Irmandades da Fala

Mil novecentos dezaseis (1916 - 1931) Asociación

Foi Antón Villar Ponte o principal promotor da creación da primeira Irmandade dos Amigos da Fala da Coruña", en maio de 1916. Despois de realizar unha campaña coa publicación de diferentes artigos xornalísticos chamando á creación dunha Liga de Amigos do Idioma Galego, publica, en marzo de 1916 o folleto Nacionalismo gallego (apuntes para un libro). Nuestra afirmación regional. A este chamamento, idea en primeira instancia do seu irmán, Ramón, van acudir persoas de moi diferente ideoloxía, unidas polo obxectivo de defender o idioma galego, inxustamente esquecido e marxinado. Preténdese incrementar o seu uso e elevalo á categoría que merece, partindo de que Galiza, "patria natural", ten un idioma propio, que é o seu lóxico instrumento de expresión, e a esencia da identidade galega. Fica ben clara, pois, desde o principio, a caracterización política das Irmandades, que nunca se moveron nun ámbito estrictamente cultural. Moi pronto, a iniciativa coruñesa continúa noutros puntos do país: Compostela, Monforte, Ourense, Vilalba,..., comezando a xestación do que sería o primeiro movemento "nacionalista" galego.

Meses máis tarde sae á luz o xornal A Nosa Terra, voceiro das Irmandades nunha primeira etapa, portavoz do Partido Galeguista desde o 1932. Nas súas páxinas podemos ler as colaboracións dos máis destacados compoñentes das Irmandades: Antón e Ramón Villar Ponte, Luís Porteiro Garea, Antón Losada Diéguez, Xoán Vicente Viqueira, Xaime Quintanilla, Lois Peña Novo,... Os temas son moi variados: política, historia, economía, etc, destacando as colaboracións literarias e as reflexións arredor da problemática da lingua no período comprendido entre 1916 e 1920, período definido como a "Idade de Ouro" por Mª Do Carmo Henríquez Salido.

FOTOGRAFÍAS