A Etapa Contemporánea II
A nova narrativa
Gonzalo Rodríguez Mourullo

Nace en Calo, Teo, en 1935. Desde mozo e gracias á biblioteca do seu pai accede á lectura, en especial da literatura galega, mesmo a que se publicaba neses momentos no exilio. El mesmo se considera privilexiado ao poder formarse culturalmente no galeguismo . Estudia en Santiago no Colexio Minerva, onde terá as súas primeiras experiencias literarias na revista Vamos da propia institución, e onde coñece a Xosé Manuel Beiras a Gustavo Balboa. Estudia Dereito en Santiago, doutórase e amplía a súa formación en Roma e Friburgo. Na súa época compostelá, participa activamente na celebración das " Festas Minervais ", onde consegue o premio de narracións nos anos 56 e 57, e tamén colabora asiduamente no xornal La Noche ,con artigos sobre temas literarios e culturais. Con todo, a súa aportación á literatura galega é escasa, aínda que decisiva na orixe e conformación da "Nova Narrativa", sendo ademais un dos activos animadores dos novos escritores en galego. A súa obra componse unicamente de dous libros, Nasce un árbore (1954) e Memoria de Tains (1956), ambos os dous en Edicións Monterrey de Vigo. A pesar de compartir intencións co grupo de escritores do momento, non publicou en "Illa Nova", e debido ao seu enfrentamento con Ramón Piñeiro abandonaría o grupo de Galaxia e mesmo deixa de escribir, aínda que posteriormente, en 1984, aparecese o relato "Lembranza dunha morte regramentaria" en Medusa. Relatos de Sotelo Blanco . O propio Mourullo nunha entrevista na prensa ( La Voz de Galicia )en 1982 afirma que o feito de publicar sendo tan novo fixo que se inhibise á hora de afrontar novas publicacións, ademais de ter pouco tempo a causa das súas obrigas profesionais. Hoxe en día é Catedrático de Dereito na Universidade Autónoma de Madrid, cidade onde exerce ademais a profesión de avogado.

Gonzalo Rodríguez Mourullo.

A súa aportación á Nova Narrativa redúcese aos títulos Nasce un árbore e Memorias de Tains.

Nasce un árbore é un pequeno libro composto de tres relatos. O primeiro, "A capilla enmeigada", recrea o mito de Dafne, e nel unha árbore narra o seu amor pola filla dos amos do pazo e a relación que ela ten cun escritor que a engana. Neste texto Mourullo reflexiona sobre conceptos de realidade e verosimilitude xogando desde un principio, como se manifestará noutros relatos, coa literatura dentro da literatura, creando entón un discurso metaliterario. En "O relox" introduce de novo unha historia dentro doutra. Un personaxe inventa unha historia sobre un reloxo, que quere facer pasar por real para venderllo a un americano. O ambiente de amor e de loucura recórdanos o mundo kafkiano da Metamorfose . No último relato, "Tres homes", aproxímase máis ao tema social, menos visíbel nos anteriores. Aquí tamén o relato se mete dentro do relato, pois tres labregos, presos no cárcere, narran as historias que os levaron alí.

Memorias de Tains é considerado pola crítica como o primeiro cumio da "Nova Narrativa", tratando de renovar todos os ternas e planos do relato, como a lingua, os recursos técnicos e estilísticos, a focalización da realidade, a busca de condutas existenciais, etc.

A técnica narrativa utilizada é a epistolar, e aínda que non é nova, o uso que fai o autor acomódase aos parámetros renovadores en que se encadra a obra, tratando de representar neses relatos-cartas os fragmentos da historia dunha cidade, Tains, arruinada e destruída, a través dun xogo de emisores-narradores e receptores-narratarios que se explican na primeira carta, dirixida ao lector: " Estas cartas que hoxe che envío foron sorprendidas en dous momentos diferentes que ti atinguirás porque levan a preposición 'a' e outras a preposición 'de' " .   Neste primeiro texto descríbesenos desde a fundación de Tains, pasando polo seu progresivo crecemento (máis paradas de ómnibus, teléfono, bares de indianos...) ata o comezo da guerra que conducirá á súa ruína. Precisamente no medio dos seus restroballos o narrador atopa as cartas. En consecuencia, o espacio novelesco real será urbano, aínda que no resto dos fragmentos este se converte nun marco onde se superpoñen e confunden realidade e irrealidade.

En "Carta a unha noiva" o narrador participa dun proceso de personificación dunha escena pictórica, nunha combinación do binomio realidade-fantasía. Por outro lado o protagonista atopará a morte nun contorno de loucura e violencia. Esa pintura acaba superpoñéndose ao que supostamente é real e podería significar un símbolo da realidade política de Galiza nese momento, segundo o autor: un pobo que prefire estar sometido a ser libre.

O proceso de loucura dun home amargado polas circunstancias vitais, a enfermidade da muller, o seu fillo que vai perdendo a saúde, os conflitos que o rodean, domina en "Carta xornal a un amigo". O río convértese neste relato en marca inexorábel do paso do tempo que aguilloa e entolece o protagonista. En "Carta dun amigo", moi relacionado co anterior, utilízase de novo o relato ficcional que se relaciona, como sempre, co drama do narrador, que remata na cadea.

A sombra de Kafka, en especial do texto O castelo , éapreciábel en "Carta de S.", onde o personaxe se ve sumido nun cúmulo de situacións absurdas, ilóxicas, que non domina, mentres que se ve dominado polos personaxes que o rodean. Unha vez máis, fúndense o real e o imaxinario cando un personaxe, Mevi, sae dunha historia dun libro:

"Mevi foi saíndo do libro, pouco a pouco, pero con seguridade. Foi póndoseme diante.(...) Levanteime. Fun até o outro lado da mesa. Boteille unha man pola cintura".

En "Carta sin dirección" aparece de novo o valor do debuxo; agora é unha cara feita trinta anos antes, como revelador dun pasado esquecido e un presente que non se quere ver.

"Carta a un irmán" contén algunhas variacións a respecto dos outros textos. O máis destacábel é o marco espacial, agora rural, e o tratamento do sufrimento humano, nesta ocasión producido por unhas condicións sociais abafantes: emigración, pobreza, secas, inundacións. Unha familia trata de sobrevivir loitando contra todas estas circunstancias. Un pai e un fillo, despois de terríbeis esforzos por faceren produtivas terras ermas, saúdan con ledicia as primeiras pingas de chuvia despois da seca. Estas convértense en pedrazo e a auga en riada, que arrastra e mata o vello labrego. Benito Varela Jácome, estudioso da obra de Mourullo, fala no prólogo á edición de 1983 de que

"tensións alumeantes moven a acción deste relato. Á loita esgotadora do pasado, nunhas terras irtias, siguen as funcións desencadeantes do tempo presente. A seca, o pedrazo, a arroiada. Todas estas forzas opostas precipitan a triple converxencia fatal".

IMAXES