Premio Esquío de Poesía 1983
“Este libro é a miña magdalena proustiana”, diría Pilar Pallarés, anos despois da primeira edición sobre Sétima soidade (Col. Esquío de Poesía 2007).
Francisco Pillado Rivadulla é o autor do prólogo na edición da Col. Esquío de Poesía da Sociedade de Cultura Valle-Inclán, prólogo en que expresaará: “[...]Sétima soidade, de Pilar Pallarés, é unha confesión, de fundo calado lírico, sobre o amor total e o desamor por acabamento. Do amor como renacimento, autodesvelación e acceso á plenitude do ser, e a unha cosmovisión transmutadora que leva a peculiar instalación no mundo, inzada de especificacións e anoloxias antes insuspeitadas que o amante vive como únicas e irrepetetíveis. E o amor – miragre – mistério en grau superlativo que Pilar Pallarés parece extrair por completo de si mesma, da súa fina sensibilidade sacudida polo achádego e a paixón desbordada, porque a persoa amada é antes evocada ou entresentida en futuros encontros que presente.
‘Esa estraña ternura / con que sabes dicer-me que non me amas’ corresponde xa ao ‘regreso ao eu e ao siléncio do amor acabado’, a un desviver e ao deterioro premortal, á redescoberta da dialéctica amor – morte. [...] ”
En palabras de Xosé Luís Castro: “ [...] Inagúrase na súa produción poética coa publicación desta obra unha etapa de intimismo radical, —róubolle o membrete a Teresa Seara—, o que a emparentaría coa Rosalía de Follas Novas. E é certo, se algo caracteriza o mundo poético de Pilar Pallarés en calquera das súas obras é a forza, a contundencia, con que xorden os seus versos; é a súa unha “escrita do desgarro e da soidade” (H. González). Con este poemario podemos afirmar sen ningún tipo de riscos que acadou a súa madurez poética, e contradictoriamente, no momento do seu nacemento como poeta dos 80. [...]”