Aprobación do Estatuto do 36

O Estatuto de Galicia de 1936 naceu, realmente, o 4 de xullo de 1931. Nesa data convocouse na Coruña unha Asemblea Pro-Estatuto, promovida pola Federación Republicana Galega  (FRG), plataforma na que destacaba a  Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA). Acababa de instaurarse en España a II República e abríase a posibilidade de converter o país nun estado federal.

Na Asemblea da Coruña de 1931 foron presentados tres proxectos polo Secretariado de Galiza en Madrid,  polo Instituto de Estudos Galegos e polo Seminario de Estudos Galegos, ademais de dous relatorios, ORGA-FRG e Labor Galeguista de Pontevedra, que tiñan o carácter de texto constitucional. A proposta da ORGA e máis a Federación Republicana Galega, defendida polo relator Lois Peña Novo xunto con Antón Vilar Ponte, resultou aprobada, aínda que pronto xurdiron as primeiras tensións entre os autonomistas e os partidarios dun rexionalismo moderado.

Estas tensións remataron no rexeitamento por parte da ORGA do texto, encargándose nese mesmo ano de 1931 a redacción dun novo. O 12 de xullo Villar Ponte, Suárez Picallo, Peña Novo, Emilio González, Otero Pedrayo e Castelao presentan na Coruña unha nova redacción que rebaixaba notablemente o nivel de autogoberno e que non tivo mellor sorte.

Prodúcese en decembro do 31 un feito fundamental: a creación do Partido Galeguista que tomará o temón do proceso que leva o 3 de xullo de 1932 a celebrar a Asemblea de Municipios en Santiago de Compostela coa participación da ORGA, do PSOE, de partidos conservadores e, sobre todo, do Partido Galeguista. Apróbase crear unha Comisión que leve a cabo a redacción dun novo borrador de Estatuto.

Redactado o proxecto este foi aprobado o 19 de decembro do 32 en Asemblea celebrada en Santiago, iniciase despois un período convulso de moitas tensións que foron freando o proceso unha e outra vez, tanto que non se avanzou até a vitoria da Fronte Popular en febreiro do 36, Fronte no que se integrou o Partido Galeguista precisamente coa condición de desbloquear o proceso e aprobar o Estatuto de inmediato. Non foi doada esta integración xa que lle custou ao PG unha crise interna moi forte co abandono incluso dun sector encabezado por Vicente Risco que se integrou na chamada Dereita Galeguista que posteriormente si colaborou no Referendo.

A Nosa Terra publica o 20 de marzo do 36 o texto íntegro do Estatuto e con posterioridade prodúcense os acordos favorables de distintos concellos, é o Comité Central da Autonomía o que fixa, o 31 de maio, a data definitiva do 28 de xuño para o Plebiscito.

Apoiado maioritariamente en referendo  unha Comisión entrega o texto ao Presidente das Cortes o 15 de xullo, esta  Comisión entrevistouse co  Presidente da República, sendo Castelao o encargado de presentarlle o texto. pero que non chegou a ser aprobado en Cortes, e tan só foi admitido a trámite, por mor do alzamento do 18 de xullo que deu lugar á Guerra Civil.

FOTOGRAFÍAS