Os Séculos Escuros e a Ilustración Galega
Os Séculos Escuros e a Ilustración Galega
Mostras literarias dos Séculos Escuros

Aínda que a literatura galega practicamente desaparece durante os séculos XVI e XVII ao non existir un discurso literario propiamente galego e ao desaparecer en grande medida a lingua do país do ámbito escrito, non obstante conservamos algunhas mostras literarias deste período compostas no noso idioma, escasas canto ao número e pobres cualitativamente.

Pedro Antonio Sánchez, fundador da Biblioteca do Consulado. Litografía de J.M. Torres.

Mais tamén foi moi pobre en Galiza a produción literaria en lingua castelá, lingua que se impuxo na escrita, ou mesmo en latín, que aínda se seguiu usando minoritariamente nalgún tipo de composicións. Parece como se Galiza, desposuída do uso digno do seu idioma propio, ficase muda ou paralisada no seu espírito creador, incapaz de se expresar literariamente nunha lingua diferente a aguda que ela mesma xerara e en que seguía falando e comunicando os seus sentimentos e vivencias.

A vida literaria de Galiza durante os séculos XVI e XVII redúcese case a cero, como demostra a ausencia de academias literarias e a escaseza de xustas poéticas, tan frecuentes ambas en cidades e mesmo vilas doutras partes da Península, ficando só entre nós algunha moi pontual actividade literaria que non abonda para podermos evitar falar dunha auténtica depresión cultural xeneralizada no país e dun período de silencio na historia da nosa literatura.

Poesía

a) Poesía anónima tradicional

Evidentemente, un pobo que xa demostrara durante a Idade Media tan altas cualidades para a creación literaria no seu propio idioma, non pode perder estas repentinamente, polo que é moi lóxico presupor a pervivencia dunha rica literatura popular, oral e anónima que non vai ter correlato na literatura escrita ao desaparecer a lingua galega dese ámbito case por completo.

Algunhas pequenas mostras desa poesía popular, de transición entre o período medieval e os séculos escuros, xiran arredor da figura mítica de Pardo de Cela, decapitado na praza maior de Mondoñedo o 17 de Nadal de 1483. Este feito debeu provocar a aparición dunha ampla literatura sobre o tema, da que conservamos hoxe dous textos, un en prosa e outro en verso. O texto en prosa é a "Relazón da carta xecutoria", figurando a continuación del 32 versos —hoxe coñecidos como o "Pranto da Frouseira", posibelmente de fins do século XV—, que, segundo ten afirmado Xosé María Álvarez Blázquez, proceden de dúas pezas diferentes, baseándose na rima, no ponto de vista e nun "etc." que aparece ao final do verso 16: os 16 primeiros versos formarían parte dun "Cantar do Mariscal", pranto pola morte de Pardo de Cela, e os outros 16 constituirían un moi pequeno fragmento dun "Romance de Pardo de Cela", que podería constar duns 400 ou 500 versos; nunha variante da "Relazón..." áchase prosificado parte deste romance. O feito de o Memorial... de la Casa de Saavedra en que se conservan o texto en prosa e en verso ser imprimido fóra de Galiza e por xente non galega pode explicar as formas lingüísticas estrañas que abundan na composición, da que hai unha copia manuscrita de Xosé Cornide Saavedra, sendo publicada en 1888 por Xosé Villa-Amil e Castro en Galicia Diplomática ,por Antonio de la Iglesia en El Idioma Gallego e incluída así mesmo por Benito Vicetto en Los Hidalgos de Monforte.

Copia dun lenzo que representa a Pedro Pardo de Cela no Castelo da Frouxeira.

Na mesma liña da poesía popular de carácter histórico ou de circunstancias, mais xa pertencente ao século XVII, debemos situar unha composición anónima realizada con motivo do "Saqueo de Cangas polos turcos" —este é o título con que se recoñece— o 9 de Nadal de 1617, afastada da nova estética renacentista ou barroca. A morte de máis de cen veciños desa vila e o cativerio doutros douscentos por parte de piratas turcos deu orixe a un relato en verso transmitido oralmente e máis tarde recollido por escrito por un frade de Celanova, segundo nos indica Álvarez Blázquez; sería Xosé Oxea quen lle facilitaría unha copia do mesmo a Manuel Murguía, que o publicou en 1881 en La Ilustración Gallega y Asturiana ;tamén o publicaría poucos anos despois Bernardo Barreiro (1885). Ambos os autores concordan en que a versión está moi deturpada, sendo para Álvarez Blázquez evidente a participación de duas mans, moi afastadas no tempo: a primeira, popular, relata esquematicamente o suceso nos versos impares asoantes e unha segunda, máis culta, aínda que con fino sentido do popular, que intercalaría todos os versos pares coa repitición de lonxe, lonxe, lonxe e o estribillo. A métrica é moi irregular; as circunstancias da transmisión textual dan pouca fiabilidade ao texto que hoxe coñecemos.

Dentro da poesía de transición tamén recompila Álvarez Blázquez 16 "cantigas paralelísticas e vilancetes anónimos" dos séculos XV e XVI, de carácter culto seguindo os moldes tradionais, tres xa incluídas por Lang no seu Cancioneiro galego-castelhano e outras tiradas do Cancionero del Palacio Real de Madrid, Cancionero de Upsala, Cancionero Publia Hortensia e outros; trátase de restos da escola lírica galego-castelá espallados polos cancioneiros casteláns da época, que veñen supor unha prolongación da lírica desta escola, coa baixa calidade literaria e lingüística que a caracteriza.

b) Poesía académica renacentista e barroca

A colonización política, cultural e lingüística de Galiza por parte de Castela impediu a existencia dun verdadeiro Humanismo e Barroco galegos na nosa literatura, practicamente desaparecida neste período, mais iso non foi obstáculo para acharmos no século XVI e principios do XVII algunha importante mostra de sonetos con claras influencias renacentistas ou outras mostras de poesía barroca no século XVII; trátase de composicións de carácter culto que gardan relación coa poesía castelá da época. O conxunto da poesía erudita e académica galega destes dous séculos ten un valor literario ou artístico moi desigual, mais un elevado valor lingüístico e filolóxico, oferecendo un amplo caudal de palabras cultas e populares con indubitábeis acertos expresivos, aínda que envolta nunha ortografía anárquica e cunha pontuación caótica, que dificultan grandemente unha edición rigorosa e coherente, actualizadora dos textos sen mingua da fidelidade filolóxica aos mesmos.

Son catro os sonetos que xeralmente se inclúen como mostras renacentistas, dous quiñentistas, máis vinculados lingüisticamente ao modelo portugués e máis claramente inseridos na literatura do Renacemento, e dous de principios do XVII, máis suxeitos ás peculiaridades lingüísticas do territorio galego e con influencias tamén barrocas. O "Soneto de Monterrei", anónimo de arredor de 1530, fora atribuído erroneamente, por incompatibilidade cronolóxica, a Camões; é unha composición dialogada en que intervén a típica pastora renacentista —Violante— e un cabaleiro que lle declara o seu amor, o que lle dá un certo ar de pastorela ao vello estilo; ao longo do poema advírtese un forte paganismo na concepción da morte a través dun mito clásico, os fíos da vida. Debemos a Vaamonde Lores a reivindicación para o galego deste soneto de difícil interpretación, moi vinculado a Galiza pola súa concreta localización no Val de Laza.

Isabel de Castro e Andrade, condesa de Altamira, nacida en Pontedeume arredor de 1520 e morta en 1582, é a autora dun soneto en galego-portugués dedicado a Alonso de Ercilla —"Aracana naçaon..."—, que debeu ser composto polo ano 1578 ao ser publicada a segunda parte de La Araucana deste autor, pois aínda que aparece na terceira parte en 1597, neste ano xa tiñan morto os dous autores. A pesar dos trazos portugueses da lingua utilizada no soneto, Pérez de Guzmán afirma ter visto unha colección de versos en galego e castelán desta autora na Biblioteca Nacional de Madrid, posteriormente perdida.

Os outros dous sonetos renacentistas, mais xa con trazos barrocos, aparecen no libro Relación de las Exequias... de la Reina Margarita... (1612), que recolle composicións de diferentes autores, a maioría en castelán e latín, feitas con motivo da morte da raíña de España, Dª Margarida de Austria. O "Soneto con falda", de Gómez Tonel, foi composto en 1611 e consta de dous cuartetos, dous tercetos e un estrambote de 8 versos, 5 hendecasílabos e 3 heptasílabos; contén alusións históricas a Porcia e Filipo Bruto e está cheo de paralelismos e contrastes; trátase dunha elexía barroquizante baseada no procedemento diseminativo-recolectivo propio da época, terminando cunha significativa e enigmática imprecación á "magoada Galizia"; o seu autor escribiu outras sete composicións en castelán e latín para estas exequias, as primeiras con abundantes galeguismos; el mesmo, natural da zona de Santiago e posíbel propietario dunha imprenta nesa época, foi o coordenador do libro.

Máis interesante —e, sen dúbida, un dos textos máis importantes dos Séculos Escuros— é o soneto "Respice finem", da autoría de Pedro Vázquez de Neira, tamén incluído no libro das exequias da raíña Margarida, que constitúe un pranto pola morta da raíña, con directa increpación á Morte e cun lamento pola fugacidade da vida, tema tratado ao modo barroco, como pon de manifesto a nota de amargura que deixa translucir o pesimismo e o desengano da literatura barroca. Vázquez de Neira era licenciado en Medicina e estaba ao servicio da Real Audiencia da Coruña, sendo un dos poucos homes de ciencia que escribiu en galego nos Séculos Escuros, aínda que tamén participa nesta mesma obra con dous epigramas en latín, un soneto en castelán e outro en que alterna estes dous idiomas.

Inseridas no período barroco están as "Décimas ao Apóstolo Santiago", compostas por Martín Torrado, abade de Urdilde, arredor de 1617, cando Felipe IV pretendeu que Santa Teresa compartise con Santiago o padroado de España. Murguía foi o primeiro en coñecer estas décimas, mais non ao seu autor, afirmando que as tiña ouvido cantar nas portas da catedral de Compostela no segundo tercio do século XIX; Filgueira Valverde editounas integramente en 1924; e Atanasio López foi quen descubriu o nome do autor ao achar as décimas noutro manuscrito da Biblioteca Nacional de Madrid. Cheas de humor irónico, teñen un ar fortemente satírico, baseado na idea do hipotético casamento do Apóstolo Santiago con Santa Teresa sen o consentimento desta; tal deformación caricaturesca do tema do poema parece entroncar coa vella tradición satírica da lírica medieval. Toda a composición está inzada de contrastes: por unha parte hai fragmentos grandilocuentes, como a ben lograda invocación inicial, e por outra un predominio de fórmulas coloquiais ( Eu, meu santo, oín agora.../ Arreda, vai Satanás... ); ao mesmo tempo, son frecuentes as exaxeracións hiperbólicas e as expresións imprecatorias.

A máis clara mostra de poesía barroca témola nos nove romances galegos recollidos no libro Fiestas minervales y aclamación perpetua de las Musas... ,de 1697. Desde 1536 celebrábanse na Universidade de Santiago de Compostela as chamadas "Festas Minervais", convocadas para louvar a figura do fundador da mesma, D. Alonso de Fonseca; só hai noticias do certame literario de 1662, mais non se conservan os textos; os primeiros que posuímos corresponden precisamente ás composicións presentadas a esas festas no ano 1697. Aínda que diversos autores nos deron noticia, desde fins do XIX, do libro que recolle os nove romances galegos e algúns reproduciron unha pequena mostra, será Álvarez Bláquez quen nolos dea a coñecer na súa totalidade en 1959, estando hoxe felizmente publicado todo o volume en edición facsimilar pola Universidade de Santiago de Compostela. As bases daquel certame literario de 1697 marcaban sete apartados ou "asumptos", con tres premios asignados a cada un, e o segundo consistía en desenvolver o tema de "si Santiago vive más obligada al señor don Alonso de Fonseca que el señor don Alonso de Fonseca vivió a su patria", asunto que debía ser "resuelto en veinte coplas de romance gallego y en favor de nuestro Fundador". O uso da lingua galega neste apartado vén, pois, determinado nas bases, dando por suposto que o idioma dos outros seis é o castelán ou tamén excepcionalmente o latín. Concorren a el oito poetas galegos, habendo un noveno que o fai tamén en galego polo sétimo apartado, logo incluído no volume xunto cos oito anteriores. Nestes nove romances de vinte estrofas de catro versos octosilábicos cada un, con algunha irregularidade na medida, predomina o ton coloquial, sendo moi abundantes as referencias á literatura e historia clásicas, así como as referencias mitolóxicas, mesturadas con frecuentes xogos de palabras e outras artificiosidades propias do Barroco serodio. O moi escaso valor literario destas composicións laudatorias de circunstancias vese compensado polo grande valor lingüístico-filolóxico, pois constitúen o conxunto máis denso de galego escrito nos últimos anos do século XVII. Os seus autores son: Xoán del Río Otero, Francisco Antonio del Valle, Xoán Correa Mendoza Sotomayor, Fr. Xosé Gil Taboada, Bernardo Vallo de Porras, Xosé Guerrero Lasso de la Vega, Fabián Pardiñas Villardefrancos, Ignacio Rodríguez e Xoán Antonio Torrado.

c) Poesía relixiosa: os vilancicos de Nadal

Os vilancicos de Nadal e Reis constitúen unha das manifestacións de maior vitalidade da literatura popular que, mantendo viva a súa tradición durante os Séculos Escuros e despois de ter sido cultivada por autores do século XIX, chega mesmo aos nosos días. Nesta tradición popular do vilancico, moi arraigada en Galiza, van participar poetas cultos, feito que posibilitará que se conserven por escrito numerosas composicións —por exemplo, en manuscritos de arquivos de diferentes catedrais— que doutra forma terían desaparecido.

Impreso das Festas Minervais de 1697.

Estes vilancicos cultos, "de autor" —por tanto non propiamente populares— caracterízanse pola utilización de combinacións estróficas sinxelas, en que está presente o procedemento paralelístico-reiterativo tan do gosto popular; ás veces preséntanse en dísticos ao estilo arcaico, lembrando as bailadas da primitiva escola galego-portuguesa. A fixeza do xénero vén marcada pola utilización de bases populares formadas por un dístico e un refrán AAR no esquema máis arcaizante—, desenvolvidos en formas variadas —AABBCC ou AABBRCCR— que acaban por empregar o estribillo con calquera tipo de estrofa máis ou menos popularizante.

Canto á súa orixe, para Álvarez Blázquez o vilancete ou vilancico de Nadal xa existía antes de que entrase nas igrexas, explicando a súa lonxevidade pola vixencia do tema relixioso. Para Filgueira Valverde a orixe está nas representacións medievais de teatro litúrxico de Nadal na última parte da Idade Media; nos Autos que se derivaban delas cantábanse "seguidas" relixiosas de cantigas de vilao, en que participaban personaxes rústicas, sendo, pois, os vilancicos sinxelamente composicións musicais consistentes nunha transformación ao divino das cantigas de vilao.

Un dos feitos máis sorprendentes con relación aos vilancicos galegos é o da súa extraordinaria difusión fóra de Galiza, espallándose pola Península dun xeito semellante ao da lírica medieval galego-portuguesa; foron compostos vilancicos na nosa lingua para seren cantados en catedrais como as de Lisboa, Coímbra, Valladolid, Zaragoza ou Toledo, entre outras. Vázquez Cuesta intenta explicar este feito polo carácter rústico e o illamento de Galiza, que se correspondería coa imaxe dos cristiáns sobre Palestina, pasando do mito do galego pastor ao do Neno Xesús galego e xogando mesmo co parecido fonético entre galileo e galego , Oriente e Ourense ,coa grande difusión en Galiza dos nomes de Manuel e María e co vello prestixio de Santiago de Compostela como centro de atracción de peregrinos para o converter en Belén e a Virxe en compostelá. O feito indubitábel é que este xénero do vilancico tivo unha grande vitalidade en Galiza, que chega mesmo ao século XIX, onde o cultivan autores tan destacados como Alberto Camino ou Vicente Turnes.

Os principais cultivadores do vilancico durante os Séculos Escuros, de nome coñecido, son: Carlos Patiño (1610-1683), Frei Francisco de Santiago (meados do século XVII), Gabriel Díaz (meados do século XVII), Frei Xerónimo Gonçalves (meados do XVII) e Manuel Bravo de Velasco (1622-1660).

Teatro

Desde moi antigo existiron entre nós formas parateatrais populares —disputas de mouros e cristiáns, celebracións do entroido, etc.— que aínda hoxe se conservan. Por outra parte, a pesar de existiren referencias a un teatro litúrxico, en certo modo relacionado cos vilancicos, desde época amiga, non se conservan pezas dramáticas que o documenten.

A primeira peza teatral conservada pertence á segunda metade do século XVII e é coñecida como Entremés famoso sobre a pesca no río Miño ou Contenda dos labradores de Caldelas ,segundo o título do manuscrito —Entremés famoso en que se contiene la contienda que tubieron los labradores de la feligresía de Caldelas con los portogueces sobre la pesca del río Miño. Año de 167... Compuesto por el licenciado Gabriel Feyxó de Araújo. Año de 1671—. Posibelmente existisen outras pezas similares, mais esta é a única que hoxe coñecemos, converténdose por iso nunha obra de gran valor dentro da literatura dos Séculos Escuros e sobre todo da historia do noso teatro, pois aínda han pasar moitos anos, case dous séculos, antes de que apareza outra obra como A Casamenteira de Antonio Benito Fandiño.

Entremés famoso sobre a pesca no río Miño.  Edición nos Cadernos da Escola Dramática Gallega, 1983.

Do autor, Gabriel Feixó de Araúxo, case máis nada sabemos, salvo a suposición de Fermín Bouza-Brei, primeiro editor da peza, de que "era galego da orela direita do Miño, en cuxas ribeiras debeu ser nado". O entremés consta de 433 versos repartidos en nove escenas; consérvase nun manuscrito posibelmente apógrafo do século XVII na Biblioteca Nacional de Madrid, con evidentes incorreccións, que levaron a BouzaBrei a afirmar que o copista non era galego nen portugués.

O tema do entremés é a disputa pola pesca con redes no río Miño entre galegos e portugueses. A base da acción é histórica, pois a partir de 1669 Portugal recuperara a súa independencia e sucesos fronteirizos deste tipo eran frecuentes por aqueles anos. Aínda que na peza se inicia un conflito por transgredir un fidalgo portugués as normas consuetudinarias da pesca no Miño, con resposta violenta dos galegos, a obra termina coa reconciliación de galegos e portugueses, que celebran cunha danza o renacemento da amizade entre eles

A pesar da proximidade das falas das dúas bandas do Miño, na peza é evidente o intento por diferenciar a fala galega da portuguesa, reforzando así no nivel lingüístico o enfrontamento que ten lugar no entremés. O portugués usado na obra é culto —o portugués popular da ribeira miñota estaba máis próximo ao galego—, utilizando tamén algún dialectalismo, e o galego emprega vulgarismos, arcaísmos e abundantes dialectalismos, xunto cunha anarquía gráfica que tamén afecta ao portugués, dentro dunha grafía etimoloxizante propia da época.

No conxunto dos versos que compoñen o entremés achamos unha grande variedade de metros e estrofas: romance octosilábico (escenas I e II), redondillas (III, IV e V), pareados hendecasílabos (VI), silvas (VI, VII e VIII) e mesmo unha estraña combinación de redondillas e quintillas na escena IX. Isto permite afirmar que o autor posuía unha grande pericia no manexo da métrica, posta de manifesto tamén no virtuosismo e dominio da versificación, e que o entremés é unha obra literaria de valor apreciábel, tanto por esta variedade métrica como polo acerto na observación dos costumes populares e polo desenvolvemento harmónico da acción dentro do seu esquematismo, sen esquecermos a importancia documental para o coñecemento do galego falado na Galiza do século XVII.

Prosa

Se, canto á poesía, só podemos falar dalgunhas mostras literarias durante estes dous Séculos Escuros, con relación á prosa literaria temos que afirmar que non existen textos coñecidos da mesma neste período, salvo o valor que neste sentido poidan ter as dúas versións que posuímos da "Relazón da carta xecutoria" ,a que xa fixemos referencia ao tratar do "Pranto da Frouseira"; este texto de comezos do século XVI, introducido no Memorial... de la Casa de Saavedra (1674, 1679), pertence á literatura de cordel, de carácter popular e doutrinario, non perseguindo fins históricos; contén numerosas incorreccións e unha clara parcialidade a favor de Pardo de Cela, contribuíndo á mitificación da súa figura. Con todo, o relato pretende ser verosímil, fuxindo das exaxeracións excesivas; ao mesmo tempo resulta sinxelo, presupón un coñecemento previo dos feitos e evita as fabulacións fantásticas.

Outros textos prosísticos en galego, que hoxe coñezamos, son varios documentos notariais, sobre todo de principios do século XVI, prolongación da prosa tabeliónica medieval, e unhas cartas dirixidas ao conde de Gondomar a principios do século XVII ou fragmentos de cartas escritas por el, algunhas publicadas por Lois Tobío en Grial ,que nos demostran a fidelidade á lingua do país por parte dalgúns nobres galegos naquela altura.

IMAXES