A leitora, o leitor, terá observado, nas páxinas precedentes, como o retrato ideolóxico-literario que se pode tirar de Lamas Carvajal difire notabelmente do esquema tradicional, que o ten ignorado sen máis ou definido como escritor menor, moi de segunda fileira, "populacheiro", "costumista" e satírico "aldeano". Na verdade, a análise da súa
extensa
obra autoriza a compormos unha moi outra fotografía da súa personalidade e significación. Resumímola, de seguido, nos seguintes trazos:
-
Lamas é, en realidade, o único escritor
profesional
do Primeiro Renacemento da Literatura Galega (Rosalía de Castro que o é pola súa dedicación e aspiracións, non pode selo por muller, por patriota galega e por anti-sistema ...), consagrado durante toda a súa vida adulta a escribir versos, prosa contística, ensaística, xornalística...
-
Lamas é nin máis nin menos que o creador da prensa galega contemporánea, cun empeño sen igual por
socializar
a escrita e a literatura en galego, por dilatar os usos públicos e sociais do idioma, por dar a coñecer a súa historia, personalidades ilustres...
-
Auténtico paladín da defensa dos labregos, concreta nesta clase social, na principal base traballadora do país a aquela altura, a súa praxe política, que de mozo o vinculara ás filas republicano-federais e que o levará, como a outros compatriotas (após as sucesivas decepcións derivadas da revolución setembrina e, aínda, da efémera I República) a un exercicio de
ensimesmamento
e de atención radical aos problemas da terra.
- Existir, exteriorizar, dignificar o que nos diferencia como pobo é obxectivo na súa obra; erguer unha literatura que dese tonta dos problemas, necesidades, sentimentos e aspiracións do pobo galego (asfixia económica, aberrante presión fiscal, emigración, déficit terríbel de servizos sociais, desprezo constante do Estado —e dos políticos ao seu servizo—, devaluación e represión do idioma galego...), en clave loxicamente populista, como populista é a emerxencia da identidade nacional en tantos outros países da Europa e do mundo.
- Medra a valoración que del cabe como escritor e como loitador, se recordamos como practicamente toda a súa obra está realizada (dictada e corrixida polas súas indicacións) baixo a cegueira física absoluta, circunstancia non banal que impediría, de certo, un maior pulimento do verso, do poema ou da prosa.
- Lamas cimenta, coa súa obra literaria, os alicerces do movemento agrarista galego de principios de século que, non por casualidade, vai surxir moi pouco despois da súa morte. El foi claramente o seu precursor, o seu axitador intelectual.
- A súa obra, en fin, cómpre entendela como obra de servizo, como obra utilitaria, de servizo ao seu país, ao seu pobo ("primum vivere", isto é, primeiro existir, o cal condiciona, mírese como se mire, a xestación e a concreción literaria). Desde logo, forma nas filas do elenco principal dos Restauradores, complementando o labor maiúsculo dos clásicos Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal.