Vida Gallega

01/1909, Revista, Vigo

Vida Gallega foi unha revista mensual gráfica que fundou Jaime Solá Mestre en Vigo. O primeiro número saíu en xaneiro de 1909 con portada de Castelao e o último en 1938.
Apareceu co carácter de "ilustración regional" e co afán de dotar a Galicia dunha revista gráfica de prestixio e calidade, ofrecendo unha crónica do acontecer diario da vida galega, con abundante material gráfico, especialmente do propio Jaime Solá, e de Xosé Gil, o seu primeiro director artístico. Colaboraron tamén os máis sinalados fotógrafos das cidades, retratistas das vilas e afeccionados á fotografía.

Na revista apareceron os máis importantes acontecementos sociais e políticos que se sucederon en Galicia e nas comunidades de emigrantes galegos (Portugal, Madrid, Sudamérica). Entre os seus colaboradores estiveron Roberto Padín Rodríguez cos seus debuxos (foi subdirector entre 1924 e 1927) e Manuel Lustres Rivas.

Tivo unha segunda época entre 1954 e 1963 cando Xosé Iglesias Presa adquire a revista. Nesta etapa editáronse 77 números e estivo dirixida por Fabriciano Fernández Serra. A fins de 1956 a sede trasladouse á cidade de Lugo.

FOTOGRAFÍAS