Os Séculos Escuros e a Ilustración Galega
A literatura popular
Recolleitas e estudios

O patrimonio actualmente coñecido da literatura popular en galego consta duns trinta mil textos en verso (a maioría letras para cantar), unhas 1.200 narracións (contos, lendas, etc.), unha ducia de pezas teatrais e un número indeterminado —pero moi numeroso— de subxéneros que cualificaremos de formas semiliterarias entre as que se inclúen adiviñas, refráns, oracións, ditos e outras.

As primeiras noticias que confirman a existencia dunha literatura popular en galego e as primeiras recolleitas de certa importancia dátanse no século XVIII e débense, sobre todo, ao Padre Sarmiento (1695-1772) e ao Padre Sobreira (1746-1805), que recolleron de boca das xentes do seu tempo (especialmente das mozas) un cento de cantigas, outros tantos refráns e ditos, un conto (o do angazo ou do enciño ,que aínda pervive na tradición oral de hoxe en día) e moitas noticias sobre a súa creación, forma, intérpretes e público. Antes dese tempo houbo, dende logo, literatura popular en galego, pero chegou a nos só en moi poucos casos, moi fragmentaria e con probables alteracións na súa forma orixinal, de maneira que non resulta hoxe posible reconstruír a súa realidade durante a Idade Media e os chamados Séculos Escuros. Coñecemos os textos de medio cento de cantigas de amigo ,cantadas no século XIII e incluídas nos Cancioneiros galaicoportugueses medievais, que, pola súa forma, ton e tema, parecen ter sido verdadeiras cantigas populares, o mesmo que as dúas cantigas de vilãos que tamén se conservan transcritas entre as cantigas de escarnio. Do século XVI consérvase tamén un romance e unha relación sobre Pardo de Cela, e ata media ducia de cantigas e case vinte refráns do XVII; e mesmo noticias de abondo sobre a indubidable existencia de manifestacións literarias orais en galego neste tempo, pero non textos.

A aportación máis cuantiosa e importante a prol da recuperación, conservación e estudio daquela literatura oral en Galicia tivo lugar a partir de 1860, sobre todo a raíz da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro e do primeiro volume da Historia de Galicia de Manuel Murguía, de tal maneira que entre 1865 e 1886 recolléronse (aínda que só se publicasen parcial ou tardiamente), entre outras coleccións de literatura popular, os grandes cancioneiros de Marcial Valladares (1867 e 1869), Xosé Casal (1869 e 1884), Luís Tobío (1880), Xoán A. Saco y Arce (1881) e Xosé Pérez Ballesteros (1885-86), que trasladaron ao mundo da escritura máis de 8.500 cantigas; e tamén deste período son os principais estudios sobre a literatura popular galega, a conta de Murguía (1865), M. Milà y Fontanals (1877), Saco y Arce (1881) e Teófilo Braga (1884) e, uns anos despois, Carolina Michaëlis (1904). Cos datos que estes traballos forneceron foi posible a reconstrucción do estado xeral da literatura oral popular en Galicia nos séculos XVIII e XIX.

Nas primeiras décadas do século XX, a Real Academia Galega continuou a tarefa do século anterior e no seu Boletín publicáronse entre 1910 e 1920 máis de mil cantigas de moi diversos lugares de Galicia, centos de refráns e uns poucos contos. E, a carón deles, tres importantes coleccións: a de romances, a cargo de Alfonso Hervella Courel, recolle e clasifica 144 deles na bisbarra ourensá do Bolo, e as literario-musicais do ferrolán Ramón de Arana ( Pizzicato )e do pontevedrés Casto Sampedro (todas de 1909), ademais da de Perfecto Feijóo, da que falaremos máis adiante.

Pero é no período comprendido entre 1920 e 1936 cando, baixo o pulo do grupo Nós e do Seminario de Estudos Galegos ,se leva a cabo novamente una importante serie de recolleitas de literatura popular. Entre as máis salientables figuran: as contidas nas tres monografías locais Vila de Calvos de Randín (por Florentino Cuevillas e Xaquín Lorenzo, 1930), Terra de Melide ("Folklore de Melide", por Vicente Risco e Amador Rodríguez, 1933) e Parroquia de Velle (por Cuevillas, Lorenzo e V. F. Hermida, 1936); Como falan os brañegos de Noriega Varela (1928); o "Cancioeiro das ribeiras do Tea" (1929) e "Cántigas populares da Arousa" de Fermín Bouza Brey (1931); o "Cancioneiro da agulla" de Armando Cotarelo Valledor (1930-31); "Falan os de Ribadeo" de F. Lanza (1933); Antología de la lírica gallega (1928, con cerca de duascentas cantigas), "Pra un canzoneiro de Noia" (1931-32) e "A illa de Ons" de Álvaro de las Casas (1934); "A muller no cancioeiro galego" de X. Lorenzo (1932); os Contiños da Terra (1931) de M. García Barros; e outros de Ben-Cho-Shey (X. Ramón e Fernández-Oxea), A. Fraguas, X. Filgueira Valverde, R. Martínez López, V. Risco, os devanditos Bouza e Lorenzo, e outros colaboradores. En total, recolléronse neste tempo unhas 6.500 cantigas ou recitados, uns 160 contos, 30 lendas, 50 romances, máis de 600 refráns e case un cento de adiviñas, ademais de xogos, oracións, esconxuros e outras formas de arte verbal de tipo popular. O principal estudio sobre o tema é o de V. Risco Ensaio dun programa pr'o estado da literatura popular galega (1928) , no que se interpreta —por primeira vez— esta literatura oral no seu conxunto cun criterio moderno e atinado.

Aquela actividade a prol da literatura popular descendeu drasticamente durante a guerra civil e a difícil posguerra, e só a partir de 1950 se reanudaron pouco a pouco os estudios e recolleitas, ao mesmo tempo que se rexistraba unha clara decaída do seu uso real en Galicia. A recuperación editorial do galego permitiu a publicación de importantes coleccións de literatura oral, como a fermosa antoloxía feita por Ramón Cabanillas, Antífona da cantiga ,e algúns importantes traballos da época de Nós que quedaran inéditos, como o Cancionero gallego (1973) de E. M. Torner e X. Bal y Gay e o Cantigueiro popular da Limia Baixa (1973) de Xoaquín Lorenzo, que, cos seus 2.500 textos e a riqueza dos seus datos, é unha das máis importantes deste século; e as grandes coleccións de contos populares ( Contos vianeses (1958) por Laureano Prieto, Contos populares da provincia de Lugo (1964) e Contos populares de Galiza (1968) de Luis Carré) e de lendas ( As lendas tradizonaes galegas, de Leandro Carré), xéneros que ata entón foran pouco tidos en conta.

Xa a partir de 1978, no novo período constitucional, chegaron ao público lector reedicións de importantes coleccións e estudios anteriores como a Literatura popular de Galicia de Saco y Arce —agora completa e cun clarexador estudio preliminar—, o Cancionero popular gallego de Pérez Ballesteros, El idioma gallego de Antonio de la Iglesia, a mesma revista Nós enteira e, así mesmo, algúns notables traballos dos anos 20 e 30, como Aportación ao cancioneiro de Cotobade de A. Fraguas, a monografía de Ben-Cho-Shey Santa Marta de Moreiras e os citados de Cotarelo e Bouza-Brey, entre outros. Aparecen edicións, antoloxías e estudios das lendas —que xa iniciara Risco na década dos 40— ( Lendas Galegas de Tradición Oral de X. M. González Reboredo) e contos ( Antoloxía do conto popular galego de H. Harguindey e M. Barrio) e das formas en verso dos séculos pasados ( A poesía popular en Galicia 1745-1885 de D. Blanco) e da actualidade ( Cancioneiro da Terra Cha e Cancións Galegas de I. Rielo e Cancioneiro popular das Terras do Tamarela de M. Rico, entre outros). Pero, sen dúbida, a aportación máis importante deste período é o Cancioneiro Popular Galego de D. Schubarth e A. Santamarina, que recolle en sete volumes 4668 textos e 892 melodías gravados entre 1979 e 1982 nas bisbarras máis conservadoras da tradicións literario-musicais de Galicia. A obra, complementada con outras edicións abreviadas (Cántigas Populares, Cancioneiro Galego de Tradición Oral e Escolma de Cántigas do Cancioneiro Popular Galego) presenta unha transcrición rigorosa das cantigas e un axeitado estudio que atende tanto o aspecto literario coma o musical. Este cuantioso material, sistematizado de maneira eficaz, ofrece un amplo repertorio tanto das novas creacións como das principais formas, contidos e tipos melódicos que conformaron a tradición oral popular da cantiga galega ao longo dos dous últimos séculos e que se conservou ata hoxe.

IMAXES