A Fouce

01/1926, Xornal, Buenos Aires

A Fouce, co subtítulo de Periódico galego, foi unha publicación de marcado carácter independentista que funcionaba como voceiro da Irmandade Nazonalista Galega de Bos Aires e logo da Sociedade Nazonalista Pondal. Publicouse entre xaneiro de 1926 e xullo de 1936. A citada Irmandade Nazonalista foi unha asociación galeguista fundada en agosto de 1923 por Eduardo Blanco Amor e Ramiro Illa Couto.

O seu lema: Política? Xa falaremos. Pirmeiro percisámol-a Libertade. Calquera que sexa o teu senso político, xunguete a Nos no sagreficio pol-a sua Independenza.

No número 1, baixo o epígrafe Fachada, a modo de editorial, pode,mos ler:

“A FOUCE é o primeiro paso que unhos mozos arruzados e independentistas, dan no vieiro trunfador da nosa terra.

N’ista fachada onde se abre a porta da nova vida queremos deixar grabado un saudo fraternal a boa e xenerosa mocedade galega.

Pra éla, son feitas istas páxinas, nas que poñemos todo o agarimo e quentura de qu’estan ateigadas as nosas almas mozas e o noso corazón aceso en lume sagro no altar da Terra Nai.

Temos fé no porvir lumioso da Nosa Terra, e isto fainos ser outimistas, ainda sabendo dos tropezos no camiño a percorrer.

Como arelamos deixar asinalado o noso camiño con un ronsel de lus abrentía, percisamos qu’os vellos se arreden lonxe de nos. Traballamos pra os futuros galegos da inmorrente Galiza e por iles ceibamos, alma aos beizos, o berro de A NOSA TERRA E NOSA.”

 

FOTOGRAFÍAS