Advento

1954
advento.jpg

"En febreiro de 1951 manda o orixinal á editorial Galaxia. De momento, non ten cabida nos planos editoriais. Ramón Piñeiro comunicalle por carta de 18 de abril que recolleu o orixinal e que llo entregará cando se achegue por Lugo" (HLG)

Advento, 1ª ed., Ediciones Galicia do Centro Galego de Bos Aires, Bos Aires, 1954, premio Castelao de Poesía 1951 do Centro Galego de Bos Aires, capa de Luís Seoane; 2ª ed., en MANUEL MARÍA, Obra poética completa I (1950-1979), Edicións Espiral Maior, Col. Opera Prima, A Coruña, 2001, pp. 51-81; 3ª ed., Fundación Manuel María de Estudos Galegos, A Coruña, 2014.

FRAGMENTOS DA OBRA

Anceio

Quixera poder escribir un poema sinxelo,
emocionado, puro e branco.

Un poema perfecto, ausente de ritmo,
case sen palabras.

Un poema levo e fino que conteña todas
as dimensiós imprecisas do meu ser.

Se puidese escribir un gran poema
-espírito, carne, lume- que pechase
as miñas tristezas, as propias mágoas!

Sei que nunca endexamais eu lograrei
un poema puro, puro, total e misterioso.

Se fose capaz de despir o meu espírito
nun máxico poema
feito só de amor, de luz e de nostalxia!