O pouso do fume

2009
t_1252054589777tembras_o-pouso-do-fume-pequeno1.jpg

 Tatuaxes de fume (Prólogo de Teresa Seara)

[...] Pero desentrañar as ensinanzas en verdade relevantes que o pouso leva inscritas en si mesmo esixe, primeiro, adquirir unha nova forma de mirar –máis límpida e clarificadora por efecto das lágrimas que, dun xeito inevitable, verquerá quen olle ao fume directamente– e, despois, ser quen de filtrar as impurezas –o tisne, o cheiro– que poderían adulterar as conclusións finais da esculca. Este é o duplo proceso que seguiu, á hora de construír os seus poemas, Dores Tembrás porque, aínda que todos e cada un dos versos deste libro están impregnados do pouso, o minucioso labor de limpeza e decantación que a poeta levou a cabo neles, e na propia linguaxe, fai que percibamos o esencial cunha claridade meridiana. Por iso, moitas veces o eu adopta unha postura contemplativa pois observa atentamente antes de actuar con rigor e oficio xa que “o pasado regresa sempre cheo/ de trampas adorábeis/ elaboradas con premeditación e aleivosía”, enganos a sortear con coidado, aunando, como fai a autora, vocación de cartógrafa e saber de arqueóloga. As técnicas propias de ambas as artes aplicaranse ao labor de recuperar as astelas nas que se fragmentou a memoria poñendo neste empeño o mesmo exquisito esmero co que se atesourarían as pezas rotas dunha valiosa vasilla milenaria para logo recompoñela. E así o eu séntese convocado polos propios signos cos que enche as cuadrículas –“neses días recollo anacos de palabras/ restos acarunchados/ que clasifico por tamaño e rugosidade”, di– para despois ascender na taxonomía (oración, verso, poema) até o culmen deste libro que ten como materia medular a máis inconsútil e oculta: o pouso-memoria. [...]

[...] Polo tanto, a rotunda insubmisión perante a perda que manifesta Dores Tembrás n’O pouso do fume sitúaa no ronsel das grandes voces que reivindicaron o legado da memoria só que, no seu caso, existe un traballo previo de descodificación e tradución dos complexos signos trazados polo pouso para determinar o seu valor real. Certamente, se nada desaparece mentres o seu recordo permaneza no substrato sensitivo de alguén, non por iso se pode extrapolar de todo o que se lembra unha mensaxe con valor universal. Do mesmo xeito, a arqueóloga cataloga as pezas que recolle nunha excavación segundo a súa relevancia, discernindo cales conteñen datos imprescindibles e cales son secundarias para reconstruír o pasado. Eis un dos grandes retos que a autora enfrontou para escribir este libro: lograr que nos sobrecolla o desamparo da nena que agarda baixo a chuvia o paso do coche real, a partida do avó a Cuba ou a agresión da couza sobre a casa pechada, cando a nena é un ser anónimo na nosa biografía, descoñecemos a filiación dese avó e a casa nunca nos pertenceu. Ou mesmo facer que os anacos de louza, a botella do doutor Pinard, as pequenas puntadas do ganduxo que desaparecerán ao estar a costura completa, a minúscula cicatriz que fixo o pelouro, o alento suave das mimosas..., en definitiva, o máis insignificante, deixe un pouso imborrable sobre nós, os lectores. Se Dores Tembrás sae triunfante deste reto é porque, negándose a seguir a propensión maioritaria de clausurar baixo unha cicatriz de silencio as traxedias con que a vida nos proba, decide romper o mutismo e cauterizar esas feridas cunha marca de fogo e de palabras [...]

 

Autoría