O banquete de Conxo

02/03/1856

O 2 de marzo de 1856 tivo lugar na carballeira do desamortizado mosteiro de Conxo un banquete de claro contido político que constituíu un xesto de irmandade entre a clase traballadora e o estudantado. Son os membros da mocidade progresista santiaguesa integrados en “El Liceo de la Juventud” e entre os que se encontran Pondal, Aurelio Aguirre, Rodríguez Seoane, Rosalía de Castro, Paz Novoa, dirixidos por Aurelio Aguirre, os promotores deste xantar en que se xuntaron cen artesáns e obreiros da cidade con outros tantos estudantes. Os textos alí lidos foron motivo de apertura dun proceso xudicial a Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre en que solicita para os dous mozos unha pena de desterro ás Illas Marianas, que finalmente non lle é aplicada, mais a autoridade relixiosa compostelá obrigará a Aguirre a se retractar publicamente do contido dun dos seus versos en que declaraba: “Cristo es hijo del pueblo”.

O Banquete de Conxo converteuse nun acontecemento de grande importancia simbólica e real dentro da historia de Galiza,  transformándose nunha parte significativa da memoria colectiva.