Os Séculos Escuros e a Ilustración Galega
Os Séculos Escuros e a Ilustración Galega
A Literatura no Século XVIII: a Ilustración Galega

Aínda que tradicionalmente se vén incluíndo o século XVIII dentro dos Séculos Escuros, pois desde o ponto de vista estritamente literario non faltan razóns para iso, tamén xeralmente se lle dá un valor e tratamento diferenciados pola súa especificidade, a mesma que nos leva a separalo aquí dese rótulo en que incluímos o século XVI e XVII para singularizalo no de Ilustración Galega. E isto a pesar de sermos conscientes da escaseza de mostras literarias importantes neste século, mais convencidos de que o novo ambiente intelectual e cultural creado no século das Luces, tamén en Galiza, resulta antitético coa propia denominación de "século escuro".

Debuxo de Pedro Xosé García Balboa, coñecido como Padre Sarmiento, realizado por Agostiño Portela.

Segundo afirma Xosé Ramón Barreiro, a Ilustración Galega, aínda que se nutre da Ilustración Española, non constitúe un produto mimético da mesma, senón que ten unha especificidade determinada por dous feitos: a evidente modernización económica que experimenta Galiza na segunda metade do XVIII, que a sensibiliza para recibir e xerar unha resposta ideolóxica ilustrada, e o descubrimento, por parte dun sector dos nosos ilustrados, de Galiza como realidade autónoma no complexo estatal, que os leva a se comprometeren con solucións indubitabelmente galegas tanto na orde económica como cultural. Nisto último nos baseamos fundamentalmente, pois a partir desas consideracións é posíbel falarmos dun discurso cultural e literario propios, aos que non será para nada allea a reivindicación da lingua que realizan figuran tan destacadas como os Padres Feixoo e Sarmiento.

Centrados nas mostras literarias deste século, practicamente só coñecemos textos poéticos correspondentes ao mesmo, pois a importante prosa que os nosos ilustrados nos deixaron en defensa da economía, da cultura ou da lingua do país está redixida en español. Sendo a máxima figura da cultura ilustrada en toda a Península o galego Frei Benito Xerónimo Feixoo, que dedicou algunhas páxinas á caracterización e orixes da lingua galega, non nos deixou textos escritos na nosa lingua, mais si dous irmáns seus. Anselmo Feixoo Montenegro (1679-1740) é autor da composición "Llanto de la flota, por una ninfa gallega", 15 quintillas en galego datadas en 1702, onde por boca dunha muller se relata a derrota de españois e franceses, así como a queima da frota; atribuída primeiramente ao seu irmán, o sabio monxe bieito, Álvarez Blázquez dá a Anselmo por autor ao afirmar este na composición que foi testemuña dos feitos, atribuíndolle así mesmo un "Curioso romance en lengua gallega", hoxe perdido, ademais da glosa "¿E vós non vedes a teima?", localizada por Gumersindo Placer no cancioneiro Sagradas flores del Parnaso (Madrid, 1723), xunto con outra do seu irmán Plácido Feixoo Montenegro (1682-1749), "Escoiten que falo eu/na miña lengua galega...", as únicas en galego deste cancioneiro, compostas no noso idioma a petición da súa familia, o que para Álvarez Blázquez indica a valoración positiva do uso do galego por parte dalgunhas das nosas familias nobres, e datadas en 1722.

Outro poeta de principios do século XVIII é Xosé Noguerol Camba, que participa en 1708 nun certame poético convocado en Ourense en honra da raíña María Luísa de Saboia con motivo do nacemento do seu fillo Luís Xacobo, cuxas composicións foron recompiladas no volume El Clarín de la fama y Cíthara de Apolo... ,publicado en Santiago en 1708, aínda con influencias barrocas, ao estilo das composicións das Festas Minervais; a pesar do título da composición, "Versos gallegos a Nuestra Señora de Reza, por avernos dado un Príncipe en nuestra Reyna y Señora María Gabriela, por un Autor no conocido, ni dado a luz, por mano de D. Joseph Noguerol, su mismíssimo hermano", Álvarez Blázquez demostrou pertenceren ao propio Noguerol, que se mostra como poeta festivo e humorístico.

Se as composicións dos irmáns Feixoo e Noguerol se poden considerar como prolongacións da poesía barroca, os Padres Feixoo e Sarmiento forman a anteriormente denominada "xeración crítica", que desenvolve o seu labor entre 1726 e 1760. Deixando á parte o primeiro por non ter obra en galego, o segundo convértese na figura central da Ilustración Galega tanto desde o ponto de visto literario como puramente lingüístico. Con efecto, Pedro Xosé García Balboa, coñecido como o Padre Sarmiento (Vilafranca do Bierzo, 1695-Madrid, 1772), é a personalidade máis importante das letras galegas neste século; pertencente a unha familia nobre, aínda que nacido na Galiza exterior, os seus pais eran de Pontevedra e nesta cidade pasa a súa infancia, até que en 1710 se traslada a Madrid para ingresar na orde dos frades bieitos; será en Salamanca, onde realiza estudios de Teoloxía (1714-1717), cando adopte o nome de Martín Sarmiento. Desde 1717 até 1728 percorre varias cidades completando os seus estudios e realizando algúns traballos, para en 1728 se estabelecer en Madrid até 1745; neste período de case vinte anos publica a súa única obra en vida, Demonstración Crítico-Apologética del Theatro Crítico Universal (1732),en defensa do Padre Feixoo, redixindo tamén por encargo as Memorias para la historia de la poesía y poetas españoles , publicada postumamente en 1775, onde oferece noticias interesantes sobre a literatura galego-portuguesa medieval.

No ano 1745 realiza unha viaxe de sete meses a Galiza, anotando numerosas palabras galegas (topónimos, plantas, herbas, inscricións, etc.) que lle han servir para, á volta a Madrid, compor o Coloquio de Perico e Marica ou Coloquio de 24 gallegos rústicos, 1201 coplas con que o autor realiza un exercicio de carácter léxico e poético inacabado, mestura de referencias históricas, notas da vida local de Pontevedra, longas listas de nomes de obxectos ou apeiros, invocacións relixiosas, etc., xunto cos relatos de catro nenos sobre a morte e enterro de Felipe V e a proclamación de Fernando VI, pintando o cadro animadísimo das honras fúnebres do rei morto e das festas polo novo rei. Este conxunto de coplas sinxelas ao estilo popular, carentes de ambición literaria, onde recolle unha verdadeira colección de palabras galegas, constitúe a súa directa aportación á literatura galega e será a base para a elaboración dunhas glosas ou comentarios lingüísticos que vai deixar incompletos.

Mais dedicou outros moitos traballos en castelán ao estudo da lingua galega e sobre todo da lexicografía, converténdose no primeiro grande estudioso do noso idioma, cuxa normalización social, en especial no ensino, defendeu cunha valentía e claridade que aínda hoxe non deixan de ser sorprendentes para algúns. No ano 1754 realiza outra viaxe por Galiza, recollendo o material para o Catálogo de voces vulgares, y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables e para a continuación dos apontamentos para o Catálogo de voces y frases de la lengua gallega, que xa comeza en 1745; en Galiza escribe tamén a carta Sobre el origen de la lengua gallega y sobre la Paleografía española, dirixida ao Padre Terreros. De novo en Madrid, realizará traballos sobre historia natural, con especial atención á flora galega e as súas denominacións, así como o Onomástico etymológico de la lengua gallega, onde mostra o seu constante interese pola etimoloxía, centrado agora no galego. As inquietudes pedagóxicas ocupan os derradeiros anos da súa vida, dando orixe ao opúsculo La educación de la juventud.

A súa firme e ben razoada defensa da lingua galega vai ser o máis claro preludio do rexurdir literario do noso idioma no século XIX, do que o Padre Sarmiento se converte no seu máis insigne precursor, a pesar de a maior parte das súas obras ficaren inéditas durante moito tempo.

Outros poetas da Ilustración Galega, pertencentes á xeración posterior a Sarmiento, son o Cura de Fruíme, Francisca de Isla Losada e Xosé Andrés Cornide Saavedra. Diego Antonio Cernadas e Castro (Santiago, 1698-Fruíme, 1777), primeiro cura de Fruíme, parroquia onde exercerá ininterrompidamente o sacerdocio, é un poeta moi prolífico cuxa obra foi recompilada case toda nos sete volumes póstumos que levan por título Obras en prosa y verso del Cura de Fruime ,publicadas entre 1778 e 1781; a maior parte está en castelán, sendo moi reducida a produción en galego, aínda que en toda a súa obra se reivindica o idioma do país e a defensa de Galiza contra ás inxustizas de que era vítima; Álvarez Blázquez logrou reunir 15 composicións galegas na súa importante escolma, varias non incluídas nas obras completas do poeta. Estes poemas en galego, moitos deles de circunstancias e de carácter epigramático, móstrannos un versificador áxil e enxeñoso, aínda que os seus versos carezan en ocasións da necesaria depuración.

Diego Sarmiento de Acuña, Conde de Gondomar. Debuxo de Cuevas.

Francisca de Isla Losada (1734-1808), medio irmá do Padre Isla, cuxa obra recompilou, ordenou e editou, foi unha persoa dedicada ás artes e as letras, que infelizmente mandou queimar todos os seus escritos pouco antes de morrer, entre os que Álvarez Blázquez coida que debían existir varias poesías en galego, das que hoxe só conservamos unha mercé a Carlos Martínez Barbeito, que a achou entre os papeis de Cornide Saavedra. Trátase dun romance humorístico dirixido ao Cura de Fruíme, de escaso valor literario, que leva por título "Romance escrito por mi Sra. Doña María Francisca de Isla y Losada al Sor. Abad de Fruíme", publicado por Álvarez Blázquez na súa Escolma de poesía galega.

Xosé Andrés Cornide Saavedra (A Coruña, 1734-Madrid, 1803) é unha das figuras centrais da Ilustración Galega, xunto cos Padres Feixoo, Sarmiento e Sobreira; este último pertence á mesma xeración de Cornide Saavedra e, a pesar de ser un apaixonado estudioso do noso idioma —Papeletas de un Diccionario Gallego, Idea de un Diccionario de la Lengua Gallega—, tampouco nos deixou obra literaria en galego. Cornide, erudito de saber enciclopédico, é autor de importantes obras de contido científico (historia, xeografía, educación, economía, etc.), entre as que cabe resaltar o Ensayo de una historia de los peces y otras producciones marinas de la costa de Galicia (1780). Ademais de desempeñar outros prestixiosos cargos de responsabilidade, foi secretario perpetuo da "Real Academia de la Historia", polo que trasladou a súa residencia a Madrid en 1789. Manuel Murguía descubriunos a faceta de poeta deste autor, que ten varios poemas en castelán e tres en galego: un de circunstancias composto de 17 décimas dedicadas ás festas de Sada de 1761 para celebrar o cumpreanos do rei Carlos III, unha décima do mesmo ano de carácter satírico-burlesco e o soneto "A Fílida", a composición máis importante do século XVIII.

IMAXES