Agrupación Cultural "Sementeira"

Mil novecentos setenta e tres (1973 - 2008) Asociación

A Agrupación Cultural Sementeira nace en Viveiro o 21 de abril de 1972. O seu primeiro presidente foi Ramón Pernas Rodríguez ( 1972-1973). Unha das súas primeiras actividades é a exposición e venda de libros galegos na Praza da Fontenova.
 No 1974 preside a Agrupación unha muller : Salomé Fernández García ( 1974-1975). Nestes anos prográmanse, entre outras actividades,  representacións teatrais, concertos (Miro Casabella...) e dá comezo a actividade desenvolvida para informar sobre o proxecto da Central Nuclear proxectada para se instalar en Xove.


Do 1976 ao 1978 preside a Agrupación outra muller: África Leira Sanmartín (1976-1978). Nestes dous anos prográmanse mesas actos sobre a Seguridade Social Agraria, o ensino na Galiza, a muller no traballo, o urbanismo en Viveiro, emigración e industrialización,  a normalización da lingua galega…  O escritor Manuel María fala sobre Cabanillas, as Irmandades da Fala, o teatro galego ou Noriega Varela. Nesta etapa a Agrupación contou con local social propio, no que hoxe é a actual rúa dos Irmáns Vilar Ponte ,organizou clases de lingua, concursos literarios, puxo en funcionamento un cineclube, programou actuacións de maxia ( Mago Antón ), musicais ( Fuxan os Ventos ) e organizou as festas patronais ( 1976).

Do 79 ao 83 o presidente foi Francisco Luís Rodríguez Guerreiro. Organízanse neste anos exposicións  de pintura e fotografía, actividades arredor do Antroido, proxeccións de  audiovisuais, programación de concertos, Milladoiro, entre outros  e conferencias ( Ricardo Carballo Calero, Francisco Carballo..). A Agrupación participa, xunto con outras entidades, na carreira popular en defensa do Idioma galego. 


Hernán Naval Parapar preside a Agrupación desde o ano 1984 até 1991. Nesta etapa a Agrupación conta con  programa radiofónico (“Vellas sombras, novos cantos”) , na emisora local Antena-3. Destaca a campaña pola normalización da toponimia do Concello, denunciase o derrubo do único pazo urbano de Viveiro, a Casa dos Leóns e lévase adiante a campaña “Salvemos o Teatro Pastor Díaz” que consegue que este fermoso espazo pase ao patrimonio público. Nesta etapa a Agrupación organiza o Iº Encontro de Asociacións Culturais da Mariña.


César Naval Parapar presidiu tamén esta Agrupación  durante un breve periodo de tempo para volver en 1992 Francisco Luís Rodríguez Guerreiro que a preside desde ese ano até o 2003 no que a actividade da Agrupación vai esmorecendo até a súa desaparición en 2008. Nesta etapa prográmanse viaxes literarias polo país, unha visita á exposición antolóxica de Maruxa Mallo en Compostela, edítase un boletín informativo, faise campaña por unha sala municipal de exposicións, organízanse  tertulias literarias, a exposición 100 anos de cine, prográmase  teatro en pequeno formato e a Agrupación celebra o seu 25 aniversario ( 1997). Unha das últimas actividades foi a exposición sobre o poeta Avilés de Taramancos (2003). Desde o ano 2004 a Agrupación Cultural Sementeira esmorece e xa non ten actividade publica e no ano 2008 desparece.

FOTOGRAFÍAS