María dos Anxos Arias Castaño (máis coñecida como Xela Arias) naceu en Sarria o día 4 de Marzo de 1962 e finou en Vigo o 2 de Novembro de 2003, aos corenta e un anos de idade.
Aínda que a maior parte da súa vida transcorreu na cidade de Vigo, desenvolveu a súa primeira etapa escolar (até os sete anos) na Granxa-Escola de Barreiros, no Colexio de Fingoi. En 1976 incorporouse ao Instituto Castelao, sito no barrio do Calvario (Vigo) onde realizou o bacharelato. En 1979, fundouse a Editorial Xerais, oportunidade que aproveitou a nosa autora para incorporarse ao seu cadro de persoal, desde o cal desempeñou diversos postos de traballo; a saber, de administrativa a correctora de estilo, para rematar realizando labores de editora.
A partir de 1980, Xela Arias colabora en diversos xornais (A Nosa Terra, Faro de Vigo, Diario 16 de Galicia, …), así como en varias revistas (Festa da Palabra Silenciada, Luzes de Galiza, Boletín Galego de Literatura ou na Revista galega de tradución, Viceversa, de cuxo consello de redacción formou parte a nos autora) Así mesmo, tamén participou en recitais poéticos, ligados á contestación política e social, como o que tivo lugar en 1982 en contra da entrada do Estado Español na OTAN, ou en 2002, en solidariedade coas persoas afectadas polas consecuencias do afundimento do Prestige. E nesa liña cómpre situar a pertenza desta poeta a organizacións como Burla Negra ou Greenpeace.
En 1991 retomou os estudos regrados, ao matricularse en Filoloxía Hispánica na Universidade de Vigo e obtendo dita licenciatura, na especialidade de galego-portugués pola Universidade de Santiago de Compostela.
Respecto da súa obra, sinalaremos como data do seu debut literario o ano 1986, coa publicación de Denuncia do equilibrio (1986), poemario innovador co que foi finalista do Premio Losada Diéguez.
En 1990 publicou, en colaboración co seu home -o fotógrafo Xulio Gil- , Tigres coma cabalos, obra de grande repercusión e na que se mesturan poemas e espidos da autora. O libro trasmítenos unha mensaxe a prol da sinceridade e da procura dos sentimentos máis básicos. En Darío a diario (1996) a poeta ofrece unha reflexión sobre a súa propia experiencia maternal. O seu derradeiro poemario, Intempériome, foi editado o mesmo ano da súa desaparición por Miguel Anxo Fernán Vello.
A súa obra poética tamén se deu a coñecer en libros colectivos como Palabra de muller (1992) ou Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas.
Alén da súa tarefa poética, Xela Arias dedicouse á tradución para a nosa lingua de diversos autores como Joyce, Fehnimore Cooper e Fernández Flórez. Escribiu varios relatos, algúns deles incluídos na obra Contos eróticos/elas (1990).
Foi finalista do Premio Esquío de Poesía (1986) con Lili sen pistolas, obra que aínda permanece inédita.
No ano 2021 é a autora homenaxeada o Día das Letras Galegas.