Galicia

25/07/1922, Xornal, Vigo

Aparece o 25 de xullo de 1922, coincidindo o seu primeiro número co Día de Galiza, e desaparece no ano 1926, logo de moitísimas dificultades e persecucións polo réxime primorriverista. A partir do número 20 (16/8) faise cargo da dirección Valentín Paz Andrade, daquela un dos xornalistas máis novos cos que contaba Galiza, que lle imprime ao xornal unha tendencia galeguista. A tiraxe sitúase arredor dos 12.000 exemplares, cifra moi importante para a época, só superada polo Faro de Vigo e La Voz de Galicia.

Unha das características máis salientábeis deste proxecto foi a participación nel de numerosos intelectuais vinculados ao movemento nacionalista. Polas súas páxinas desfilaron, como colaboradores habituais, entre outros, Antón Vilar Ponte, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Xaime Quintanilla, Rafael Dieste, Roberto Blanco Torres ou Manuel Lustre Rivas. Os dous últimos foron, ademais, os seus redactores-xefes, mentres que Rafael Dieste colaboraba co equipo de redacción. Desde o ponto de vista cultural, Galicia marca un cambio a respeito do resto da prensa diaria ao introducir certas novidades, entre as que cabería citar a crítica musical ou a caricatura (Castelao, Maside, Álvaro Cebreiro, Fernández Mazas...). Aínda que escrito maioritariamente en español, o galego estaba presente en certas seccións fixas, como a titulada "Leria", da autoría de Vicente Risco, ou nas colaboracións dos irmáns Vilar Ponte, Castelao, Ramón Cabanillas...

No aspecto literario habería que facer referencia ás súas "Páginas literarias de Galicia", así como os "Dominicais" de artes e letras. Como vimos comentando, a plana maior da criación literaria do momento tivo neste xornal unha xanela aberta para a publicación de traballos, artigos de opinión, de crítica literaria e de reseña de canto se estaba a facer no momento.

FOTOGRAFÍAS
Movementos