Os Séculos Escuros e a Ilustración Galega
Os Séculos Escuros e a Ilustración Galega
A Lingua

Coas medidas represivas dos Reis Católicos, o galego fica reducido a lingua oral, desaparecendo dos rexistros formais e da escrita, a pesar de que unicamente os sectores máis vinculados á Administración e ás xerarquías eclesiásticas e nobiliares son bilingües, mentres o resto do país desenvolve a vida na súa lingua e boa parte da documentación privada segue a se redixir en galego durante a primeira metade do XVI. Prodúcese o que en termos sociolingüísticos se denomina primeira fase da colonización, é dicir, que a substitución lingüística se verifica unicamente entre as clases altas. A lingua ruralízase e dialectalízase, porque carece dun núcleo que irradie un modelo oral e escrito, e tampouco realiza a grande renovación léxica que, ao voltaren ás fontes greco-latinas para incorporaren o vocabulario das ciencias e as artes, efectuaron a maior parte das linguas romances co Humanismo e o Renacemento.

Vista de Compostela no século XVIII.

Cando aparecen as primeiras gramáticas e dicionarios portugueses e casteláns, o galego entra nunha etapa de silencio que vai durar máis de tres séculos. Así, o único traballo léxico do século XVI co que contamos é un modesto vocabulario recollido polo Bacharel Olea. Ao abandonaren as clases dirixentes o galego como lingua de cultura, este grupo social, que —en palabras de Castelao— "non estimaba as verbas vivas do seu falar e admiraba as mortas do seu escribir" , paga a súa traición á lingua coa esterilidade intelectual, porque non existe na Literatura Española dos séculos XVI e XVII nen un só escritor de orixe galega que mereza ser estudiado. Que esta esterilidade unicamente afecta á lingua e, por tanto, á literatura, fica demostrado polo esplendor que amosan as artes plásticas (Domingos de Andrade, Gregorio Fernández, etc.).

De vagariño vaise identificando o galego cunha maneira de falar "natural", sen relación nengunha coa cultura, e ábrese paso a crenza de que é unha forma corrupta do castelán. Como consecuencia, sitúase o problema desa "corrupción" ao nivel dunha eiva ou tara mental que nos impide falar correctamente. Se a esta suposta "eiva" engadimos a desgaleguización das clases dirixentes, a tamén suposta pobreza do Reino e as profundas diferencias culturais, e mesmo xeográficas e climáticas, que nos afastan de Castela, poderemos explicar a abundantísima literatura española anti-galega que se dá durante os séculos XVI e XVII. Unicamente un funcionario estranxeiro que se nega a admitir que está perante outra cultura podía dar esta visión de Galiza:

Reyno infeliz, país desventurado, de España muladar, rincón del mundo, áspero, rudo clima, temple ayrado, infiel, bárbaro trato, sitio inmundo, gente sin sociedad, campo infecundo. En el nombre de Dios Santo y Eterno con quanta fuerza tiene el exorcismo, te conjuro y apremio, triste Averno, para que me declares por ti mismo, si eres en realidad el propio Infierno, o si eres retrato del abismo.

A irracionalidade destes ataques, que chegan ao absurdo de que o anónimo funcionario castelán que escribiu a descrición anterior afirme que o campo galego é infertil, abranxen todo e a todos. Bartolomé de Villalba facía a seguinte descrición do home galego:

Erízame el cabello el pensamiento de nombrar al gallego riguroso; lobo de apodo que es y fraudulento, y que continuo es cruel y sanguinoso. En holgar y robar tiene contento, holgazán, fementido y muy goloso; haragán como el lobo carnicero, y lo que él siente no refiero...

Evidentemente, se o varón galego era pintado así por ese tal Bartolomé de Villalba, a muller galega non podía ser mellor tratada. E a parte que lles toca a respeito do seu comportamento moral, segundo outro "ilustre" visitante, é:

"En todos los países de que hablé largamente corren rumores de que en Galicia... todas las mujeres son prostitutas" ;

e a semellante moralidade tiña que corresponder o seguinte aspecto físico:

mozas rollizas de anchos culiseos, tetas de vaca, piernas de correos.

Unha simple ollada sobre as obras dramáticas de Lope de Vega, ou recordarmos a Maritormes de Cervantes, pode darnos unha idea do papel que nos tocaba. Mais este desprezo non é exclusivo da literatura culta; hai cen mil mostras del na cultura popular castelá; limitarémonos a citar un refrán: No fíes en perro que cojea ni en amor de gallega. E, por último, lembremos que aínda hoxe, na edición española de 1980 da Enciclopedia Larousse, figura "mozo de cuerda" como unha das acepcións do vocábulo "Gallego".

Por todo o exposto até aquí, non é de estrañar que durante os séculos XVI e XVII non poidamos falar dunha verdadeira Literatura Galega. O que hai son mostras literarias do Renacemento e do Barroco. No século XVIII a situación cambia un pouco.

IMAXES