Alborada

Mil novecentos vinte e dous, Revista, Pontevedra

Alborada publicouse en Pontevedra entre maio e xuño de 1922. Publicación de contido literario fundada por Vidal Martínez e dirixida por Modesto Bará Álvarez. Contou coa colaboración de Álvaro Cebreiro e Manuel López. Castelao foi oseu responsábel artístico.

O propio Vidal Martínez escribiu: "En 1922, impulsados pola aparición en Ferrol, da novela mensual Céltiga, editamos en Pontevedra, baixo o alento do mestre Losada Diéguez, a revista Alborada..."

Esta publicación, de curta vida, ten unha edición facsímil do ano 1990. Nos seus catro números —todos de 1922— colaboraron os máis importantes escritores galegos do momento, dende os máis vellos aos novísimos. A tiraxe era duns 300 exemplares e vendíase a vinte céntimos número a non ser o extraordinario do Día de Galicia, que custaba cincuenta céntimos. Imprentábase na Praza do Teucro, no obradoiro de Celestino Peón —unha das históricas imprensas de Galiza— e cobraba pola impresión de cada número vintecinco pesetas.

A revista reaparecerá máis tarde como editorial e publicará, en 1924, Proel —o único libro que Amado Carballo viu editado en vida— e anos máis tarde, co mesmo rubro editorial, Alcor, en castelán, de Vidal Martínez.

FOTOGRAFÍAS