Cantigas da Terra

Mil novecentos dezaseis (1916) Asociación

Cántigas da Terra, nace na Coruña o 28 de decembro de 1916.Coa creación das Irmandades da Fala, o primeiro nacionalismo precisa pragmatizar os seus ideais de recuperación da identidade propia, promovendo así o uso público da lingua galega.  Nun contexto de emoción e creatividade, produto do amor pola Terra, xermolan o canto, o baile, o teatro, a poesía, a pintura... trátase dunha proposta que implica a case que todas as disciplinas culturais nun momento clave: os albores da globalización, nos que xa se albiscan síntomas de esquecemento e menosprezo cara ao propio. Ademais, a entidade axiña toma iniciativas importantes como a incorporación das mulleres.
Ata o cruento golpe do 36, o coro mantivo unha intensa ligazón co movemento galeguista, mais cando comeza a guerra son moitos os que se gochan, foxen ou son fusilados e Cántigas tivo que se adaptar ao novo réxime de ditadura. Con todo, manter o canto en galego e a negativa a integrarse na Sección Femenina simbolizan grandes logros nesta difícil circunstancia.

Na altura, a agrupación florece no musical e gaña popularidade, realizando multitude de viaxes e gravacións. Outro fito salientábel é
que Cántigas consegue para Galicia o recoñecemento como nación celta dentro do II Congreso do Mundo Celta (Bretaña, 1954).
O repertorio constitúeno cántigas recollidas do imaxinario popular, moito antes de que a radio ea televisión fixesen aparición nas casas; destacando nas harmonizacións creadas a sensibilidade e o respecto dos mestres polas músicas orixinarias. Outra boa parte xorde de compositores capaces de crear melodías xenuínas que logo foron adoptadas como propias polo pobo, volvéndose anónimas.

A proposta artística do coro combina as voces cos instrumentos, o baile e o teatro autóctonos, creando unha paisaxe emocional que nos identifica como galegos. Ademais, a entidade traballa na recuperación do espazo que lle é propio dentro do País, no uso normal do noso idioma e na interrelación
entre as distintas disciplinas culturais, cumprindo o desexo dos fundadores.