Os Séculos Escuros e a Ilustración Galega
A literatura popular
Os xéneros

Deixando á parte as fórmulas e xogos verbais —case sempre en verso—, como ditos, esconxuros, oracións, adiviñas e refráns (que, como xa dixemos, se consideran formas semiliterarias) e as escasas pezas de teatro popular que se conservan, o repertorio da literatura popular galega presenta dúas modalidades xenéricas básicas: o relato curto (conto e lenda) e a canción. Os textos conservados da primeira —agás unhas poucas excepcións— están en prosa; os da segunda, todos en verso.

1. As formas en prosa

O conto e a lenda son as principais formas do relato popular galego. O conto, que é a forma máis abundante, é, basicamente, un relato en prosa (se ben hai unhas poucas narracións en verso catalogadas como contos), en xeral breve, de carácter ficticio e cunha certa inconcreción na caracterización das personaxes, do espacio e do tempo. Poden clasificarse —segundo o seu contido— en contos de encantamentos, contos de animais e contos de costumes (e estes, nunha chea de subtipos). A lenda é tamén un relato breve no que interveñen forzas ou personaxes sobrenaturais, pero —a diferencia do conto— ten pretensións de verosimilitude e presenta moita máis concreción no tempo, espacio e mesmo nas personaxes. En todo caso, estes dous tipos de relato moitas veces resultan difíciles de diferenciar.

Violinista cega nunha festa na bisbarra de Mondoñedo.

A realidade dos oíntes é a base de que parte o relato popular galego para a súa configuración como arte verbal. A distancia —pouca ou moita— que se observa entre o que se conta nun relato e a realidade inmediata do narrador (que non poucas veces é un re-creador que modifica o relato segundo as novas circunstancias da execución: público, lugar, tempo disponible, etc.), depende da intencionalidade e capacidade deste. Así, unha simple anécdota, probablemente ocorrida no contorno inicial dun relato (ao que lle serve de base) e de carácter humorístico, resultará interesante para un público concreto e coñecedor dos pormenores, mentres que un conto marabilloso, con personaxes e situacións fantásticas e forte carga simbólica, irá dirixido aos que non precisan coñecer o miúdo da realidade (nenos, por ex.) para disfrutaren dun relato de ficción.

Así, adoptando o punto de vista do receptor (da realidade na que viven os oíntes) pódense distinguir na literatura popular galega cinco tipos básicos de relato:

  1. Relatos anecdóticos: é o tipo máis dependente da realidade inmediata e adoita ser moi breve na súa forma, intenso no seu efecto cara ao público e tinxido de trazos locais, de maneira que aínda que o feito presuntamente real que lle serve de base non sucedese na zona onde se conta, aderézase con detalles que o encadren na realidade local dos que escoitan; moitos relatos deste tipo entran nun proceso de folclorización, que, introducindo oportunas modificacións no seu contido e na súa forma, os fai válidos para calquera lugar e público.
  2. Relatos da realidade acostumada: neste tipo —que é o máis abundante— personaxes e ambiente pertencen á realidade coñecida polo público (normalmente, a do mundo rural galego), pero teñen carácter enteiramente ficticio (son conto, non verdade) e a esaxeración intervén con frecuencia na configuración do contido. Unha carencia de algo desexable (a fame, a escaseza material, a soltería, etc.) empurra os personaxes a intentaren superala realizando feitos por veces arriscados, por veces enxeñosos e por veces ridículos, pero case sempre fóra das normas habituais de conducta social, o que os leva a obteren resultados dispares (éxito ou fracaso) que producen un efecto de comicidade ou de exemplaridade nos que escoitan.

    Mercado en Noia no século XIX. Debuxo de Pradilla.

  3. Relatos da realidade sobrenatural: aquí o mundo máxico superponse ao real, vén en axuda del e modifica as leis que rexen os actos humanos das personaxes do relato, que son así reguladas por un ser ou un suceso sobrenatural, conforme ao sentir común. O desencadeante adoita ser tamén unha carencia material ou moral. Unhas veces é a satisfacción das necesidades elementais o que forza a intervención de elementos máxicas sobre a realidade problemática dos desposuídos (que é a materia habitual destes relatos); outras, esta carencia é de índole moral e está estreitamente relacionada coa conducta negativa (segundo o código moral da comunidade) dunha personaxe, que é castigada gracias á intervención de forzas máxicas ou divinas. O efecto é sempre exemplarizante.
  4. Relatos de animais: a realidade humana aparece aquí transformada conforme a un sinxelo código de símbolos, segundo o cal unha serie de animais familiares ao home presentan sentimentos, conductas e costumes humanos, especialmente a fala (que é o seu principal trazo caracterizador), a fame que impulsa os seus actos (comer e non ser comido), e unha xeira de vicios e cualidades propios dos humanos: astucia (o raposo), burremia (o lobo), fachenda (o galo), etc..
  5. Relatos marabillosos: son os máis afastados da realidade dos oíntes. Carecen de calquera pretensión de verosimilitude e as personaxes, o tempo e o espacio diferéncianse claramente dos que son habituais nos outros tipos de relato; nunca falta a presencia de elementos máxicos ou esaxerados. En todo o espacio cultural europeo presentan practicamente a mesma estructura, baseada nun conxunto limitado de funcións fixas e uns poucos personaxes básicos. Constitúen o tipo de relato de ficción por excelencia e, sen embargo, reflicten unha realidade moi remota, pero de enorme trascendencia: o paso dunha sociedade arcaica (cazadora, nómada, endógama) a outra moderna (agraria, sedentaria, exógama), o que a penas se percibe —despois de varios milenios de reelaboración literaria— na súa forma actual.

2. Formas en verso

Aos textos populares en verso recollidos en Galicia pódeselles aplicar, en xeral axeitadamente, a clasificación que propuxera Saco y Arce (1881), que atinxe tres niveis:

Baile da regueifa en Noia a comezos de século.

  1. Costumes poéticos: desafíos, regueifas, cantigas de pandeiro, cantares de Reis, Maios e espectáculos escénicos.
  2. Tipos de poesía popular (segundo a súa forma): coplas, tercetos, muiñeiras, vilancicos, xoguetes e romances.
  3. Tipos de copla (segundo o seu contido): relixiosas e morais, amatorias, sentimentais, festivas e satíricas, locais e varias.

Os desafíos son disputas en versos improvisados, que eran habituais en festas e romarías, entre dous ou máis contendentes, que atraían moito público. Variantes deste xénero considéranse a enchoiada (na que dous mozos compiten por unha moza), o parrafeo (disputa con texto prefixado) e, sobre todo, a regueifa (que en tempos de Saco estaba vencellada á voda, pero hoxe asumiu as funcións das outras formas de desafío). As cantigas de pandeiro (ou más propiamente, festas de pandeiro) eran festas "pobres" (sen gaiteiro), frecuentes en fiadas e ruadas, nas que o canto e o baile se acompañaban cun modesto pandeiro e mais con cunchas e ferriñas. Os cantos de Reis eran propios dos grupos de rapaces que, na noite do cinco de xaneiro, percorrían as casas do lugar pedindo o aguinaldo, e os do Maio cantábanas entre o rapaz ataviado con ramallos e flores (o "Maio") e os participantes da comitiva desa festa primaveral.

A copla, isto é, a "quadra" ou cuarteta de rima asonante nos versos pares, é a forma dominante na nosa literatura en verso e a base da maioría das composicións longas, coma a regueifa, o romance, o parrafeo, etc.; polo xeral, componse de versos octosílabos (pero non faltan os hexasílabos) e adoita cantarse formando series.

Outras dúas formas estróficas manteñen aínda unha presencia importante: o terceto e a muirieira. Esta, estrofa antiga que acompaña a danza e melodía do mesmo nome, presenta habitualmente a forma de dístico monorrimo de arte maior (estrofa de dous versos longos que riman entre eles), de ritmo ternario (xeralmente dactílico) e con cesura, pero —a diferencia do seu emprego na Idade Media— sen estribillo; ás veces forma series paralelísticas en que os versos dun dístico son repetidos parcialmente nos do seguinte, mesmo empregando a técnica medieval do leixaprén ("Vendédem'os bois e vendédem'as vacas / e non me vendades o pote das papas. / Vendédem'o pote, vendede o cunqueiro / mais non me vendades o meu tabaqueiro."). É a forma estrófica e rítmica máis característica da poesía tradicional galega.

O terceto, xeralmente de rima asonante nos impares, vencellado hoxe con formas románicas semellantes e non célticas como en principio se afirmaba, é forma especialmente abundante e característica nas comarcas do Occidente galego. Moitos tercetos derivaron en cuartetas ao engadírenlles un verso máis ou, simplemente, repetilo; cántanse tamén, como a copla, formando series.

O romance, xénero máis abundante (sobre todo na Galicia interior) do que se pensaba no século XIX, é a forma máis habitual da narración en verso; adoitan estar en galego os de carácter humorístico ou familiar e, por veces, os líricos, pero a maior parte están en castelán ou con abundantes castelanismos. Cantábanse acompañando os labores de seitura, arrinca do liño, arada e outras semellantes; e, como sabemos, era un xénero habitual no repertorio dos cegos cantores.

Os xogos (ou xoguetes, como os denomina Saco) dos nenos son, en xeral, formas irregulares con rimas en pareado; ás veces cántanse e outras son recitados ou salmodiados. En fin, os vilancicos cantados polo pobo (non as abundantes imitacións feitas para as representacións litúrxicas de casteláns e portugueses) teñen como tema principal o nacemento de Xesús e as súas circunstancias e son a materia —total ou parcial— dos cantos de Nadal, Aninovo e Reis.

A temática do cancioneiro popular galego é a propia da poesía folclórica occidental. Os asuntos máis frecuentes son os sentimentos persoais (amor, soidade, desexo, reflexión), o trato social (galanteo, diversión, burla, disputa, etc.), a vida familiar (nais, sogras, etc.), o traballo, a festa, o medio natural (animais, paxaros, ríos, etc.) e a devoción relixiosa. Fronte ao tópico do sentimentalismo atribuído de cote á literatura galega, a actitude predominante no cancioneiro popular é o humor, que —ben como comicidade aberta, ben como ironía— impregna case todos os temas, dende o amoroso ata o relixioso. Tal como o coñecemos hoxe, parece formado case todo durante os séculos XVIII e XIX; algunhas pezas son do XVII e unhas poucas, pola súa forma e temática, parecen supervivencias da tradición popular medieval.

3. Outras formas de literatura popular

Pouco queda hoxe do teatro popular de antano. Se antes de 1850 aínda se representaban —segundo Saco— farsas ou entremeses en galego, en 1928 a literatura dramática popular —ao dicir de Risco— "vai cáseque perdida, ... embora aínda se representen nalgús lados desfigurados autos sacramentas ,por Nadal e Semana Santa, e entremeses polo entroido".

Neno de Maio . Debuxo de Urbano Lugrís.

Hoxe quedan (aínda que en condicións moi precarias) dúas formas básicas de teatro popular en Galicia, vencelladas a cadanseu tipo de festa: relixiosa (procesións e romarías no día dun santo ou da Virxe) e profana (o Entroido). A primeira ten carácter "serio", certo ton épico e altisonante, escenifica a loita (de palabra e de acción) entre un ou máis mouros contra outros tantos cristiáns e está en castelán. A segunda presenta dúas variedades principais: a farsa (ou o entremés), que se caracteriza pola súa brevidade, forte comicidade e clara intención satírica, e os atranques ,que son o encontro —teatralizado— dos "exércitos" de máscaras que, levando á fronte varios xenerais e correos (mensaxeiros), percorren as parroquias na bisbarra da Ulla polo Carnaval. Teñen os trazos cómicos e satíricos do ritual carnavalesco e, ata hai pouco, tiñan un marcado carácter de afirmación parroquial, con participación masiva dos veciños.

As formas semiliterarias populares (adiviñas, refráns, etc.) presentan ás veces dificultades para diferencialas das formas plenamente literarias, ben por teren trazos métricos e rítmicos propios destas, ben por presentaren unha temática coincidente, ou ben por teren unha calidade estética que trascende o seu carácter práctico.

IMAXES