Os Séculos Escuros e a Ilustración Galega
A literatura popular
Introdución

O curto espacio que lle adican á literatura popular galega as principais fontes de información e a pouca atención que —mesmo entre os sectores sociais máis instruídos— se lle adoita conceder dan, ás veces, a impresión de que este xénero vén sendo considerado como se en realidade se tratase dunha 'parente pobre' da literatura 'verdadeira', cando, polo elevado número de composicións conservadas, pola inmensa cantidade de usuarios que tivo ao longo da historia e polo interese dos datos etnográficos, históricos, lingüísticos e literarios que aporta, reviste unha considerable importancia no conxunto da cultura galega.

De festa en Santo André de Teixido.

A literatura popular é unha forma de arte verbal, é dicir, o uso artístico dese vehículo común de comunicación que é a lingua dunha comunidade. Abrangue un conxunto de diversas formas e xéneros literarios usados e transmitidos oralmente polo pobo; por "pobo" entendemos aquí as "clases subalternas": o acoplo sector que, nunha sociedade complexa como a nosa, está máis afastado da cultura canónica e dominante propia dos sectores máis informados e influíntes. Esta literatura maniféstase ás veces como forma simplemente falada (contos, lendas, anécdotas, etc.), outras veces vai asociada á musica (letras de cantigas) ou mesmo á danza, e outras —as menos— preséntase como parte dunha representación escénica (teatro); formas de arte verbal coma o refrán, a adiviña, o chiste, etc. considéranse 'populares' pero quedan fóra do campo da literatura, se ben están próximos a ela e, ás veces, a penas se diferencian. A inmensa maioría está en galego e unha pequena parte está en castelán (especialmente despois do espallamento da radio e do gramófono).

Esta literatura presenta unha serie de trazos que a caracterizan perante a literatura por antonomasia e que, basicamente, son:

  1. execución e transmisión oral, aínda que, como imos ver, unha boa parte dela chegou a nós a través da escritura e, doutra banda, boa parte da literatura 'culta' transmitiuse oralmente durante séculos.
  2. variabilidade: a súa forma varía dunha execución a outra, polo que adoita haber múltiples variantes dun texto orixinario, o que é unha consecuencia, así mesmo, do seu carácter oral.
  3. aceptación colectiva —total ou parcial— por parte do grupo sociocultural na que se emprega, o que, dunha banda, favorece a súa difusión pero, doutra, supón o control e a limitación tanto da súa execución como dos seus contidos e formas.
  4. o nome do autor (que poucas veces se coñece) carece de relevancia.
  5. no seo do grupo social é un elemento funcional máis, que con frecuencia é múltiple: divertir, ensinar, establecer lazos de unión entre os membros do grupo, ridiculizar defectos, aturar o traballo, galantear, agredir, pedir dons, gabar e outras funcións semellantes. É este o seu trazo máis significativo, ata tal punto que só se pode considerar unha peza como verdadeiramente popular cando é aceptada pola comunidade e se integra no conxunto das funcións comunitarias; e, polo contrario, cando perde a súa funcionalidade para o grupo, deixa de empregarse, vai esquecéndose e acaba por desaparecer definitivamente.

IMAXES