Francisco Xavier Carro Rosende naceu en Santiago de Compostela o día 2 de febreiro de 1942. Foi escolarizado no colexio das "Huérfanas" da súa cidade e criouse entre libros e narracións orais que escoitaba na súa casa familiar. Preparou o ingreso ao bacharelato nun colexio privado, sito nunha das primeiras casas da rúa do Franco, onde -en palabras do propio autor- "recibíu unha formación sólida, para afontar sen problemas o bacharelato". As bibliotecas familiares foron un lugar onde botou horas "devorando libros, descubrindo autores e unha literatura que non figuraba nos Manuais de Lingua e Literatura" do ensino regrado. Na súa formación terá grande influencia a figura do seu pai, quen será o que o guíe nas súas primeiras lecturas e no valor do respecto aos demais. Comeza a escribir no instituto. O falecemento temperá da súa nai e posteriormente do seu pai condúceno a refuxiarse na literatura. Nos seus anos universitarios en Santiago, como estudante de Filosofía e Letras, coñece Ramón Piñeiro, "un dos homes fundamentais na súa formación" e comeza a escribir en colaboracións xornalísticas como en La Noche de Borobó. Marcha a Madrid, e na Universidade Complutense obtén a licenciatura en Filoloxía Románica. Exerceu a docencia en varios institutos de Galiza (profesor de galego no curso experimental do Instituto Xelmírez, en 1972; catedrático de ensino medio na Estrada, tempo en que publica en Galaxía, As Calexas do Cigurath, libro que sitúa ao autor na órbita da chamada Nova Narrativa Galega) até que, no 1979, por imperativos de saúde do seu fillo, transládase a Alacante. Alí cultiva o ensaio e a crítica literaria. Foi profesor do seu Centro Galego e colaborador asiduo na imprensa e en revistas galegas. No ano 1993 a Editorial Galaxia publica o seu ensaio A obra literaria de Blanco Amor. A partir de 1995 exerce como profesor asociado de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Alacante. En 1998 foille outorgado o Pedrón de Honra pola súa dilatada entrega en prol da Lingua e a cultura Galegas.
Como poeta, Xavier Carro, publicou o poemario Paisaxe de verde chuvia (1986). Ademais de participar en varias colaboracións colectivas (Profesor Basilio Losada. Ensinar a pensar con liberdade e risco. Universidade de Barcelona, 2000; ou Carlos Casares: a semente aquecida da palabra. Consello da Cultura Galega, 2003) tamén é autor do dicionario Vocabulario Galego-Valenciano/Valenciá-Gallec, 2000. En 2014 publica outro título de narrativa: Tempo ordinario (Historias de Compostela) Follas Novas, 2014 (colección Libros da Frouma), ilustrado por Soledad Pite.