Os Séculos Escuros e a Ilustración Galega
Os Séculos Escuros e a Ilustración Galega
A Ilustración

A Ilustración é un movemento cultural europeo que tentou iluminar a sociedade coas luces da razón. En Galiza houbo un importante núcleo de ilustrados encabezados polo Padre Feixoo. Todos eles teñen en común o desexo de desenvolveren unha ciencia útil, melloraren o nivel educativo e reformaren en profundidade a situación socioeconómica do noso país. Neste sentido, a transformación das estruturas agrarias foi un dos seus obxectivos básicos: coinciden todos nos efectos negativos da amortización, na necesidade de eliminar os baldíos, no seu apoio ás innovacións técnicas, a importación de semente e o desenvolvemento de novos cultivos. Tamén coicidían todos na necesidade de apoiar e impulsar o proceso de industrialización a partir da industria textil doméstica que existía en todo o país e na necesidade de mellorar as vías de comunicación interior como motor do comercio. Pedro Antonio Sánchez tratou polo miúdo do sector dos curtidos, bastante forte na comarca de Santiago, e Cornide, Sarmiento e Somoza de Monsoriu fixeron unha calorosa defensa dos métodos tradicionais de pesca fronte ás innovacións dos cataláns.

Frei Benito Xerónimo Feixóo, por J. Cuevas.

Unha das realizacións máis salientábeis dos ilustrados galegos foi a creación de asociacións destinadas a favoreceren estes programas reformistas. A primeira delas foi a Real Academia de Agricultura do Reino de Galiza, estabelecida na Coruña en 1765. Tiña como obxectivo investigar a causa dos males do sector agrícola co fin de os corrixir e modernizar os métodos de traballo. Boa parte das súas preocupacións tiveron como centro os montes comunais, mais o seu ditame favorábel a que fosen repartidos levantou moitas reticencias dentro dos mesmos ilustrados. Desapareceu en 1774.

As Sociedades Económicas de Amigos do País aparecen tardiamente en relación coas creadas noutras partes do Estado. A de Santiago fúndase en 1784 e a de Lugo en 1785. As súas actividades principais estiveron orientadas á creación de escolas de fiado e á expansión de novos cultivos, sobre todo o liño. A máis efectiva de todas estas sociedades foi o Consulado ,fundado na Coruña en 1785 e que estendía a súa influencia a Vigo e a todos os portos do arcebispado de Santiago. Os seus principais obxectivos foron mellorar a navegación e os recintos portuarios, como proba a iniciativa de reforma da Torre de Hércules e a creación dunha escola de naútica na Coruña, así como de centros de deseño, comercio e matemáticas. Tamén fomentou a industria cunha escola de fiado, subsidios a diversos proxectos privados e os intentos de mellorar a calidade dos lenzos galegos. Financiábase mediante o imposto de "avaría", que cargaba todas as mercadorías que pasaban polos portos da súa xurisdición, o que lle deu un grande poder económico e, por tanto, unha grande capacidade de presión política, que dará froito no século XIX, cando a institución se transforme nun bastión do liberalismo.

 

Ademais de todo isto, os ilustrados loitan tamén contra esa lenda negra, de que xa falamos, que pesaba sobre Galiza e os galegos. Feixoo demostrou que o galego non era unha forma corrupta do castelán senón un "irmán xémeo" do portugués. A nivel científico clarexou as cousas, mais non pasou o mesmo a nivel social, político e cultural. A este respecto, o Padre Sarmiento deu un paso máis, xa que fixo unha encendida defensa do galego como lingua culturalmente capaz de servir para todos os mesteres, e aconsellaba a súa utilización no ensino primario. Non obstante, os seus consellos chegaban tarde, porque coinciden no tempo coa intervención da monarquía borbónica no asunto, que converte en obrigatorio o uso do español en todos os niveis educativos coa Real Cédula de Aranjuez de 1763. O labor desenvolvido por Sarmiento foi continuado polo Padre Sobreira, que tiña en proxecto un dicionario da Lingua Galega e unha Historia Botánica de Galiza. As súas fichas, as súas listas de peixes e vexetais, e os seus esbozos, unidos á obra de Sarmiento, constitúen os fundamentos históricos da lexicografía galega.

Os coñecementos actuais sobre os índices de alfabetización durante estes tres séculos son deficientes e escasos, mais calcúlase que no medio rural sabería asinar un 7% da poboación masculina, que chegaría a un 20% nas vilas e algo máis nas cidades. As escolas de "avezar" nenos estaban en mans da Igrexa e maioritariamente nos núcleos urbanos, aínda que durante o século XVII parece que ampliaron o número e houbo un avanzo considerábel na alfabetización da poboación. O que sería o ensino medio estaba constituído polas escolas de Gramática dirixidas polos xesuítas até 1767. A Universidade de Santiago, fundada en 1526 e sempre allea ao país, ten como lingua o latín, igual que as escolas dos xesuítas, até que o substitúe polo castelán.

A nómina de ilustrados galegos é longa, e alguns historiadores distinguen tres grupos ou xeracións:

  1. A xeración crítica, que desenvolveu o seu labor entre 1726-1760. As figuras máis salientábeis son os Padres Feixoo (1676-1764) e Sarmiento (1695-1772).
  2. A xeración intermedia, en que cabería nomear a Xoán F. de Castro (1721-1811), a X. Cornide Saavedra (1734-1803), o Padre Xoán Sobreira (1746-1805) e a Diego A. de Cernadas, "o cura de Fruíme" (1754-1810).
  3. A xeración finisecular: Pedro A. Sánchez (1749-1806) e X. Lucas Labrada (1762-1842). Con estes entran as novas ideas capitalistas de A. Smith.

Con todo, e aínda que nos arquivos parroquiais aparecen diarios que dan conta da penetración das ideas ilustradas no entramado social, unha parte maioritaria da sociedade continúa dominada pola escolástica, o devocionario e o conservadorismo.

IMAXES