Os Séculos Escuros e a Ilustración Galega
A literatura popular
A creación e transmisión e as súas circunstancias

1. As maneiras de transmitir unha literatura oral

Os coñecementos literarios dos nosos antepasados, ao revés que os nosos, fóronlles transmitidos de viva voz e o seu coñecemento e participación na literatura do seu tempo fíxose case exclusivamente de modo oral: ler e escribir foron historicamente dúas técnicas de uso minoritario ata este século, de maneira que ser analfabeto era o normal mesmo entre as clases sociais elevadas. Ao longo do tempo, a maioría das pezas da literatura do pobo só puideron ser transmitidas a través da oralidade e, rematado o seu ciclo funcional —curto ou longo dependendo de cada caso— dentro do grupo social, fóronse sentindo como algo inactual, deixando de empregarse e desaparecendo sen posibilidade de recuperación posterior. Unha pequena parte, sen embargo, nunca se esqueceu e sobreviviu a través dunha transmisión oral ininterrompida.

Pero foi, sobre todo, a escritura o seu principal instrumento de conservación: a maioría das que se conservaron ata hoxe conseguírono a través das transcricións que delas fixeron xentes instruídas que, por diversos motivos —como vimos—, se interesaron nelas; e así, aínda perdendo parte de súa esencia e alterando notablemente a súa función para adaptarse a un público de lectores descoñecidos, moi diferente do seu auditorio tradicional, acadou unha perduración que os seus creadores xamais sospeitaran.
A maioría do repertorio hoxe coñecido (que supoñemos unha mínima parte da literatura popular galega producida ao longo da historia) foi, polo tanto, transmitido primeiro por oral e despois por escrito. Convertida en letra impresa, esa literatura, pensada para ser contada ou cantada ante un público concreto (en xeral non instruído) e en situacións tamén concretas (festas, traballos, xogos, disputas, etc,), foi xulgada (e, case sempre, infravalorada) de cotío cos criterios da literatura escrita á que fora forzadamente incorporada.

2. O público: usuarios, intérpretes, transmisores

Durante séculos a práctica totalidade da sociedade galega participou —activa e pasivamente— na transmisión desta literatura, que era patrimonio común; pero, probablemente xa dende o século XVI en que se empezou a forzar a castelanización de Galicia, encetouse un proceso de aculturación progresiva que foi afianzando o uso do castelán como lingua de cultura e estendendo o seu uso (polo menos o seu coñecemento) en certas áreas da poboación. Pouco a pouco fóronse distanciando os comportamentos culturais (incluídos os gustos literarios) dos distintos sectores sociais do país, ata que as cantigas, os contos e todas as as formas do patrimonio literario do común da poboación (o pobo en sentido amplo), empezaron a ser considerados como algo vulgar e sen valor polos sectores máis cultos e influíntes, que eran os máis castelanizados e os que antes accederan á lectura e á correspondente acumulación do saber que se viña producindo en ccidente dende a invención da imprenta. A literatura popular pasou de ser patrimonio de todos a patrimonio só das xentes sen instrucción nin ramgo social. Desta maneira, a única literatura merecedora de tal nome para este sector social influínte era —xa no século XVIII— a literatura escrita por autores de sona e enxenio, en xeral en castelán; conseguintemente, a literatura popular en galego perdeu toda estima por parte dos que noutro tempo participan nela e mesmo a prestixiaban e, así, caeu no esquecemento como valor de cultura.

Foi precisamente nese tempo (século XVIII) cando esta literatura, ignorada xa polos máis instruidos, chamou a atención dalgúns destes, que a "redescubriron" como valor de cultura e fixaron por escrito, posibilitando así a súa supervivencia ata os nosos días. Algo semellante sucedera coas poucas cantigas populares da Idade Media que se conservaron: os nobres cortesáns que mandaron elaborar os custosísimos cancioneiros fixeron tamén incluír neles un feixe de cantigas de feitura aparentemente popular que só así puideron chegar ata hoxe e salvarse do esquecemento ao que —tarde ou cedo— as levaría a súa simple transmisión oral.

¿Qué motivos impulsaron ao Padre Sarmiento —o iniciador— e ao Padre Sobreira —o seu continuador— a ocuparse daquel producto literario tan desprestixiado? En primeiro lugar, un interese concreto: a utilización desas pezas orais de uso xeneralizado en todo o país como valiosísimo instrumento para o estudio da lingua; e, en segundo lugar, un motivo de fondo: a insuficiencia da cultura oficial do seu tempo e a valoración negativa que lles merecía a cultura dos "ilustrados". Precisamente como alternativa a unha cultura dominante insatisfactoria nun principio e, máis tarde, asociada ao descubrimento da identidade colectiva dos diversos países, a literatura popular tivo durante o século XIX en toda Europa unha ampla aceptación e difusión e foi obxecto de múltiples recolleitas e estudios. En Galicia o proceso de descubrimento progresivo dos trazos diferenciais da propia cultura e da súa personalidade histórica, que culminou no Rexurdimento, propiciou a estima, recuperación e revalorización da literatura oral do pobo, que pasou de ser unha actividade vulgar e sen importancia, propia de xentes ignorantes, a ser considerada como un xénero literario que cumpría valorar e conservar, unha parte importante da Cultura Galega (con maiúsculas).

3. Como era a nosa literatura oral popular?

Todos os testemuños coinciden en que a literatura popular tivo unha espléndida vitalidade en Galicia dende —polo menos— o comezo do século XVIII (data á que se refiren as primeiras noticias do Padre Sarmiento) ata o último cuarto do XIX: a súa abundancia, riqueza e variedade eran enormes. O seu uso estaba xeneralizado entre a maior parte da poboación —maioritariamente analfabeta e para case todas as ocasións da vida. Conservaba plenamente as súas funcións tradicionais (divertir, relacionar, etc.) no seo daquela sociedade. O seu repertorio era moi amplo, como testemuñan as cuantiosas recolleitas que se fixeron naquel tempo e que, así e todo, non recollen máis que unha pequena parte. A formación deste repertorio seguiu un dobre proceso: dunha banda, a invención ou adaptación de cantigas, contos, adiviñas, etc. para unha situación e un auditorio concretos e, doutra, a escolma das mellores, máis graciosas ou máis oportunas, que creadores, re-creadores e oíntes gardaban na memoria para dicilas ou cantalas cando houbese ocasión: eran as chamadas "coplas sabidas" ou "contos vellos" que forman o cerne do repertorio tradicional desta literatura.

Cacharela na noite de San Xoán.

O proceso de creación estaba moi vivo: en cada ocasión festiva inventábanse coplas (a improvisación era habitual) e calquera anécdota graciosa ou feito misterioso daba pé a un conto ou unha lenda. Nel, a muller tiña un marcado protagonismo, especialmente como creadora e intérprete de cancións. Pódese dicir que todos os seres, obxectos e sucesos da realidade cotiá eran tema da literatura oral do pobo: "Apenas hay acto de la vida, hasta el más vulgar, que no tenga su copla", escribe Murguía.

Os escenarios e situacións en que se manifestaba ben como acto verbal enxebre, ben acompañada de música e baile ou de xogos— presentaban tamén grande variedade, segundo cada ocasión. As principais situacións adoitaban ser as festas —relixiosas ou profanas—, xa foran públicas (romarías, Entroido, Maio, Reis, etc.), xa comunais (asociadas aos traballos agrícolas: fías, tascas, espadelas, seituras, etc.), xa familiares (vodas, sobre todo); os escenarios: a eira, o campo da festa, o adro da ermida, o alpendre ou a sala e o rueiro. Pero había, dende logo, situacións non festivas nas que esta literatura estaba presente.

En xeral, cada xénero quería unha situación e un escenario concretos (aínda que moitas veces se adaptaba a varios): os contos e lendas botábanse nas xuntanzas laborais ou familiares de noite nas cociñas e con xente de toda idade; as regueifas eran sempre fóra da casa e entre os non convidados á voda; a taberna foi o escenario masculino por excelencia, onde se xuntaban os amigos (e, ás veces, os rivais) e se xogaba, contaba e cantaba o que noutros escenarios se silenciaba ou suavizaba; polos camiños, os mozos e mozas botaban alalás e aturuxahan para advertir a súa presencia, e tamén polos camiños cantaban os arrieiros, sen ninguén que os oíse, para aturar a monotonía; para ir levando a soidade do lindeiro tamén había cantigas; dos lugares fixos de traballo quizais os máis fecundos no emprego desta literatura foron as costuras, como proban as ducias de cantigas sobre costureiras e xastres, pero tamén as zapaterías —pródigas en contos de toda caste—, as forxas dos ferreiros, as carpinterías, os asentos —variables—dos canteiros; as seituras, arrigas do liño e aradas acompañábanse con cantares (romances, nalgúns lugares) para a ocasión; as cantigas de berce e o traballo doméstico —cancións de muller—, na intimidade da casa; e os xogos rimados, contos e adiviñas dos nenos na rúa ou na eira; os Reis cantábanos os nenos pedindo de porta en porta, coma os Maios, tamén cousa de rapaces; as coplas do Entroido, divertidas e satíricas, inundaban as rúas; non adoitaba faltar, en fin, unha cantiga ou mesmo un conto divertido en canta xuntanza ocasional houbese ocasión para a ledicia, o entretemento ou un anaco de tempo agradablemente compartido.

Especial importancia neste sentido tiveron os fiadeiros (xuntanzas laborais e festivas do tempo de inverno), as ruadas (festas sinxelas ao aire libre) e as regueifas (disputas en verso entre varios contrincantes polo pan da voda), onde se inventaron e espallaron centos de cantigas en galego, repetidas máis tarde aquí e acolá polos que as oíran; e algo semellante sucedía —aínda que en menor medida— coas coplas de Carnaval, os cantos de Nadal, Aninovo e Reis, os Maios e outras festas anuais semellantes.

Nas festas e xuntanzas calquera que participase nelas podía interpretar pezas literarias (contos, adiviñas, etc., pero, sobre todo, cantigas): unhas sabidas de antes e recordadas entón e outras improvisadas alí mesmo; moitas veces había unha especie de competición entre individuos ou entre grupos (por ex. mozos contra mozas ou os dun lugar contra os doutro) que rivalizaban en botar coplas e outras mostras de enxeño, e mesmo hai subxéneros (como o parrafeo ou a enchoiada) propios destas situacións. Entre os que asistían adoitaba haber algúns moi estimados (especialmente mulleres) con dotes especiais para a interpretación, como boa voz, repertorio amplo, capacidade para improvisar, gracia para contar, habilidade no manexo de instrumentos, etc., e eran eles os que máis contribuían a animar as reunións e máis activamente participaban nelas. Cando algún destes "especialistas" era moi celebrado nun lugar, logo acadaba sona na bisbarra e era chamado para as festas de certa importancia, adoitaba competir con outros cantores e xuntaba ao seu arredor unha ampla concorrencia de oíntes. Estes "trobadores" ou "poetas rurales" (como foron chamados polos críticos daquel tempo) tiveron enorme importancia como transmisores e difusores da literatura popular. Tamén había verdadeiros especialistas en regueifas, que —malia as liortas que ás veces causaba o atrevemento do seu contido— atraían moita xente nas zonas onde eran usuais. Moi estimados eran, así mesmo, os bos contadores de contos, lendas e historias, aínda que estes xéneros non caían propiamente no ámbito do festivo (máis doado para as cantigas). Había, en fin, unha caste de cantores, os cegos, que —acompañándose de cotío cunha zanfona ou un violín— cantaban romances e coplas nas prazas, feiras e romarías, se ben o seu repertorio era ben distinto ao tradicional do pobo.

Na romaría da Franqueira. A Cañiza.

As primeiras voces queixándose da invasión de cantigas en castelán que ameazaban con substituíren as tradicionais en galego (Valladares, Murguía, Saco) empézanse a levantar, sen embargo, a partir de 1867, e foi precisamente esta ameaza a causa principal que motivou o trasvase á escritura desta literatura de execución e transmisión oral, de maneira que quedase preservada dunha desaparición que se vía como posible. E foi así —presa, fixada e reducida na escritura— como chegou ata hoxe a maior parte deste repertorio que, doutro modo, estaría esquecido ou deteriorado irremisiblemente. Salvouse pero sufriu unha fonda transformación.

4. A transformación da literatura popular

Cara ao fin do século XIX o número dos que, xunto coa lingua galega, abandonaban a súa literatura ía en constante aumento non só nas cidades, onde «uso do castelán estaba moi espallado, senón tamén nas áreas rurais, onde a emigración masiva (medio millón de galegos —o 22% da poboación— saíron de Galicia entre 1860 e 1910) levoulle os seus participantes máis activos. A crítica literaria máis influínte consideraba a literatura popular galega como un xénero en desuso e propuxo a súa conservación por escrito coma se se tratase dunha peza de museo e non de algo funcional. Outro sector de galegos cultos intentou, pola contra, recuperar, seleccionar e depurar o repertorio de cantigas populares galegas na súa existencia oral e adaptalo a un novo público fundamentalmente urbano: tal foi o caso do boticario pontevedrés Perfecto Feijóo, fundador do coro "Aires da terra", que espallou en vivo e con gran éxito as cantigas tradicionais dentro e fóra de Galicia e, ademais, protagonizou un feito histórico na transmisión e conservación deste xénero: a gravación en 1904 de varios discos para gramófono.

 

Ao comezar o século XX os cambio experimentados pola literatura popular cantada en galego eran evidentes:

O coro  Aires da Terra  de Perfecto Feijóo.

  1. Progresivo abandono do público tradicional (poboación rural, clases baixas e medias das cidades) e recuperación —parcial— do público urbano, que a compartía con outros tipos de canción. E como consecuencia:
  2. Modificacións na forma: fixación definitiva da literatura popular de tradición oral, ben como texto escrito, ben como texto oral gravado, ben como texto interpretado a coro; as variantes das cancións —fenómeno inseparable da súa transmisión oral— desapareceron en favor dunha versión única.
  3. Modificacións no contido: desapareceron as cantigas de tema demasiado atrevido, obsceno ou de "mal gusto" (segundo os canons deste novo público).
  4. Modificacións na función: perdeu a maioría das súas funcións tradicionais (galanteo, burla, acompañamento do traballo, petición de dons, etc.), e no sucesivo a súa función predominante foi a estética, acompañada case sempre de connotacións histórico-sentimentais; mantivo, sen embargo, a función de cohesión, como sinal de identidade colectiva.
  5. Modificacións na execución: nos novos escenarios, máis solemnes que os tradicionais (teatros e salóns frente ás ruadas, fiadeiros, etc.), o público ten un papel meramente receptor e xa non interactivo acompañando o canto ou respostando aos cantores; a improvisación —tan frecuente na execución tradicional— quedou excluída nas actuacións dos coros, nos libros e nos discos.
  6. Modificacións na valoración: ademais dos aspectos xa comentados, a perfección na execución pasou a ter un peso maior, en detrimento dos aspectos do contexto (coñecemento das persoas que cantan, os seus móbiles, as súas relacións co público, os dobres sentidos, ironías, alusións, etc.); en xeral, os criterios que se aplicaban ao resto das cancións daquel tempo (cuplés, "tonadillas", etc.), creadas para un público específico, aplicáronse tamén ás cantigas populares en galego, creadas para un público e unhas circunstancias moi diferentes.

A literatura en prosa foi obxecto de menor atención. Seguiu mantendo unha intensa circulación oral, con evidente tendencia á comicidade, e algúns contos foron recollidos e por veces adaptados por escritores cultos daquel tempo (Carré Aldao, Vázquez Taboada, Lugrís, etc.), que non tiveron perda en incorporalos á súa obra.

A literatura popular conseguiu sobrevivir nesta nova etapa, pero a conta de grandes perdas no repertorio e de fondas transformacións funcionais e formais. En realidade, impresa nun libro ou gravada nun disco, a literatura oral popular vive unha nova existencia, que é continuidade da súa orixinaria existencia e uso orais, pero que —como vimos de ver— resulta sensiblemente distinta. Esta tendencia a fixar por escrito os textos literarios orais foi en aumento e, entre 1920 e 1936, o grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos conseguiron recoller do vivo e facer chegar a un amplo público lector unha importante cantidade e variedade de pezas populares galegas. Foi sen dúbida unha época dourada para a difusión escrita da cultura e literatura (incluída a popular) galegas.

Pero, ao mesmo tempo que medraba entre o público instruído o coñecemento e a estima da literatura popular, foi mimguando o seu uso oral. A conxunción de diversos factores (a ampliación das vías de comunicación en especial, a xeneralización do transporte por estrada—, o espallamento da corrente eléctrica en amplas zonas rurais e o acelerado proceso de alfabetización —en castelán— da poboación galega, entre outros) desencadeou unha fonda transformación nos modos de vida dos galegos dende os anos 30, que acabou por marxinar a literatura popular en galego como elemento funcional de cultura.

Polas estradas chegou ao país unha morea de costumes e productos de culturas alleas e marchou unha boa parte da mocidade das aldeas. A aplicación da electricidade contribuíu en moi gran medida a cambiar o xeito de vivir tradicional das zonas rurais, e unha das súas consecuencias máis inmediatas, a radio, tivo unha enorme incidencia no abandono da cantiga popular en galego, pois, ao tratarse dun medio de recepción cómoda e fácil, cunha información ampla e asequible e cun variado repertorio de cancións —en castelán— tecnicamente ben executadas, emitido constantemente, renovado a cada pouco e coñecido por un público moi amplo, en pouco tempo conseguiu converterse non só nun decisivo factor de castelanización, senón no principal suhministrador de cantigas (e tamén de noticias) para ese público que ata entón estimara, creara e empregara habitualmente a cantiga popular en galego.

Primeiros estudios de Radio Pontevedra.

Outro factor actuou en solidariedade coa radio: a transformación das festas públicas, antano amenizadas pola música de gaiteiros e o canto de individuos e grupos, pero nas que o baile tradicional foi sendo substituído (xa dende tempo atrás) por outro moderno baseado no contacto permanente das parellas; este requería outro tipo de música, función que se encomendou primeiro ás bandas e despois ás orquestras, ambas as dúas cun bon nivel de interpretación e un repertorio difundido tamén pola radio. Como consecuencia, a canción tradicional en galego viuse afastada pouco a pouco das festas públicas.

O rápido proceso de alfabetización dos galegos neste tempo (do 60% de analfabetos en 1925 pasouse a só o 15% en 1950) e a conseguinte castelanización que impuxo (só era posible aprender a ler e escribir en castelán), posibilitou a difusión masiva de medios de comunicación escritos como periódicos, revistas, tebeos ou libros de texto, que, se dunha banda fixeron imprescindible o dominio (sequera fose elemental) da lingua escrita, doutra substituíron certas formas de literatura oral en galego, como lendas ou contos.

Este substancial cambio nos costumes (especialmente as novas formas de contacto, de diversión e de instrucción) trouxo consigo a perda de gran parte do valor funcional da literatura popular en galego e o seu descenso a un lugar secundario no patrimonio cultural da colectividade: de alí en diante, as funcións de divertir, galantear, acompañar o traballo, etc. van ser desempeñadas moito máis pola canción comercial en castelán que pola tradicional en galego; e ensinar, crear unha visión común, esplicar a realidade e outras semellantes vai ser máis tarefa da información e opinións da prensa, radio e libros de texto que dos relatos populares galegos. Aínda quedaba, sen embargo, un cuantioso e variado repertorio de cantigas, contos e outras formas, pero a súa renovación (é dicir, a invención e espallamento de novas pezas) fíxose cada vez máis dificultosa.

Na actualidade a literatura popular, a pesar da regresión que está a sufrir, mantén unha notable presencia no conxunto da cultura colectiva, pero o seu uso e estima repártense de maneira desigual, tanto social como territorialmente. Se o número de cantigas que se conservan e cantan é aínda moi elevado, son tamén moitos os contos, lendas e outras formas da tradición oral de hoxe, aínda que o seu uso é menos frecuente e o seu repertorio vaise reducindo e perdendo variedade, pois, ao nen desaparecerendo os "especialistas" en contar, a tradición foi quedando en mans de oíntes correntes (con menos memoria e habilidade narrativa), que hoxe a penas transmiten máis que contos humorísticos (sobre todo nos medios urbanos).

 

Para un amplo sector da poboación galega da década dos 90 (especialmente a xente máis nova e a máis urbanizada) a cantiga, o conto e as outras formas literarias populares en galego teñen xa pouco peso na súa cultura e vida cotiá. O asentamento masivo da poboación rural nas cidades e o conseguinte intento de adaptación ao novo medio, desembocou no abandono (moi perceptible a partir da segunda xeración) de moitas formas e hábitos da súa cultura anterior e na adopción de novos comportamentos e costumes, habituais no medio urbano. As cantigas e xogos, contos e adiviñas que no seu antigo medio eran parte importante da súa vida, perderon a súa funcionalidade no novo medio, onde a radio, a prensa, a televisión, e os medios de reproducción e amplificación do son (tocadiscos, magnetófono, karaoke ,etc.) monopolizan case todas as funcións que noutro tiempo eran propias daquelas formas tradicionais.

A maioría da poboación adulta coñece unha parte máis ou menos reducida do repertorio literario popular e adoita facer uso del, se ben en grao moi distinto segundo a súa situación xeográfica e social: na cidade adoita concentrarse nas celebracións familiares e amistosas ou ben na actividade de grupos organizados (coros, grupos musicais estables ou ocasionais, etc.); nas áreas rurais o seu uso mantense de maneira xeneralizada, se ben moi diminuído en frecuencia e intensidade. Aínda así, a creatividade non desapareceu: o repertorio de chistes ou anécdotas graciosas segue a renovarse con certa eficacia; no Entroido e outras ocasións propicias invéntanse cada ano ducias de textos que, adaptados a unha melodía coñecida, se cantan e repiten entre as xentes do lugar e, ás veces, chéganse a facer tradicionais; e, en fin, queda aínda, nas zonas de Bergantiños e do Cebreiro, un xénero, creativo por excelencia, como é a regueifa, que, malia a actual escaseza de intérpretes, segue mantendo viva a tradición das disputas improvisadas en verso.

IMAXES