Os Séculos Escuros e a Ilustración Galega
Os Séculos Escuros e a Ilustración Galega
Contexto Histórico

Para o estudio da Historia da Literatura Galega a Idade Moderna (XVI-XVIII) pódese dividir en dúas etapas diferencidas polo cambio de mentalidade a respecto do país e a lingua: os chamados Séculos Escuros (XVI-XVII) e a Ilustración (XVIII).

En Galiza, a transición da Idade Media á Moderna foi especialmente traumática debido a que na guerra civil desencadeada á morte de Henrique IV de Trastámara (1474), a nobreza galega optou pola lexítima herdeira, Xoana a Beltranexa, fronte ás pretensións de Isabel a Católica. A vitoria desta última marca o comezo dos Séculos Escuros como consecuencia da represión a que foi sometido o Reino de Galiza. Transformada nunha "provincia" case tan remota como os dominios de Ultramar, e sen voto en Cortes, así entrou Galiza na Idade Moderna.

Sistema político e administrativo

O sistema político da época, denominado Antigo Réxime, estaba caracterizado pola imbricación do militar, o civil e o eclesiástico, é dicir, que non existía separación de poderes, e así, a Real Audiencia, presidida polo Gobernador-Capitán Xeral, atendería todos os aspectos legais, xudiciais e executivos do Reino. No século XVIII creouse o cargo de intendente de Galiza, que asumiu a facenda e as levas militares. Todos os altos cargos eran exercidos por xente foránea designada pola coroa, práctica que diminuíu no século XVIII.

Ordenanza de la Real Audiencia del Reyno de Galicia , 1679.

Para facilitar a recadación fiscal delimitouse o territorio primeiro en cinco, e despois en sete provincias: Santiago, Tui, Lugo, Mondoñedo, Ourense, A Coruña e Betanzos. O termo "provincia" non tiña o contido político da época contemporánea, senón que era unha circunscrición a efectos fiscais, mediante a cal a cidade cabeceira se convertía en receptora dos tributos da súa xurisdición. Os representantes destas cidades constituían a denominada Xunta do Reino.

A Xunta do Reino servirá, ao longo da Idade Moderna, de medianeira entre o Reino e o poder central e, aínda que con ese nome non está documentada até 1623, ano en que Galiza recupera, previo pago de 100.000 ducados, o seu Voto en Cortes, funcionaba xa desde comezos do século XVI e as súas funcións foron perfilándose ao longo do tempo. O século XVII será o de maior actividade desta Xunta que, controlada pola fidalguía, mantivo unha posición de inequívoca defensa do Reino perante as continuas presións fiscais e militares da monarquía. No século XVIII, debido ao pulo centralizador dos Borbóns, a Xunta do Reino perdeu unha grande parte da súa influencia, aínda que a institución se mantén en vigor até o esfarelamento do Antigo Réxime.

As institucións administrativas civís complétanse cos Concellos, que naceran xa na Baixa Idade Media en substitución das antigas asembleas de vecinos. Nos concellos urbanos pouco a pouco a representación foi ficando en mans dunha oligarquía polo sistema de compra ou de patrimonialización de cargos. No resto de Galiza, os "concellos abertos" de aldeas ou parroquias atendían ás regas, sementeiras, traballos colectivos, arranxo de caminos, etc.

A ordenación político-xurídica e administrativa do Reino completase coa rede eclesiástica, que contaba con cinco dióceses (Santiago, Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui) e máis de 3.500 parroquias. Nestas levábanse libros de nacementos, defuncións, matrimonios, fábrica, confrarías, etc., e a Igrexa contaba co brazo secular para levar ao cárcere ou cobrar as multas a quen incumpría os seus preceptos.

A Igrexa

A Contrarreforma de Trento perpetúa na Igrexa galega a política dos Reis Católicos enfocada a transformala nun apéndice da de Castela (en 250 anos só houbo cinco arcebispos galegos en Santiago). Suprímense os centros de estudios teolóxicos que sostiñan tanto os monxes bieitos como os bernardos. A implantación da "Santa Inquisición" en 1574 vai estender este control ao estamento popular, xa que durante o século XVI os máis perseguidos foron os campesiños e os cregos rurais. A Inquisición será a encargada de vixiar o comportamento político-relixioso dos galegos e de manter a estrutura social dentro dos estreitos límites da moral católica: o 66% dos seus procesos durante os séculos XVI e XVII foron por delictos contra a moral e a ética. Esta aculturización das masas campesiñas pasa, entre outras cousas, pola transformación das festas populares en verdadeiras representacións da orde social estabelecida (por exemplo, as procesións), e tivo un dos seus máis importantes alicerces nos párrocos, a quen tamén foi necesario adoutrinar xa que, en principio, "pecaban" dos mesmos males que os seus fregueses.

Mosteiro de San Salvador de Lérez, Pontevedra.

A Igrexa tratou de erradicar ou "reconducir" algunhas das formas de sociabilidade labrega (romarías, muiñadas, fiadas, confrarías de comida...) e, sobre todo, desenvolveu unha grande prevención contra as mulleres solitarias que se situaban á marxe do modelo familiar e que eran especialmente numerosas en zonas de grande emigración masculina. A moral tridentina loitou contra o concepto de "familia" en Galiza, onde a ilexitimidade era unha práctica amplamente representada. Os estudios sobre esta cuestión vense dificultados polas profundas diverxencias existentes entre as diferentes zonas do país, que impiden a xeneralización. Como exemplo destas diverxencias pódese citar o sistema hereditario: na Galiza interior o máis común era que a denominada mellora beneficiase o fillo máis vello, mentres que en moitas zonas do litoral era a filla máis nova a mellorada. De igual maneira, o núcleo familiar conta con máis elementos na Galiza oriental.

No século XVII a Inquisición centrou tamén a súa atención na queima de libros, na persecución de supostos xudaizantes e luteranos, pasando entón a ser as vítimas os habitantes das cidades, en concreto os burgueses dedicados ao comercio.

Economía

Nun período tan longo de tempo, inevitabelmente, a economía galega pasa por diferentes fases, que en moitos aspectos están aínda por investigar. En xeral, os historiadores distinguen catro etapas:

  1. Século XVI, até o último tercio: caracterizado polo crecemento poboacional debido, en grande medida, á extensión do terreo cultivado (xa que os apeiros de labranza seguen a ser os da Idade Media) e o aumento da importancia da cabana gandeira. A paisaxe agraria confórmase co casal como unidade de explotación. O cultivo maioritario é a vide, que xera un importante comercio. A pesca mantén a súa produtividade e ao longo deste período vanse introducindo novas artes de pesca, sobre todo a traíña e o xeito ;o poderoso Gremio de Mareantes de Pontevedra monopoliza a exportación de salgados, que ten como destinos Andalucía, Portugal e o Mediterráneo. Hai un grande dinamismo comercial polas vías marítimas que exportan madeira, peixe e viño. Polas rotas terrestes canalizase a exportación de gando a Castela.
  2. Último tercio do século XVI e primeiro do XVII: esta é unha etapa de dacaimento ou ralentización da economía debido a que se conxugan unha serie de factores políticos e climáticos. A Coroa elimina o dereito dos portos galegos a comerciaren con América, en beneficio de Sevilla; a guerra entre Felipe II e a monarquía inglesa, ademais dos gastos extras en homes e cartos e do desastre das expedicións navais, leva a que as nosas costas, carentes de protección, sexan continuamente arrasadas polos corsarios ingleses. Comeza un bloqueo marítimo que se prolongará até 1764. O aumento da presión fiscal, as malas colleitas e os diversos fenómenos monetarios levarán a moitos campesiños ao endebedamento.
  3. 1630/40 a 1753: caracterizada pola expansión, a pesar das diverxencias entre as diferentes zonas de Galiza. A grande novidade na agricultura é a implantación do millo, que vai producir unha verdadeira renovación. O aumento da poboación levará a que certas zonas costeiras se convertan en focos de emigración. A fabricación de lenzos no medio rural crea unha produción exportábel a Castela; é unha produción non controlada polos gremios das cidades, senón vehiculizada cara aos mercados desde os campesiños que a producen a través de arrieiros. En 1764 a Coroa permite ao porto da Coruña o comercio con América e isto abre novas expectativas para o sector: bótanse as bases dunha proto-industria. A arquitectura barroca galega é unha mostra desta etapa de expansión.
  4. De 1753 a 1813: etapa de recesión. Os viños galegos perden os seus mercados tradicionais no exterior por mor da política da Coroa, e o interior vese dificultado polo alto custo dos transportes, as cargas fiscais, a competencia dos viños cataláns e as restricións impostas nalgunhas cidades á entrada de viño doutros lugares. Os cambios na agricultura prodúcense na Galiza interior, porque é agora cando aí se expande o millo e se introduce a pataca. A matrícula de mar , que obrigaba a todos os mariñeiros a estaren a disposición do rei até os 60 anos, coincide, non por casualidade, coa chegada dos cataláns. A matrícula garantíalles o dereito a se estabeleceren en calquera lugar do litoral español, mais ao estaren matriculados en Cataluña podían eludir o servicio á Mariña. As novas artes de pesca ( xábega e bou )e de salgado ( prensado )que queren impor conlevan unha relación laboral marcada pola xeneralización do salario. O rexeitamento que provocou non foi igual en toda a costa. O mercado dos salgados reoriéntase cara ao Mediterráneo; o mercado portugués, que segue a comprar os salgados tradicionais, perdeuse en 1773 pola gravosa política arancelaria que impón a Coroa. O fracaso do sector téxtil, que contaba, ademais da produción doméstica, cunhas cantas factorías en diversas localidades, para uns historiadores debeuse a que non foi capaz de evoluír cara a un sistema moderno de produción e comecialización, e para outros á falta de apoio institucional para abrir mercados que lle permitisen competir cos tecidos ingleses. A carencia dunha rede viaria non é allea ao decaimento comercial, pois unicamente o camiño real A Coruña-Madrid ficará rematado neste século.

É unha constante insistir na pobreza, case miseria, do Reino de Galiza. Esta visión é correcta desde a perspectiva de Castela, que entende por riqueza os excedentes de cereais que se comercializan. Desde esta posición Galiza é pobre, como todo o norte da Península, porque non figura nos circuítos comerciais como exportador de cereais. O que acontece en realidade é que Galiza é diferente e diversa. A súa agricultura non é de monocultivo, senón que está caracterizada pola diversidade: gando estabulado, cultivos hortícolas, etc. A orografía, o tipo de poboamento e o sistema hereditario galegos facilitan que os excedentes agrarios se transformen imediatamente en aumento de poboación, xa que todos os fillos poden independizarse e abrir casa. Un par de leiras, un porco, unhas galiñas, a emigración á sega en Castela ou o marisqueo e a pesca permiten esa independencia. O feito de que a poboación galega sexa, durante estes séculos, tan superior á castelá unicamente pode ser explicado pola maior capacidade alimentaria de Galiza. Como contrapartida, esta subdivisión da terra e o conseguinte aumento da poboación provocarán a emigración. A cegueira dos gobernantes casteláns perante unha realidade distinta e, para eles, allea e explotábel, impedirá que se potencie e canalice correctamente estoutro tipo de riqueza que non ten nada que ver co monocultivo.

Sociedade

Como toda a Europa do seu tempo, a sociedade galega desta época é estamental, quer dicir, que se organiza en función de privilexios e se articula xuridicamente por estamentos. Esta división en nobreza e clero como clases privilixiadas e campesiñado como masa traballadora, herdada da época feudal, acocha unha realidade moito máis complexa que se foi transformando ao longo destes séculos porque aparecen outros criterios de xerarquización social, sobre todo a riqueza; e nun país de economía agraria a riqueza está na posesión da terra.

Fidalga galega recreada nun gravado do século XIX.

O concepto de propiedade da época era diferente ao actual; a propiedade era unha suma de dereitos parciais que concorrían sobre un mesmo terreo. Nos séculos XVI e XVII estes dereitos eran tres: señorío, dominio directo e dominio útil. Quen posuía o dominio directo sobre uns territorios podía cedelos percibindo a cambio unha renda, mentres o posuidor do dominio útil era quen os traballaba e dispuña deles pagando as rendas estipuladas. Estes contratos, podían ter a forma de foros (cesión a longo prazo) ou de arrendamentos (cesión a curto prazo e moi variábel). O foro era o máis estendido, agás na provincia de Mondoñedo.

O foro, que ten a súa orixe na Idade Media, sufriu algunhas modificacións no século XVI (a súa duración adoita equipararse á vida de tres reis e estabelécese a renda nunha cantidade fixa, pagada en especie), mais en conxunto o sistema foral caracterízase pola estabilidade. Isto, aparentemente, é beneficioso para o campesiñado; porén, a acumulación de dominios que caracterizaba o réxime foral convertía o pagamento das rendas nunha obriga moi gravosa. O réxime foral tendeu a se estender mediante a práctica do subforo, é dicir, os posuidores do dominio directo estabelecen foros con persoas que á súa vez volven a aforar esa terra aos campesiños, dando lugar así á aparición doutro grupo social (a fidalguía ) que terá un papel fundamental na sociedade da Galiza moderna. Sen estes presupostos non se pode entender a estrutura da sociedade galega da época.

A situación económica do campesiñado vai ser moi desigual. Unha quinta parte son indixentes; un 10% entrarían na categoría de pobres; un 40% poderían ser considerados economicamente suficientes, mais en épocas de malas colleitas caerían rapidamente no endebedamento; un 20% gozarían dunha situación acomodada; e unicamente un 10% poderían ser considerados labregos ricos. Este grupo social estaba sometido, fundamentalmente, a tres tipos de cargas: rendas da terra, cargas fiscais e cargas señoriais.

  1. As rendas da terra, derivadas dos foros ou arrendamentos, constituían a maior parte dos tributos (78%) e os seus beneficiarios eran a fidalguía e a Igrexa.
  2. As cargas fiscais eran de dous tipos: a) os diversos tributos de orixe real: décimos alfandegarios, impostos do sal, alcabalas e todos os servicios extraordinarios aprobados en Cortes, onde Galiza non tivo voto até 1623, e que se concretaban en recrutamento de homes para as guerras imperiais (1490, 1495, 1496...) e abastecemento dos exércitos; b) os de orixe eclesiástica: décimos, primicias e Voto de Santiago, fundamentalmente.
  3. As cargas derivadas do "señorío e vasalaxe" representaban a proporción máis reducida (2,5%). Disto dedúcese que os grupos privilexiados eran os que se facían co excedente agrícola e que a principal institución rendista era a Igrexa.

Dentro do clero, de todos os xeitos, hai que estabelecer tamén grandes diferencias. O clero regular en Galiza está reducido nas súas rendas a un 9%, sendo o secular o maior beneficiario. E dentro deste último, o alto clero (arcebispo, bispos e cabidos) sobrepasa con moito o resto, aínda que os párrocos, dependendo das zonas, alcanzaban fortunas considerábeis.

Na Idade Media a fidalguía era o chanzo máis baixo da nobreza, pero no século XVI amplía a base xa que nela entran escudeiros, escribáns, rexedores das vilas, parte do clero, mercadores e mesmo algún campesiño rico. Este cambio de status veu propiciado pola marcha da nobreza, que ten que deixar administradores nas súas terras. De todos os xeitos, o importante non é a súa extracción social, senón a súa fortuna fundamentada sobre o control de foros e a política de adquisición de terras. Nas últimas décadas do XVI, coincidindo co momento de crise económica, a fidalguía consolida a súa posición mediante a adquisición de foros eclesiásticos que se topaban en mans do campesiñado polo endebedamento deste, pola adquisición de parcelas libres de cargas e pola apropiación de bens comunais e terras baleiras. Co paso do tempo, a posición económica permitiulle inserirse nos ámbitos do poder: administración, exército e Igrexa, e isto, unido a unha política matrimonial edecuada, consolidou o seu papel na sociedade.

Campesiña galega nunha litografía de Giscard.

A conflitividade social que xeraba esta complexa rede de propietarios e tributos, e que na Idade Media dera lugar ás Guerras Irmandiñas, agora, coa "paz monárquica", vaise canalizar a través dos preitos. Estes preitos serán de dous tipos: os que enfrontan o campesiñado cos grupos rendistas e os que enfrontan os grupos rendistas entre si. A resistencia dos labregos á presión dos privilexiados está documentada desde que comeza o século XVI, e con ela intentaban asegurar a súa posición sobre a terra e aliviarse de cargas. A aparición da fidalguía e os subforos axudaban en grande medida a escurecer a propiedade do dominio directo, xa que ela era a primeira interesada en facelo. Esta clase de loita deu ao labrego galego sona de litigante.

No século XVIII esta conflitividade intensifícase entre as clases rendistas, enfrontando a fidalguía co clero. O centro do problema é a obrigatoriedade de renovación do foro. Os mosteiros intentan recuperar o dominio sobre as súas terras e ter liberdade para aforalas como e con quen queiran. Os fidalgos pretenden que sexa de obriga a renovación dos primeiros foros, é dicir, a dos estabelecidos por eles cos mosteiros, mais non a dos subforos que eles fixeran despois co campesiñado. A cuestión afectou á toda a sociedade e ás súas institucións. Rematou o preito en 1763 cunha pragmática de Carlos III que impón a renovación de todos os foros. Na práctica isto transformounos en perpetuos e o problema xa non será resolvido até 1926. O papel xogado neste conflito polo campesiñado non está aínda suficientemente analisado.

A aparente estabilidade que reflicte a sociedade galega da Idade Moderna vén dada polo paternalismo das capas dirixentes, que inclúen entre as súas obrigas as obras de beneficencia: esmolas, hospitais, fundacións para "casar doncelas pobres", etc.

IMAXES