Premio Esquío de Poesía, 1998
A edición da Colección Esquío de Poesía achéganos:“Catálogo de velenos refai o conto infantil de Brancaneves para indagar nas nosas coincidencias e desencontros coa nai hoxe. O libro propón, desde unha ollada adulta de muller, a destruizón do maleficio grazas á razón e ao feminismo. Ambos guián igualmente o labor de inventario e refexión sobre os velenos colectivos -os que fan parte do “círculo feroz” desta terra- e os sociais”.
Declara Mónica Bar Cendón en Festa da Palabra Silenciada, nº 16: “... pretendo sinalar o que o poemario de Marilar Aleixandre despreza: o veleno da tradición que vén envolto de sumisións e negación da identidade do ser humano muller. A postura da poeta é valente e decidida: como no conto de Brancaneves, a filla recebe da nai, nada menos ca unha mazá envelenada. O primeiro tópico que desmonta a poeta é esta sacra relación nai/filla. Descóbrese tras a morte da nai, afrontada sen sensiblerías, cunha declaración punzante: “non sabía que fuches ti quen me educou/contra ti mesma.”
Primeiro libro de poemas da narradora Marilar Aleixandre cun suxeito poético en primeira persoa e estruturado en tres partes, "o veleno na mazá", “o veleno no coitelo" e “onde os alacráns". En "o veleno na mazá" refai e actualiza o conto de Brancaneves, presentando a relación nai-madrasta, transmisora dunha cultura, e a filla, relación onde se unen o odio, a dependencia, a crueldade e mesmo a identificación. “o veleno no coitelo" está centrado na figura do amante e os velenos que trae consigo, sendo “onde os alacráns" a parte conclusiva.