Escola Rexional de Declamación

Mil novecentos catro (1903 - 1905) Asociación

Fundada na Coruña polo actor Eduardo Sánchez Miño e presidida na súa primeira etapa por Galo Salinas e, posteriormente, por Manuel Lugrís Freire.

A composición da Escola era a seguinte: un presidente, un director técnico, dous directores artísticos, un secretario, un bibliotecario, dous vocais e un representante. Estaba contemplada, ademais, a posibilidade de que se incorporasen outras persoas en condición de alumnos. Había, tamén, uns socios protectores que pagaban unha cota mensual, destinada a financiar os custos dos espectáculos.

A Escola fai a súa presentación pública, na cidade herculina, o día 18 de Xaneiro de 1903. Uns días despois, exactamente o 15 de Febreiro, a Revista Gallega, voceiro do movemento rexionalista coruñés, publica a seguinte nota:

"Escuela Regional Gallega de Declamación. El Directorio se dirige muy especialmente á los literatos gallegos que hayan escrito ó escriban para el teatro, á fin de que se sirvan enviar sus obras bien impresas ó bien manuscritas, con el objeto de ponerlas en estudio luego de examinadas debidamente, y representarlas por riguroso turno. Las obras pueden ser en uno ó más actos en prosa ó en verso, pero es imprescindible condición que sean escritas en gallego, asi fuere el asunto dramático ó cómico".

Co drama ¡Filla...!, orixinal de Galo Salinas, e na data anteriormente indicada, preséntase con carácter de acontecemento, nos círculos próximos aos Rexionalistas, a Escola Rexional de Declamación.

Aos poucos meses da súa fundación, comezan os enfrontamentos, as liortas e as tensións entre os integrantes da Escola por razóns nunca suficientemente aclaradas. Todo parece indicar, en principio, que a causa determinante da súa descomposición estivo motivada polos enfrontamentos e diferencias surxidos no seu cadro artístico.

Á parte desas rivalidades, que foron unha constante na curta vida da Escola, as tensións políticas no seo do movemento Rexionalista deberon ter, loxicamente, os seus reflexos na marcha da citada agrupación. Xa coa estrea de A Ponte, en 1903, fican patentes as profundas diferencias ideolóxicas que existían entre algúns dos máis cualificados membros do movemento Rexionalista.

Só así se comprende que as críticas máis ácidas e as maiores descualificacións —no plano puramente ideolóxico— sexan publicadas na Revista Gallega, nun claro intento de "desapegarse" do "radicalismo" de Lugrís Freire e das teses defendidas por este no antedito drama.

O ano 1905 foi nefasto para os Rexionalistas e o desánimo en todas as esferas e actividades era xeneralizado. Nestas circunstancias era practicamente imposíbel pretender perpetuar a existencia dunha compañía teatral de repertorio, sustentada nun colectivo en proceso de clara desmembración interna.

O abatemento é, pois, total: Galo Salinas probará fortuna no teatro español e Manuel Lugrís Freire tardará algúns anos en retomar o xénero dramático.

*  *  *

Espectáculos realizados pola Escola Rexional de Declamación foron:

  • "¡Filla...!", de Galo Salinas. Estrea: A Coruña, 18 de Xaneiro 1903.
  • A Ponte, de Manuel Lugrís Freire. Estrea: A Coruña, 18 de Xullo 1903.
  • Minia, de Manuel Lugrís Freire. Estrea: Ferrol, 19 de Marzo 1904.
  • Mareiras, de Manuel Lugrís Freire, xuntamente con Rentar de Castromil, de Evaristo Martelo Paumán. Estrea: A Coruña, 16 de Outubro 1904.

Tamén realizou algúns espectáculos en español, mais o seu estudio non compete á literatura galega.

Unha vez desaparecida a Escola Rexional houbo algúns intentos de reorganizala, como o realizado por Eduardo Sánchez Miño en 1908 e 1913 ou polo grupo «Thalía» en 1910, mais non chegaron a se consolidar.