segundo códice descoñecía a tradición da obra e estimaba que o galego fora a língua orixinal en que se redactara o texto, dado o prestixio que este idioma acadara na corte afonsina como soporte doutras manifestacións literarias.

A traducción galega da "Crónica General" e da "Crónica de Castilla"

Os códices 8817 da Biblioteca Nacional de Madrid e o 2497 da Biblioteca Universitaria de Salamanca conteñen unha traducción ao galego da Crónica General e da Crónica de Castilla. O primeiro (designado habitualmente como o manuscrito A ) é un códice facticio, datado probabelmente entre 1295 e 1312, composto de dúas copias autónomas que se ensamblaron nalgún momento da historia do texto. Diego Catalán distingue dúas seccións neste texto:

  1. Na primeira, comprendida entre os folios 1 e 88, inclúese unha versión da Crónica General (e, máis concretamente, da denominada versión rexia ), seguida por uns folios de transición (89v-90v), en que se recolle unha compilación do Liber Regum.
  2. Ata o fol. 229 o autor verte unha traducción ao galego-portugués da Crónica de Castilla ,a través dun códice aínda descoñecido; de seguido o autor introduciu novas sobre os reinados de Fernando III, Alfonso X e Sancho IV. Nos últimos vinte folios inclúese unha versión da Crónica Particular de San Fernando ,en que se relatan polo miúdo os acontecementos sucedidos durante o reinado do Rei Santo.

Diego Catalán, baseándose nas referencias a estes reinados, así como na inclusión de datos que nos informan sobre a morte de Sancho IV e o título de rei que se outorga de Fernando IV, considerou que esta traductio debeu de ser redactada durante o reinado de Fernando IV (isto é, entre 1295 e 1312), datación que acepta Ramón Lorenzo para a totalidade da obra.

O outro manuscrito está composto por 137 folios de papel escritos nunha letra propia do século XIV. Do mesmo xeito que o anterior, contén unha traducción da versión rexia da Crónica General ; acaso se trate dunha copia directa do códice A —ou dun códice interposto, hoxe desaparecido—, se ben presenta numerosas correccións e modernizacións de tipo lingüístico que o afastan notabelmente do testemuño da Biblioteca Nacional.

A crítica ten adoptado unha postura ambivalente en torno ao problema da lingua orixinal en que foi redactada esta obra. Ramón Menéndez Pidal oscilou entre as denominacións de portugués, galego ou galego-portugués; L. F. L. Cintra, aínda que conxetura que a traducción foi probabelmente feita por galegos, a instancias do conde D. Pedro, opta polo marbete "galego-portugués", terminoloxía que adoptarán do mesmo xeito Diego Catalán e C. Michäelis.

Ante esta indefinición, Ramón Lorenzo efectuou un estudio das peculiaridades da lingua empregada polo copista do manuscrito 8817. Aínda que galego e portugués formaban nesta época unha comunidade lingüística, existen certos rasgos que permiten apuntar cara o norte ou o sur do Miño (o uso de che ,a desinencia -sche ,a alternancia b/v , a presencia ou ausencia de préstamos do castelán, etc.). O códice A emprega rasgos de tipo galeguizante e posúe, ademais, un acusado polimorfismo que, ao seu xuízo, é característico dos textos galegos medievais, dada a ausencia dun centro sociocultural desde o que se difunda unha norma de prestixio.

Crónica Geral de Espanha de 1344

Redescuberta por D. Ramón Menéndez Pidal en 1896, a Crónica de 1344 coñeceu dúas redaccións sucesivas. O códice castelán M (depositado na Biblioteca do Palacio Real de Madrid) afástase notabelmente dos restantes testemuños casteláns e portugueses, pois o redactor desta primeira versión, segundo L. F. L. Cintra, non emprega a Variante Ampliada da Primera Crónica General ata defrontar a narración dos feitos acontecidos no reinado de Ramiro I. Na segunda redacción (transmitida polos restantes manuscritos casteláns e portugueses: L —Biblioteca da Academia das Ciéncias de Lisboa—, P —Biblioteca Nacional de París—, Li —Biblioteca Nacional de Lisboa—, Ev —Biblioteca Provincial e Arquivo Ditistral de Évora— e C —Biblioteca Pública Municipal de Porto—) refúndese este texto historiográfico xa nas primeiras seccións, ao tempo que se verifica unha modernización da lingua e unha maior estilización expresiva.

A versión máis antiga da crónica comezaba, segundo o erudito portugués, cun esquema de historia universal de corte xenealóxico, seguido dunha versión da Crónica do Mouro Rasis (sección na que, tras incluír unha descrición xeográfica de España, se nos informa sobre certos sucesos relativos ao dominio godo e as circunstancias da conquista árabe). Tras unha relación nominal de reis e unha refundición particular do Liber Regum (que inclúe unha relación sumaria dos reis de Castela, León e Asturias protagonistas dos albores da Reconquista), o redactor efectúa unha narración detallada da historia de España a partir do reinado de Ramiro I; para isto serviráse, como advertimos anteriormente, da Variante Ampliada da Primera Crónica General.

Na segunda versión sustitúese a xenealoxía inicial por un prólogo de base afonsina, así como por un relato fabuloso sobre a prehistoria peninsular inspirada tamén na Variante Ampliada ;asemade, a sección referida ao Liber Regum é suprimida en favor de capítulos sobre a dominación romana e goda, derivados da Primera Crónica.

A xuízo de L. F. L. Cintra, a primeira versión estaría elaborándose arredor de 1344; a segunda redacción, pola contra, non se move nuns límites cronolóxicos tan claramente definidos e só podemos hipotetizar, en base á reconstitución do stemma codicolóxico, que probabelmente foi acometida a principios do XV.

As dúas redaccións proceden en última instancia dun orixinal portugués. Ademáis dos argumentos de índole filolóxico-lingüística, o profesor Cintra asegura que hai datos de índole histórico-literario que sustentan a hipótese do orixinal portugués, dado que ao longo do texto se fai unha apoloxía constante de persoeiros desta nacionalidade, así como mencións frecuentes a sucesos da historia do país veciño. Polo tanto, o sentimento nacionalista que alenta tras as palabras do primeiro redactor parecen reafirmar esta tese.

Sinatura de Don Dinís.

Despois de examinar minuciosamente as relacións entre a Crónica de 1344 e o Livro das Linhagens, o profesor lusitano chega á conclusión de que hai un certo número de coincidencias e pontos en contacto que a mera utilización de fontes comúns non xustifica suficientemente. Esta estreita relación impulsa ao ilustre investigador a plantexarse a cuestión da autoría deste texto, atribuído ocasional e erradamente a Afonso XI de Castela, ao infante don Juan Manuel e mesmo a un dos seus copistas —Manuel Rodrígues de Sevilla—. Fronte a Menéndez Pidal, quen prefería consideralo anónimo ante a ausencia de probas decisivas, Cintra opta por asignar a iniciativa da Crónica de 1344 a don Pedro, Conde de Barcelos, baseándose en argumentos de tipo biográfico e literario; esta é a tese aceptada hoxe xeralmente.

A Crónica de 1404

En 1896 don Ramón Menéndez Pidal advertiu sobre a existencia dunha obra que, se ben nun principio xulgou unha copia pouco esmerada da Primera Crónica General ,posteriormente considerou un texto autónomo, redactado por un portugués entre 1403 e 1404. Esta crónica epigonal consérvase en tres testemuños: V (custodiado na Hispanic Society de Nova Iorque) , E (Biblioteca do Escorial) e S (Biblioteca Menéndez Pelayo de Santander); este último é o máis antigo (data de comezos do XV) e abrangue desde a historia de Fernán González ata a conquista de Valencia polo Cid, mais o texto completo só se conserva no manuscrito V (que debe a súa sigla ao bibliófilo Vindel). S revélase como o manuscrito máis próximo ao arquetipo desta familia cronística. Mentres V presenta unha traducción parcial ao castelán certamente descoidada, con omisións, erros de lectura e galeguismos frecuentes, E manifesta unha vocación pulcra e solícita por parte do seu autor, que, ademais, pretende modernizar a linguaxe para facela máis comprensíbel.

Na Crónica de 1404 podemos distinguir catro seccións:

  1. A referida ao período comprendido entre o inicio do mundo e a chegada dos godos.

A diferencia do resto do manuscrito, o autor combina diversas fontes, de tipo histórico ou lendario, e leva a cabo un auténtico labor de refundición.

  1. Na segunda parte, procedente da Primera Crónica General ,relátanse os sucesos ocorridos entre a invasión goda e o reinado de Ramiro I.
  2. A terceira sección, que inclúe desde o reinado de Ramiro I ao de Fernando III, está claramente inspirada na traducción galega da Crónica General e da Crónica de Castilla, así coma nunha historia das cruzadas.
  3. A nosa obra conclúe co relato dos acontecementos máis destacados do reinado dos sucesores de Fernando III, (ata Enrique III).

O compilador da Crónica de 1404 inspírase en materiais de diversa procedencia e desigual interese. No texto deixaron a súa pegada a Chronica de Isidoro de Sevilla, as súas Etimologías ,o Corpus Pelagianum ,o Liber Regum e a materia de Bretaña, a Historia de Rebus Hispaniae de Rodrigo Jiménez de Rada, a Primera Crónica General ,a Crónica de Castilla e a Historia rerum in partibus transmarinis gestarum de Guillermo de Tiro. Asemade, o noso autor bebe na Biblia ,na Historia de Orosio e en obras como a Metamorfose de Ovidio. Esta longa relación demóstranos como neste período circulaban no territorio lingüístico galego-portugués unha serie de materiais de diverso cuño, acaso compilados por iniciativa de don Pedro, conde de Barcelos.

A pesar da anominia do texto, o profesor Pérez Pascual asegura que podemos entrever na obra unha serie de datos que nos permitar trazar a radiografía intelectual do responsábel da súa redacción. A través das súas interpolacións nos materiais que utiliza, pódese precisar que 1404 foi a data de composición da Crónica ;podemos deducir ademais que procedía do occidente peninsular e moi probabelmente de Galicia, posto que a pluma do compilador transparenta o que o devandito investigador denomina entusiasmo localista, isto é, mencións positivas da historia e realidade galegas. A constante alusión a temas relixiosos e a inclusión de certas digresións de corte teolóxico fortalecen a hipótese da máis que posíbel condición eclesiástica do autor. Porén, este galego, que residira en Castela cara a 1390, parece estar afastado dos grandes centros culturais do momento, dado que o seu perfil intelectual corresponde a un home de cultura media e anticuada.

Un dos asuntos máis debatidos pola crítica ten sido o do "bilingüismo" do manuscrito Vindel e as causas que motivaron esta alternancia de linguas. R. Menéndez Pidal enunciou a hipótese máis xeralmente aceptada, segundo a cal o autor comezara a escribir en castelán ese manuscrito para posteriormente, por cansanzo ou por non dispor de certos materiais, abandonalo e refuxiarse no galego. Non obstante, o profesor Pérez Pascual, tras analisar detidamente as peculiaridado castelán da primeira parte do manuscrito (preñado de galeguismos e hipercasticismos), conclúe que o seu copista, presumibelmente de orixe galega, pretendeu nun principio abordar unha traducción ao castelán dun texto galego-portugués anterior, lingua que só coñecía superficialmente.

IMAXES