A Etapa Contemporánea II
A recuperación da narrativa en galego: Álvaro Cunqueiro
As crónicas do sochantre: as ensoñacións do trasmundo

Un ano despois da publicación de Merlín e familia aparece a segunda achega de Cunqueiro á narrativa galega. Aínda que o escritor segue unha estrutura semellante á do Merlín ,este libro foi considerado por moitos a primeira novela cunqueiriana. Tal argumento baseouse no feito de que, mentres no Merlín o protagonista actúa antes como un fío condutor que como un verdadeiro personaxe, pois non se aprecia nel ningún tipo de evolución ao longo da obra, as Crónicas presentan unha diéxese máis unitaria, na que se observa unha verdadeira evolución do seu protagonista principal, o Sochantre.

Neste caso a acción sitúase nun espacio de fóra, a Bretaña Francesa. Charles Anne Guenolè Mathieu de Crozon, sochantre de Pontivy, é conducido unha mañá de néboa por Mamers o Coxo a unha carroza que o levará a Quelvén, para participar nos funerais dun fidalgo. Na carroza viaxan unha serie de personaxes do trasmundo, que cumpren a súa penitencia. Ao longo do libro relátansenos, ademais das peripecias que lles acontecen na viaxe, as historias que contan cada un dos viaxeiros cando, chegada a noite, estas ánimas recobran a súa condición de esqueletes. O sochantre volta da súa viaxe ao cabo de tres anos, sen que ninguén se decatase da súa ausencia, pois fora substituído por un tío de Mamers o Coxo.

Cunqueiro, na compaña de José María Castroviejo.

Aínda que, como xa dixemos, esta obra se vale dunha técnica semellante á do Merlín ,a súa estrutura é un pouco máis trabada e de maior complexidade. Esta vén dada, ademais, en boa medida, pola multiplicación da función narrativa. Á parte das voces narrativas dos distintos personaxes que contan as súas historias, nesta obra emprégase o artificio literario do narrador-editor, que finxe atopar unha libretiña na que o sochantre deixara escritas as súas memorias. Así o explica este particular narrador no segundo dos limiares, que serven de introdución á obra, e do que a seguir reproducimos, polo seu interese, un fragmento:

Foi na casa de madame Clementina onde se atoparon as libretiñas con tapas de pel de coello que me sirven agora pra escribir estas crónicas, tomando o máis do que nelas estaba apuntado.

Desde o punto de vista da localización espacio-temporal, a obra resulta tamén innovadora a respecto do Merlín. A acción transcorre, como xa indicamos, na Bretaña francesa. Por outro lado, dáse nela unha localización cronolóxica precisa, a pesar da existencia dalgúns anacronismos, con todo, moito menos numerosos que na obra anterior. Resulta curioso o feito de que cando Cunqueiro escribiu As crónicas aínda non visitara Bretaña, sobre todo se temos en tonta o carácter exhaustivo dos moitos elementos que ambientan esta obra. Mais a Bretaña cunqueiriana é ademais unha terra misteriosa na que é posíbel unha historia fantasmagórica como a que se narra no libro, se reparamos na descrición que figura no primeiro dos seus limiares:

É unha terra mui viciosa de camiños, porque nela, amén da xente natural de sobremundo, andan doados e mui alertantes pasaxeiros, xentes das soterradas alamedas, difuntos vespertinos, pantasmas, hostes cabaleiras, ánimas remitíndose de obrigas; as máis delas, xentes pasadas ás que algunha peta non deixa sosego.

LIMIAR 1 (Descrición da Bretaña)

LIMIAR 2 (Introdución)

I. A CARROZA (Presentación dos personaxes)

II. AS HISTORIAS (Historias dos personaxes)

III. OS VIAXES (Aventuras de viaxes)

Función de Romeo e Xulieta famosos namorados

FINAL

APÉNDICES

Dramatis personae

Noticia de Ismael Florito

Tanto esta descrición como a néboa espesa daquela mañá en que o sochantre é conducido á carroza, compórtanse como elementos contextualizadores do fío argumental da obra, actuando ademais como estratexias na procura da credibilidade do lector, pois tales indicios fano dubidar intencionalmente do propio carácter de ficción do que está a ler.

Cunqueiro con Bernardino Vidarte

Se os dous limiares achegan dunha maneira gradual a historia ao lector, a primeira parte do libro, "A carroza", participa tamén dun certo carácter introdutorio, pois, ademais de presentar os distintos personaxes que viaxan nela, infórmase neles acerca dalgunhas cuestións fundamentais para comprender o desenvolvemento da historia, como o é o caso do castigo que deben cumprir estes defuntos ou a súa condición de esqueletes, recobrada cada vez que se pon o sol. Por outro lado, estes capituliños serven tamén de introdución á parte seguinte, cando un dos personaxes explica a súa necesidade de ter que contar, día a día, as historias que lles acontecen:

—Contar as nosas historias, -dixo máis pra si que pra o sochantre o coronel de Coulaincourt-; contar as nosas historias a nós mesmos e a cada quén que vai e vén día tras día, mes tras mes, ano tras ano, ¿el non é un castigo mui a modo?

As partes segunda e terceira poden considerarse o núcleo da narración. En "As historias", cada un dos personaxes que viaxan na carroza conta, diante do sochantre, a historia da súa vida. Deste xeito, Cunqueiro introduce na obra un dos seus recursos máis queridos, como é o feito de contar historias, neste caso postas na boca dos personaxes, diante dun pequeno auditorio.

Madame de Saint-Vaast, o escribán Jean Pleven, o coronel Coulaincourt, o verdugo Monsieur de Nancy, o médico Sabat e o demo Guy Parbleu van contando aos contertulios a desafortunada peripecia vital que os conduciu a tal suplicio. Nesta parte da historia ten unha grande importancia o paralelismo, pois todos os relatos seguen un esquema semellante que, con algunhas variantes, é como segue:

  • Nacemento, profesión e outros datos biográficos.
  • Explicación da súa culpa, así como do xeito da súa morte.
  • Descrición do castigo que debe cumprir durante os anos que dure a súa particular peregrinaxe.

"Os viaxes" relata algunhas das anécdotas que aconteceron a esta compaña durante o seu periplo. Esta parte remata coa representación, no adro de Comfront, da peza "Romeo e Xulieta, famosos namorados", que foi improvisada polos viaxeiros da carroza ao seren confundidos cuns cómicos italianos. A peza reprodúcese en toda a súa integridade, recorrendo unha vez máis ao artificio das memorias rescatadas dunha libretiña:

Entre os papés do sochantre De Crozon estaba, posto como por peza de teatro, o argumento que arbularan o coronel de Coulaincourt de Bayeux e madame Clarina de Saint-Vaast, e o máis que o que alí, naquela función do adro de Comfront, acontecera, e que llo contara ao noso sochantre, xa en tempos do Imperio, un daquela vila que o recoñeceu nun paseo de Pontivy.

Esta pasaxe é unha das mostras máis representativas da vocación teatral da narrativa cunqueiriana. O texto ten un carácter ambivalente, pois, ademais de reproducir o diálogo teatral, ofrece informacións, nas acoutacións, do desenvolvemento da representación. Esta ten un desafortunado final, pois, ao ir caendo a tarde, os corpos foron recobrando a súa condición de esqueletes. A xente foxe despavorida, crendo que aqueles cómicos trouxeran a peste a Comfront. O contrapunto entre a ficción e a realidade está perfectamente expresado polo desencanto dunha nena ao descubrir a mentira, é dicir, ao decatarse de que na folla que estaba a ler Xulieta non había Romeo, nin memorias, nin lirios.

Na nota final que pecha o libro descríbese a volta do sochantre á vida cotiá, logo dunha viaxe de tres anos. Esta supón un contraste coas aventuras centrais narradas no libro, pois, ninguén soubera da ausencia do sochantre, ao ser substituído por un tío de Mamers o Coxo, quen se apropiara da súa figura.

Pechan o libro dous apéndices, tan do gusto cunqueiriano: o índice onomástico e a "Breve noticia de Ismael Florito". Tratase esta última dunha amplificación dunha historia narrada nos capítulos precedentes, perfectamente integrada no conxunto a través do personaxe do coronel Coulaincourt.

As crónicas do sochantre presenta algunhas características novidosas a respecto do conxunto da narrativa cunqueiriana. A obra transcorre nunhas coordenadas espacio-temporais concretas, a diferencia do Merlín ou o Sinbad, onde a presencia do anacronismo ou da indeterminación é moito maior. Por outra banda, a crítica ten detectado unha utilización no relato de elementos escatolóxicos e mesmo de alusións á sexualidade, descoñecida na súa produción literaria anterior. En relación con isto, cómpre repararmos na importancia da percepción sensorial neste libro, sempre en consonancia co particular ambiente en que se desenvolve o seu argumento central.

IMAXES