Partido Galeguista

Mil novecentos trinta e un (1931 - 1978) Institución

O Partido Galeguista fúndase durante os días 5 e 6 de decembro de 1931 en Pontevedra, nunha asemblea na que 

participan grupos locais e personalidades que, baixo a denominación de Autonomista, Galeguista, ou Nacionalista, viñan funcionando de xeito fragmentado e disperso polo país adiante. Entre estes atópanse tamén grupos culturais e ideolóxicos (Dereita Galeguista e Esquerda Galeguista) e mesmo da emigración (Federación de Sociedades Galegas Agrarias e Culturais, e ORGA de Arxentina).

O nacemento do PG marca un fito determinante na historia do galeguismo e xera unha dinámica na cal todos aqueles que dun ou doutro xeito se identificaban con dito ideario se teñen que posicionar. Uns, como Vilar Ponte, incorporándose co tempo á súa disciplina; outros, como Valentín Paz Andrade, arrédanse e xustifican a súa participación na candidatura do Centro de Portela Valladares en 1936 en base a un concepto de galeguismo que rexeita que a defensa de Galiza sexa exclusiva dun partido nacionalista. Este concepto de galeguismo será contraposto ao de nacionalismo (autoorganización política), e acaba por instalarse na opinión pública como cualificativo dunha tendencia ou sensibilidade de persoas ou institucións non necesariamente vencelladas a partidos nacionalistas. Nacionalismo e galeguismo pasaron da súa identificación inicial a rematar, polas circunstancias históricas, por representaren opcións abertamente enfrontadas no terreo político pero tamén no cultural e lingüístico.

De xeito que, se ben todo nacionalismo se identifica co galeguismo, existe un galeguismo non nacionalista.

FOTOGRAFÍAS