O 2 de abril de 1846 iniciábase a revolución de 1846. O 2º Batallón do Rexemento de Zamora mandado polo comandante Solís, con sede na Coruña, levantouse na cidade de Lugo contra o goberno ditatorial que instaurara en Madrid o xeneral conservador Narváez. Constituiríase logo, o día 15 de abril, a Xunta Superior do Goberno de Galiza, sendo nomeado presidente Pío Rodríguez Terrazo e secretario Antolín Faraldo. A revolución de 1846 tivo dous eixos reivindicativos, cuestionar o goberno de Narváez e recobrar a unidade territorial de Galiza porque se entendía que era unha colonia da Corte. O manifesto da Xunta Superior de Galiza, escrito por Antolín Faraldo, expresaba que a espada de Galiza faga inclinar unha soa vez a balanza en que se pesan os destinos de España.
O 26 de abril de 1846 son fusilados en Carral o coronel Solís e doce dos seus oficiais. O día 23 tivera lugar a batalla de Cacheiras entre as tropas españolas e as galegas de Solís, que foron derrotadas. A grande superioridade das tropas do goberno central fixo inútil a resistencia e as tropas españolas entraron en Compostela a saqueo e pillaxe. Solís, que se refuxiara en San Martiño Pinario, entregouse aquela mesma tarde.
Tres días despois, un xuízo sumarísimo condenounos a morte e serían fusilados en Carral. Con este fusilamentos acaba a sublevación militar que comezara o 2 de abril, as demais consecuencias serán a represión, a tortura e o exilio en Portugal dunha morea de revolucionarios. Para o nacionalismo os “Mártires de Carral” son un referente de loita contra o centralismo.