Tertulia ligada ao feito nacional galego e á súa expresión cultural que daría paso ao Rexurdimento. As teorías de Manuel Murguía foron defendidas polos membros da Cova Céltica, que frecuentaban a tertulia da librería de Uxío Carré Aldao, na rúa Rego de Auga da Coruña, mercada a Andrés Martínez Salazar. Alí facían tertulia escritores e intelectuais como Pondal, Martinez Salazar, Pérez Ballesteros, Tettamancy, Galo Salinas, Martelo Paumán, Florencio Vaamonde, Lugrís Freire, Eladio Rodríguez González e o mesmo Murguía. Na Cova Céltica tratábanse todos os temas relacionados coas orixes e personalidade de Galiza, e calquera outro relacionado coas artes e as letras, e os contertulios coincidían, seguramente desde posicións diverxentes, no común empeño na rehabilitación de Galiza e o emprego do seu idioma. Ademais dos escritores e intelectuais citados, a tertulia era frecuentada por personalidades da cultura residentes na cidade que, aínda non coincidentes coas teorias celtistas, concordaban na defensa e o renacemento da cultura galega. Entre elas estaban Vázquez de Mella, Sofía Casanova ou Barcia Caballero. Ademais, a sona e o prestixio da Cova Céltica trascendera os límites galegos, polo que era frecuentada tamén por visitantes ocasionais doutros países.