Ese tépedo vento que pasa sobre o mundo permitiulle a Carlos Penela gañar por segunda vez o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, que no 2000 obtivera con Acaso inverno ao tempo que confirmou a súa traxectoria como unha das de maior recoñecemento entre os xurados galegos, incluíndo galardóns como o Caixanova, con Sombras rosas sombras; o Espiral Maior; con As linhagens do frio ou o González Garcés con Arte de fuga. Agora, en Ese tépedo vento que pasa sobre o mundo proponnos revisitar os lugares, feridas e liñas de fuga que caracterizaron a súa produción anterior, ofrecendo ao tempo un mapa interior da súa escrita actual. O poema condénsanse pero tamén se converte nunha paisaxe de maior peso narrativo, cunha linguaxe, marcada pola vontade do rigor e da honestidade, que lle permite sortear a devastación do tempo.
Porque a poesía, asegura Penela, comeza a agromar, precisamente, cando se logra ir máis alá das fronteiras impostas pola linguaxe caduca e ruín do presente.