Introdución
Definición, características e periodización da literatura galega
A etapa contemporánea (S. XX)

O segundo Renacemento: As Irmandes da Fala , o Grupo Nós , e o Seminario de Estudos Galegos (1914-1939). Este novo período de esplendor da nosa literatura comeza coa primeira guerra europea (1914), cos momentos culminantes do movemento agrarista en loita pola abolición do foro e a fundación das Irmandades da Fala (1916), e remata coa guerra civil española e as súas consecuencias para a literatura galega no interior do país: o silencio.

Ensaio de Castelao.

Coinciden tres xeracións durante este segundo renacemento da nosa literatura, imbricadas de tal xeito que algúns membros das Irmandades ( Vilar Ponte , Cabanillas ...) son tamén membros do Grupo Nós ( Castelao , Otero , Risco ...) e os denominados novecentistas ( Manuel Antonio , Amado Carballo , Rafael Dieste , Euxenio Montes...) discorren en paralelo con aqueles e son coetáneos do Seminario de Estudos Galegos ( Bouza Brei , Aquilino , Cunqueiro ...). Polo tanto, os homes das Irmandades serían os que iniciaron a sua actuación entre 1916 e 1921 seguindo os principios daquela organización culturalista nacionalista. O Grupo Nós, alén da idade dos seus membros, actuaría desde 1921 até a guerra civil, e a xeración do Seminario, 1924, actuaría desde fins da Ditadura de Primo de Rivera e durante todo o período republicano. Son, pois, xeracións entre dúas guerras: 1914-1936.

Existe un fío condutor en todo este período cal é a presencia da ideoloxía nacionalista sen ambigüidade, isto é, a clara "superación" do rexionalismo. As Irmandades tiñan como obxectivo prioritario a defensa e práctica artística e social da lingua, pero a tendencia á actuación política non tardou en aparecer (Asemblea celebrada en Lugo, 1918, co programa político dela xurdido; participación nas eleccións do mesmo ano). A tensión entre actividade culturalista e activismo político foi resolta a favor da primeira, non sen conflitos, coa chegada da Ditadura de Primo de Rivera (1923). Grandes escritores son tamén grandes ensaístas políticos.

Xa desde 1920, a Revista Nós ,que deu nome á xeración, exterioriza unha fasquía claramente culturalista, fronte á máis variopinta de A Nosa Terra , revista fundada en 1916 como voceiro das Irmandades, que, andando o tempo, pasará a ser o órgano oficial do Partido Galeguista , creado en 1931, coa chegada dos novos tempos democráticos e republicanos. A este partido irán arribando todos os xérmolos galeguistas, xa culturalistas, xa pragmáticos, que apareceran con anterioridade, desde 1916. Por iso é polo que, desde Cabanillas a Carvalho Calero , por citarmos dous extremos xeracionais, concitaranse vontades de xentes disímiles que configuraron este partido como unha especie de fronte patriótica, non exenta de tensións e de escisións aínda que fosen minoritarias e por conta do culturalismo tradicionalista ou dereitista.

Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional de Antonio Villar Ponte (A Coruña, 1916) abre o período na súa leviá superación do rexionalismo desde unha perspectiva liberal; Doctrina Nazonalista (Ferrol, 1921) do seu irmán, Ramón Vilar Ponte , é crucial na plasmación teórica dun nacionalismo anti-imperialista, democrático e pacifista, que é a matriz do nacionalismo galego; Teoria do nazonalismo galego , de Vicente Risco (Ourense, 1920) representa unha visión europeísta, mítica e irracional do nacionalismo; o seu El problema político de galiza (Madrid, 1930) é unha expresión máis política, moi en consonancia coa urxencia de defender os intereses galegos fronte ao Estado Español, na intuición de que se aveciñaban novos tempos democráticos que o posibilitarían. Sen esquecer as grandes contribucións de Suárez Picallo á interpretación do problema nacional desde unha óptica progresista, o resultado da experiencia recollida pola actividade do PG non só durante a República, senón tamén no exilio, orixinou os textos de Sempre en galiza de Castelao (Buenos Aires, 1944), nos que se oferece unha visión global da problemática nacional desde unha perspectiva anti-imperialista e populista, democrática, republicana e anti-fascista. O concilio de actividade política e práctica artística está presente en moitos escritores da época: Cabanillas, Otero, Risco, Castelao, Suárez Picallo, Eduardo Blanco Amor , Carvalho Calero...

En termos estritamente culturais-literarios e lingüísticos o proprio salto da revista La Centuria (1917), subtitulada "revista neosófica", dirixida por Vicente Risco, escrita en español, a Nós, tamén dirixida por Risco, pero en galego, a partir de 1920, é significativo.

Non deixa de ser sintomática que a práctica unilingüe na literatura, xa que se abranguen todos os xéneros literarios (novela, teatro, poesía, ensaio...), coincida coa etapa de logro definitivo do acceso do campesiñado á propriedade da terra, polo que a posibilidade da sua conversión en clase nacional non aparecía como utópica (así o tiñan demostrado nas grandes mobilizacións agrarias desde comezos de século). O problema estaba na clase rectora ou dirixente, que seguía a estar feblemente conformada por pequena burguesía intelectual e administrativa, ou fidalguía rural, en menor escala, efectiva na plasmación de proxectos culturais pero incapaz de conectar coas masas campesiñas, no cabo os seus verdadeiros destinatarios e a clase máis xenuínamente nacional pola súa importancia cuantitativa e a súa instalación lingüístico-cultural. A alternativa de galeguización asentábase nun modelo pequeno burgués e populista. Pero non houbo colaboración de adiñeirados, agás o caso da familia Peinador, moi louvada nas páxinas de A Nosa Terra pola súa desinteresada axuda aos proxectos culturais nacionalistas, e o seu investimento de cactos dentro da patria mesma. O balneario de Mondariz converteuse en centro de actividades galeguistas. Non é estraño que, por esta simbiose de agrarismo e galeguismo, Cabanillas fose saudado xa en 1917 como "poeta da raza" por A Nosa Terra .

Os homes das Irmandades parecían ter claro que o que eles chamaban xa segundo renacemento da cultura galega coincidira coa grande guerra europea, "verdadeiro 'resurrexit' do principio das nacionalidades naturaes" (cfr. A Nosa Terra ,número 33, 10 Outubro de 1917, artigo anónimo, "R. Cabanillas, poeta da raza"). Pensaban que o poeta representativo estaba anunciado xa polos movementos agrarios de 1907 e 1908. Por tanto, había unha conciencia de levantar unha cultura galega normal a nivel social nos campos máis diversificados: o teatro, a ópera, o ensaio, a novela, mesmo o cinema... Non en balde se defende xa o ensino do galego e en galego como na campaña a prol do libro escolar galego. O primeiro dicionario propriamente dito, galego-castelán, da autoría de L. Carré , é tamén desta época. Aínda hoxe causa asombro o esforzo editorial de Lar , empeñada en sacar do prelo todos os meses as noveliñas curtas, editando poesía, ensaio, narracións, teatro, sabendo que "hoxe, cos escasísimos lectores de libros galegos que hai, ao editar obras galegas a maior parte das veces non se cubren os gastos de edición". Pero conscientes de que "facía falla en Galicia unha editorial de libros galegos" (cfr. Céltiga, 10-1-1927), en expresión de Leandro Carré, director, e Ánxel Casal, administrador.

Vicente Risco

Será precisamente despois da primeira guerra mundial e da revolución soviética, da independencia de Irlanda, e en práctica coincidencia coa consumada conversión dos campesiños en proprietarios da terra, que aparecerá o fenómeno vangardista en galego (tensionado entre a expresión españolizante e a nacionalista: expresión da primeira serían as revistas Alfar da Coruña ou Ronsel de Lugo).

Os membros da xeración Nós, ou máis agudamente os vangardistas (Correa Calderón, Manuel Antonio , Amado Carballo , Euxenio Montes) querían dar á literatura galega "un senso novo e actual", é dicir, novas formas e novas ideas, o que se traduce en dar "modernidade precisa á ista fala d'ouro e de ferro" (cfr. "Páxinas extranxeiras", de Correa Calderón, en A Nosa Terra ,número 76, 25-12-1.918). Futurismo, creacionismo, dadaísmo, fan a aparición na obra dos poetas devanditos moi cedo, en conexión coas vangardas francesas, catalanas, portuguesas ou españolas. As conexións da literatura e outras manifestacións artísticas están presentes na obra de Castelao ou de Cebreiro, que conseguen unha simbiose de elementos de tradición popular e vangardista que lle dan un cariz proprio ás manifestacións culturais galegas deste tempo. A expresión teórica máis anti-convencional da vangarda galega está representada polo Manifesto de Manuel Antonio e de Álvaro Cebreiro, Máis Alá (1922) que foi amabelmente criticado por A Nosa Terra polo seu ton inxustificadamente irreverente cos clásicos galegos. Elementos surrealistas atopámolos en De catro a catro de Manuel Antonio. O vangardismo e unha certa tradición neopopulista aboian nos poemas do novecentista Eduardo Blanco Amor, e de Carvalho Calero ou Bouza Brei, pertencentes á xeración do SEG. En definitiva, a comuñón e interconexión da nosa literatura con outras europeas, responde a un afán de modernidade que ten como obxectivo librar Galiza da dependencia da cultura española, facéndoa suxeito directo de coñecimento do mundo. A Xeración Nós, ou se se quer os Novecentistas da cultura galega, cumpriron esta función.

Antes, durante e despois da independencia de Irlanda, esta nación representou un modelo para Galiza, a pesar de que a súa literatura coñecida e louvada se vehiculizase en inglés (Swift, Wilde, Shaw, Yeats...) e mesmo teña un certo tufo antinacionalista (o caso do proprio Joyce). O outro polo de admiración e intercambio, por motivos de identidade lingüística, será a cultura portuguesa, coa que se manterán contactos máis reais e persoais (Teixeira de Pascoaes, Leonardo Coimbra, José Joaquim Nunes, António Sardinha, Rodrigues Lapa...).

Realmente, este período da nosa literatura demostrou, de forma abafante, que a contribución de Galiza á literatura universal, así como toda asimilación creativa do externo, esixe non esquecer as proprias raíces.

A literatura máis recente. Baixo este rótulo, faremos figurar unha traxectoria literaria que se desenvolve até os nosos días. No medio século posterior ao fin da guerra civil española (1939) e, se se quer, ao da segunda guerra mundial con ela conexionada (1939-1945), podemos facer as seguintes subdivisións significativas, desde o aspecto cuantitativo e o cualitativo, se atendemos a fenómenos intrínsecos ao proprio proceso da escrita literaria, e en canto a fenómenos externos que o determinan. Así non é difícil explicar que agrupemos practicamente unha década (1940-1950) baixo o epígrafe " silencio interior e exilio "; tampouco resultará estraño que falemos dunha "nova e lenta eclosión" (de 1951 a 1980), período subdivisíbel, por razóns que explicaremos, no ciclo dos "precedentes" (1951-1958) e no da "eclosión propriamente dita" (1959-1980); por fin, aludiremos a unha situación na "encrucillada" para nos referir ao período máis actual (1981-...).

Durante o ciclo " Silencio interior e exilio (1940-1950) " cabe subliñar que a principal actividade cultural e literaria galega transcorre nas comunidades de emigrados da América (Arxentina, Chile, Uruguai, México e Cuba...). O activismo dos escritores, artistas e políticos no exilio, aqueles que non foron apreixados ou fusilados dentro do país, garante a continuidade da literatura galega: Rey Baltar, Luís Tobío , Rafael Dieste , Luís Seoane , Emilio Pita , Alonso Ríos, Lorenzo Varela , Blanco Amor , son os nomes máis prestixiosos. Capital foi o labor político de Castelao no exilio bonaerense, quen aliou a actividade cultural coa política mantendo viva a oposición ao rexime franquista e o impulso nacionalista, en expresión cada vez máis depurada. Se xa en 1941 estrea Os vellos non deben de namorarse (posterior edición en 1953, en Montevideo), en 1944 verá a luz o seu maxistral libro Sempre en Galiza ,o máis importante conxunto de ensaios sobre o noso problema nacional que se ten publicado até hoxe. Non en balde será a edición de 1961 (segunda edición) —durante o ciclo da eclosión— a que terá maior difusión na Galiza, marcando o pensamento político e cultural das novas xeracións. O fin da Segunda Guerra mundial e a posterior guerra fría irán posibilitando que o antifranquismo se debilite nos sectores republicanos e que o nacionalismo nidio de Castelao sexa boicoteado non só no exterior (Goberno da República no exilio...) senón tamén nos restos do PG no interior, na Galiza. A data da morte de Castelao — 1950— faise así emblemática; co seu enterro acelerouse un proceso de dexeneración política nas comunidades de emigrantes na América, polo menos do ponto de vista nacionalista, e parece a voz de alerta para restrinxir a actividade culturalista, o traballo na Galiza. Antes de 1951, Cómaros verdes (1947) de Aquilino Iglesias Alvariño (da xeración do SEG), dentro con todo dun paisaxismo nada problemático, indica que hai escritores en galego á espera de mellores tempos, os mesmos que, sen dúbida, esperaba Otero Pedrayo cando fai uso público do galego nun acto de homenaxe a un poeta católico e pragmático, Lamas Carvajal , en 1949, non sen desagrado na oficialidade.

A "nova e lenta eclosión (1951-1958 / 1959-1980)" dunha nova xeira restauradora da literatura galega iníciase coa fundación da editorial Galaxia (1950) por parte de sectores máis ou menos vinculados noutrora ao PG, dispostos a enterrar non só aquel partido senón o activismo político nacionalista na Galiza dominada polo franquismo. A verdade é que, á marxe dos condicionamentos políticos do momento —entre outros, unha forte censura—, Galaxia parecía perseguir a continuación do ensaísmo da Xeración Nós ,pero en intento máis elitista e cosmopolita, ou dito doutro modo, en versión máis atlantista ou europeísta —proburguesa e pro-occidental—. En 1956, Piñeiro e Celestino Fernández de la Vega traducen Da esencia da verdade de Heidegger. Resucitaba un nome non problemático, histórico na literatura galega, Ramón Cabanillas coa sua Antífona da Cantiga (1951), antoloxía de cantigas populares, libro iniciático da andaina do novo proxecto cultural. Hai que recoñecer que o non disimulado gosto da editorial polo ensaio, é dicir, polo pensamento, desagradaba ao Rexime que non deixou de pór impedimentos burocráticos e censoriais. Había, pois, nalgúns aspectos, unha clara conciencia de continuar o labor cultural cortado. Paralelamente escritores galegos ameazados, amordazados e perseguidos, como Carvalho Calero , conscientes de que hai que pular pola prosa, reinician o seu labor (A xente da Barreira ,1950).

Nestas condicións recuperouse na poesía o neotrobadorismo ao Bouza Brei ou o imaxinismo ao Carballo que serán trascendidos por dous poetas non vinculados ás xeracións de preguerra: Cuña Novás co seu Fabulario Novo (1952) e Manuel María co seu Muiñeiro de brétemas (1950) e Morrendo a cada intre (1952). O soño sulagado (1954) de Celso Emilio Ferreiro e Os Eidos (1955) de Novoneyra sinalarían tamén novos camiños, xuntamente con Bernardino Graña .

Recuperación máis sorprendente para a literatura galega foi a de Álvaro Cunqueiro (tamén da xeración do SEG) que se reviste de fantástico cronista popular en Merlín e familia (1955 ) e As crónicas do Sochantre (1956), libros de narracións que, xunto con Á lus do candi l (1953) de Anxel Fole , representan a grandes fabuladores que transmitiron a riqueza máxica da nosa concepción do mundo e o enlevo dos nosos tipos e situacións tradicionais, en simbiose con tradicións literarias antigas, alleas pero irmás.

O tratado hispano-ianqui de 1953, a guerra de Corea (1950-1953) co seu paralelo anticomunismo propagandístico, e os primeiros planos de estabilización económica do rexime —1959—, que empezaron a resituar o papel de Galiza como fornecedora de man de obra barata para a emigración, crearon maior integración do Rexime a nivel internacional, así como os primeiros amagos de narradores novos: velaí a esperanza espertada por Mourullo co seu Nasce un árbore (1954) e Memorias de Tains (1956). En 1956, cando se celebra o I Congreso da Emigración Galega ,as súas Actas Oficiais serán redixidas en galego. Pero este lento agromar quedaba esmorecido por falta de organización e dinamización política na sociedade.

A verdadeira eclosión está premonitoriamente anticipada por unha grande novela que se publica en Buenos Aires en 1959, da autoría dun home emigrado de mozo, e xa cunha importante obra poética anterior á guerra, en galego: Eduardo Blanco Amor. A Esmorga é reveladora por moitos motivos: a tensión aínda nos chega de homes do exterior; traduce unha asunción obxectiva da realidade colonial; significa o afán por "historiar" ou "novelar" a realidade non historiada —anónima— e representa unha preparación para a volta á patria (un seu descobrimento ou redescobrimento). Este último proceso é o que se está a dar en mozos e mozas das xeracións de posguerra nun ambiente en que a solución de continuidade —política e cultural— tiña enfeblecido esta posibilidade no interior. Fenómenos como a revolución de Fidel Castro en Cuba (1959) ou a guerra da independencia en Alxeria que culminará exitosa en 1962, aguilloan a conciencia da identidade no interior de Galiza. A vida económica do país está afectada por cambios dun signo claramente capitalista e dependente, promovidos desde fóra: a central hidroeléctrica de Belesar comeza a funcionar en 1959, os primeiros pasos da concentración parcelar pola mesma época (comezos da década dos sesenta), igual que as repoboacións forestais do Estado. A perda de poboación en termos absolutos e relativos á española é un síntoma do papel reservado a Galiza como forza de traballo para a emigración (entre 1951 e 1960 abandonaron Galiza case un cuarto de millón de persoas).

Non en balde a eclosión literaria é sintomática: en 1961, desde o exterior, como lembranza da opresión, chéganos Memorias dun neno labrego de Neira Vilas , testemuña doutro tipo de realismo, diferente ao de Blanco Amor, menos complexo e de clara tendencia, obra dun emigrante autodidacta da posguerra que se integrou nun proceso revolucionario como o cubano. En 1962, Longa noite de pedra de Celso Emilio enfía o galeguismo por un marxismo, aínda que libresco, moi atento a inserir o problema galego dentro da óptica internacionalista e da solidariedade entre asoballados.

Son tres anuncios da conformación dun movemento político que se restaura, por fin, coa fundación da UPG (Unión do Pobo Galego) e do PSG (Partido Socialista Galego) en 1964, primeiras formulacións nacionalistas dentro da perspectiva marxista, momento a partir do cal podemos falar do xurdimento dunha nova narrativa galega representada por Carlos Casares ( Vento ferido , 1967), María Xosé Queizán ( A orella no buraco , 1965), Méndez Ferrín ( O crepúsculo e as formigas ,1961, Arrabaldo do Norde ,1964)..., proceso no que, se non xeracionalmente, si como potencialidade creativa —e por certo de rango superior— hai que colocar ao Blanco Amor de Xente ao lonxe (1972), construída —a pesar do seu historicismo na perspectiva dunha nación en marcha cara ao futuro. A reformulación da obra de Manuel María, o éxito de Longa noite de pedra desde 1967, segunda edición, a preocupación pola restauración do teatro como fenómeno social —Mostras de Ribadavia— e o relativo auxe do ensaio económico, político, literario, lingüístico... responden ás mesmas forzas expansivas dun movemento contraditorio pero rico —marxismo, nacionalismo, antifascismo, anticapitalismo, anticolonialismo...— Os nomes de Beiras Torrado , Cambre Mariño, Francisco Carballo , López Suevos, Alonso Montero ..., e a mesma entrega ao público da primeira edición da Historia da literatura galega contemporánea de Carvalho Calero son produtos desta dialéctica social anovada en relación co período precedente, ermo no aspecto político no interior. Esta atmosfera condicionará a creación literaria en termos positivos —tensión e vitalidade— até o inicio da década dos 80.

María Xosé Queizán.

É lóxico falar da " encrucillada (1981-...)", porque a instauración dunha democracia limitada e do marco autonómico, xunto coa integración na OTAN (1981) e uns anos despois na CEE, foron situando a literatura galega nun marco referencial en que é difícil non caír na tentación do estupefaciente. A literatura como fuxida ou como retórica parecía a única contribución posíbel desde a modernidade. Se a crise cuantitativa —estancamento ou mesmo retroceso inicial do número de libros editados en galego— dos anos da transición, foi sendo paseniñamente superada chegándose hoxe, no plano numérico, a cotas nunca acadadas, non é así no aspecto da vitalidade, agás no caso da poesía quizais. Hai unha forte presión cultural e ideolóxica, conducente ao mimetismo (novela policíaca, novela pseudo-histórica, novela de "aventuras"...). Ás deficiencias dunha cultura anormal, nunha situación internacional xa de por si problemática para a escrita literaria en calquera contexto, hai que engadir a política absorbente do poder institucional (premios, bolsas, subsidios...), a tiranía editorial e o desarme e a falta de tensión ideolóxica, que converten o escritor nun dócil axente cultural e a escrita nun ostentoso labor de imaxe. O que conduce a que se acepte o papel subsidiario da cultura galega e, por suposto, da literatura. Quérese aparentar que a nosa debe ser vivida como unha situación normal. Entre intereses individualistas, confusión, dificuldades obxectivas para a escrita, a literatura galega parece querer contar, de novo, ultimamente, co pulso do país. Nesta dirección existen síntomas, desde 1986, de recuperación do brío narrativo en novelistas, veteranos e novos, que centran os seus mundos literarios na complexa e conflitiva realidade circundante. Esta tendencia poderá consolidarse, se a tensión cultural e ideolóxica na sociedade é dabondo como para conseguir, aínda que sexa conflitivamente, aquela aspiración a que se tiña referido o profesor Carvalho Calero en 1985: "A política cultural ha respeitar a riqueza de iniciativas que a sociedade ofereza, protegendo e non limitando a liberdade de expresión artística e literária" (cfr. Estados e ensaios sobre literatura galega ,Ed. do Castro, A Coruña, 1989, p. 29).

IMAXES