A Etapa Contemporánea I
A crise finisecular. A narrativa de López Ferreiro
Galicia Histórica e a "Escola Histórica Galega"

É ben coñecido xa o papel xogado polos historiadores na aparición e consolidación do movemento galeguista. O seu mergullo por arquivos e documentos recupera o pasado propio, á vez que fornece probas e argumentos históricos fundamentadores do feito diferencial galego. E dáse o caso de que mesmo aquelas obras "que non se plantexan a concepción de Galicia como algo diferente, ao tratar de rescatar a historia do seu lugar de orixe, contribuirán a subliñar o carácter específico do pobo galego".

Nestas coordenadas hai que inserir a corrente historiográfica galega do XIX baseada no contacto directo coas fontes documentais, protagonizada por homes coa formación científica máis axeitada da época (son todos Arquiveiros), e nunha situación privilexiada, por canto todos eles son responsables de Arquivos fundamentais: o catedralicio, o Histórico de Galicia, etc. Estamos a falar naturalmente de Manuel Murguía, Antonio López Ferreiro, Martínez Salazar, por citar os máis importantes, gracias aos cales xorde unha corrente importantísima en Galicia de coñecemento e publicación da documentación concernente á historia do país. Coinciden fundamentalmente na importancia dada ao documento, ás fontes orixinais. Ideoloxicamente hai xa diferencias notables entre, por exemplo, a mentalidade positivista, liberal e galeguista dun Murguía ou Martínez Salazar, e o tradicionalismo católico dun Ferreiro, a quen se ten acusado de utilizar os presupostos técnicos do positivismo para subordinalos á súa ideoloxía conservadora.

Pero niso non se diferencia o noso autor dos seus contemporáneos, nin merma o prestixio conseguido tanto pola cantidade como pola calidade dos traballos realizados, así como polo seu método de traballo, ao iniciar, en palabras do profesor Barreiro, "unha experiencia chamada a ter longa vixencia en España: publicar apéndices documentais ás súas principais obras, o que amosa a súa perspicacia como historiador e a súa seriedade como científico".

Da súa enorme producción, integrada por numerosos artigos e documentos publicados nas revistas compostelás da época, monografías sobre Prisciliano ou sobre a Galicia do século XV, cómpre destacar polo seu fólego e envergadura, o intento de recoller a historia da Catedral desde os seus comezos ata a actualidade, por encarga do propio cabido compostelán, traballo que inicia no 1898. Pero sobre todo, a creación dunha Escola Histórica Galega , centrada no estudio do país, arredor da revista Galicia Histórica (1901-1903), publicación periódica coa que se propuña sacar á luz pública estudios históricos, fontes, bibliografía e crónicas de Galicia. Esta revista, sen parangón na Galicia da época e comparable ás mellores do resto do Estado, canaliza os seus traballos de investigación así como os dos seus inmediatos colaboradores: Villaamil y Castro, Martínez Salazar, Oviedo e Arce, ou Casto Sampedro e Tafall Abad, que aplican na investigación musical os métodos ferreirianos.

Trátase, desde logo, dun proxecto verdadeiramente ambicioso e de importancia capital, xa que supón un intento de suplir as carencias institucionais no campo da historia galega, constituíndose en antecedente, en certo modo, do que sería vinte anos máis tarde o Seminario de Estudos Galegos .

IMAXES