Salgado, Daniel

Salgado García, Daniel
Monterroso, 1981
Salgado, Daniel

Nacín, iso indica a burocracia estatal, en outubro de 1981. En Monterroso. Vendo a miña forza de traballo como xornalista, actualmente na edición galega de El País. Colaboro con máis ou menos regularidade en Protexta, n’A Trabe de Ouro e no Xornal da Central Unitaria de Traballadores. Traducín para o galego a Allen Ginsberg, a Lawrence Ferlinghetti, a Adrienne Rich ou a Langston Hughes, e a Lois Pereiro, a quen tamén antologuei, para o castelán. Publiquei o meu primeiro libro de poemas en 2004: Sucede (Espiral Maior). Logo foron aparecendo días no imperio (Colección Esquío, 2004), Éxodo (Xerais, 2006), Os poemas de como se rompe todo (Sotelo Blanco, 2007), Ascension (autoedición con deseño e debuxos de Xosé Carlos Hidalgo, 2010) e ruído de fondo (Xerais, no prelo). Escribo letras e fedello no sintetizador para a banda de agit-prop electrónica Das Kapital, da que fan parte Marcos Paino e O Leo e que botou o seu primeiro elepé, Ruído negro, o pasado ano. Contra o estado de cousas, sírvome dos Diarios de traballo de Brecht, de prosa a contrapelo de Daniel Bensaïd ou da última etapa –a posterior ao rexistro de Ascension (1965)- de John Coltrane. Considero inevitábel decidir entre o socialismo e a barbarie.

Fonte:  https://asescollaselectivas.wordpress.com/