Premio da crítica Galicia 1978.
"Mar e naufraxio, escrito entre o 76 e 77, unha obra moito máis transparente, máis política, de verbo proletario, na que o poeta, cunha poderosa carga emotiva, adéntrase na realidade das clases traballadoras e da patria, na miseria e no desexo carnal, na dureza da vida dos obreiros que pasan de présa porque teñen as casas lonxe e algúns unha leira que traballar ou na vivencia dramática das xentes do mar, con versos que levan a verdade en cada palabra e nos fan estremecer no máis íntimo de nós:" (Manuel López Foxo)
Traede os corpos dos mortos. Poñédeos aí, quedos
e sempre vivos, a lúa
é un canario azul nos ollos dos mortos. Deixádeos.
Traede os mortos, compañeiros, a modiño,
pousádeos: trenzas de vida
que aínda latexan; mulleres de mar
escoitan chega-los barcos
e na ribeira poñen patelas de silencio. A modiño.
O día é claro como un paso de liberdade.
Os campos teñen coores vivas, e os paxaros
pousan as súas voces
nas pólas dos carballos; cerdeiras, camelias.
Todo parece novo na terra onde a traizón xa é vella.
As mulleres levan panos de loito na testa
e arrastran os pés con cadeas de "tempos modernos".
Hai unha carauta de pedra que avanza. Traede os mortos.
...Aquí, pousádeos...;
deixade que a lúa os esperte;