Códice calixtino

1986
FRAGMENTOS DA OBRA

Réquien por Romy Schneider

Réquien por Romy Schneider

                              A miña filla Mónica

Naceras na estación secretramente grave das chairas nordesías.
Eras meniña. Había un fío inmóbil
onde acordar o tempo.
Ah gata divinal
ollos de ágata para ollar o Danubio sen retorno.
Tiñas un libro en sílabas escuras
unha boneca azul de cabelos de liño
un pano lila para verter bágoas.
Pola ventá aberta entraban os nocturnos fuxidíos
os xardíns iniciais a inclinación das aves
as sombras dos estanques.
Con un bimbio medías
a distancia inocente que presenten as formas no crepúsculo.
Xa levabas nos ollos unha  pregunta escura...

Foi entón cando a penas pronunciabas amor na mañá trasvirada.
Aínda non sabías cómo inventar a vida
como tender a curva que demora os asombros
concertar un destino de orquídeas verbas labios
Os amorosos días. As mesturadas sombras.

Un aceno  bastaba.
Unha man foi de abondo para adensar o tempo.
Talvez non era a vida unha ollada baleira
a transición mutable que reconcilia e fere
o concerto amoroso en radical soidade
cálice alucinante con veleno no fondo.

Presenciabas nos bosques ese íntimo silencio
que fai pechar as pálpebras.
Había frío e cinza. Liques agoirentos na penumbra.
A chuvia escurecía as bocas matinais nunha versión dramática.
A vida semellaba un filme de Visconti na pureza da tarde.
Pero entón xa levabas nos ollos unha pregunta escura...

Despois chegou a noite

 

 

Vemos fuxir o vento lento

 Vemos fuxir o vento lento
a tarde ten un nome inaccesible coma un pano
pra despedir a vida

e na historia pechada pode escribirse o tempo

con signos que semellan sombras case extinguidas.

   Vemos fuxir a pomba comba

en Vigo. Nun intre a vida pasa

chove inmisericorde polas rúas

no medio da cidade apágase unha lámpada

o legado do outuno recupera a linguaxe

da camelia enlutada.


   Vemos fuxir a morte morte

nun espacio violeta impenetrable

cando a luz abolida na textura da pedra

se volve mesta e xeme.

   Vemos fuxir o corvo torvo

abatido no tempo que vai á nosa beira

alguén guinda unha túnica no fondal dos teus ollos

materia escura pra medir a vida

forma de nada e pranto

fábula esvaecida

iso que vai marcando a nosa teima

iso que vai desfigurando as formas

iso que vai deixando liñas como degoiros

e que chamamos morte cando chega

e que chamamos morte cando pasa.

 

Autoría