Os Séculos Escuros e a Ilustración Galega

S. XVI-XVII-XVIII (1483-1702)

Despois da data simbólica da execución, por forca vil, do Mariscal Pardo de Cela en Mondoñedo (17 de Decembro de 1483) os Reis Católicos impuxeron a súa orde na Galiza. As consecuencias non deixan lugar a dúbidas sobre que sectores da sociedade galega foron os perdedores e que representou política e culturalmente a derrota dos partidarios da "Beltraneja" para o país:

— categoría puramente simbólica do reino de Galiza, convertido en virreinato con castelán-andaluces á fronte das súas institucións superiores (gobernador, xustiza maior..., bispos, abades).

—  anulación da autonomía dos mosteiros galegos, dependentes agora de centros casteláns.

— eliminación da nobreza autóctona como clase dirixente, coa sua aniquilación, exilio ou estranxeirización.

— obrigatoriedade de exame real para os escribáns públicos.

— consolidación do avance do castelán na diplomática e progresiva expulsión do galego da escrita.

— redución paulatina do galego a lingua oral.

Así, non poderemos falar de literatura galega propriamente dita nos séculos XVI, XVII e XVIII, e de aí a caracterización como séculos escuros, especialmente os dous primeiros, coincidentes co Renacemento e o Barroco na cultura imperial castelá-andaluza. Existe unha enorme precariedade, polos textos que posuímos, de literatura escrita en galego: algúns romances e sonetos, escasísimos textos en prosa e teatrais... Pero os galegos "cultos" tampouco contribúen á creación literaria en castelán. Parece como se o seu silencio fose a resposta ao seu papel de consumidores submisos. Só a literatura oral, tradicional ou popular, mantén unha vitalidade fóra de dúbida, chegando mesmo a deixar pegadas nos clásicos da literatura castelá-andaluza, como tipismo, e nos cantos das festas eclesiásticas do Nadal en toda a Península (panxoliñas, nadais, reis...). Cantigas de moi diversa índole, contos, lendas, refráns, adiviñas, e mesmo formas dramáticas rudimentarias alimentan artisticamente a vida do noso pobo, que, incluída a fidalguía, se mantiña oralmente na homoxeneidade unilingüe galega, na súa vida cotiá, como corresponde a unha sociedade rural do antigo réxime... Son, pois, condicionantes políticas as que explican que, practicamente, non haxa literatura galega escrita.

O salto cuantitativo e cualitativo do século XVIII hai que situalo máis no campo ideolóxico, mental, que no aspecto da escrita en lingua galega. O ambiente intelectual que se corresponde co racionalismo da Ilustración ten na Galiza manifestacións importantísimas de preocupación polo coñecemento empírico da realidade propria, ou na contribución á loita contra os prexuízos de todo tipo, entre eles os existentes contra Galiza e os galegos en España.

Os nomes de Feixoo, Sarmiento, Padre Sobreira, Pedro A. Sánchez, Xoán de Castro, Lucas Labrada, Xosé Cornide e Saavedra... ilustran sobre a importancia do ensaio filosófico, lingüístico, económico, naturalista... na Galiza do século XVIII. Todos, malia non o escribisen, consideraban o galego unha lingua irmá do portugués, Galiza unha "nación", unha realidade "natural", centro das suas atencións... A práctica da escrita en galego ficou reducida, porén, a casos e obras excepcionais (Sarmiento, Sobreira, Xoán de Castro, Cornide...). Pero foron un antecedente intelectual do Renacemento e dos seus precursores no XIX, na defensa de Galiza. Simbolizaron a oposición ao centralismo lingüístico e cultural da monarquía de Felipe V ou Carlos III. Non é esaxerado falar de proto-nacionalismo.