El Pueblo Gallego

1924, Xornal, Vigo

El Pueblo Gallego foi fundado en 1924 e máis tarde pasaría a mans de Manuel Portela Valladares, sendo intervido e requisado polos fascistas en xullo de 1936. En moitos aspectos garda bastante semellanza co xornal de Paz Andrade. Tamen a través das súas páxinas van poder expresarse ideas claramente progresistas e autonomistas, en contraste cos posicionamentos localistas e reaccionarios da maior parte da prensa galega do momento. Como ten sinalado Xosé M. Millán deu acollida á mocidade galega de preguerra, a aqueles mozos con inquietudes estéticas e ideolóxicas sen canle de expresión. Aínda que as boas relacións entre algúns dirixentes do nacionalismo galego e o propio Portela Valladares van modificarse xa en pleno período republicano, o xornal vigués foi un órgao de información moi interesante para o nacionalismo galego no obxectivo de dar a coñecer as súas ideas, especialmente nos sectores da pequena burguesía. No aspecto cultural vai continuar, en certa medida, o labor desenvolvido por Galicia. Escritores e artistas como Camilo Díaz Baliño, Eugenio Montes, Xoán Vicente Viqueira, Filgueira Valverde, Correa Calderón, Castelao ou Blanco Amor, forman parte dunha longuísima lista de colaboradores. As diferentes noticias de carácter cultural, así como as notas bibliográficas, vanse publicando nas páxinas diarias. O venres 27 de agosto de 1926 dá comezo unha nova sección titulada "A Fala Galega", aberta á participación de todas aquelas persoas interesadas no estudio do léxico e a gramática do noso idioma. Dise que a sección complementará o "Diccionario" que xa viña publicando. Con todo, en 1929 aparecerán os "Domingos de El Pueblo Gallego", unha páxina adicada fundamentalmente a comentarios e artigos literarios e culturais en xeral. Por último, débese indicar a existencia dos suplementos adicados á festa do Santo Apóstolo, centrados na arte e a literatura do país.

FOTOGRAFÍAS
Movementos