Trazar un esbozo rápido do panorama social da Galicia finisecular implica forzosamente reducir este ao que serían as súas liñas básicas: observamos en primeiro lugar unha sociedade fundamentalmente rural, na que o campesiñado ten absolutamente coutadas todas as posibilidades de desenvolvemento por culpa do foro, e ao que só Ile resta como única saída a emigración; onde unha minoría secularmente parasitaria e nada emprendedora absorbe a maior parte da riqueza; cun escasísimo nivel de industrialización, agravado pola desaparición definitiva, coincidindo con este período, do que fora un puxante sector téxtil rural; e onde, finalmente, a sangría da emigración acada niveis asombrosos, sen apenas parangón no resto de Europa.
Emigrantes galegos en Alto da Serra. Brasil.
Nesta conxuntura, a esta sociedade resúltalle moi difícil encaixar calquera acontecemento adverso. De al que o profesor Barreiro fale de "crise finisecular" ao tratar os derradeiros anos do século XIX galego, e destaque a incidencia grande que nela vai ter a crise vitícola, cerealística e gandeira, e mesmo dos aranceis proteccionistas adoptados polo goberno español (a loita contra este arancel explicaría en boa maneira o éxito de Solidariedade Galega e das mesmas Irmandades da Fala); esta situación agudizaríase aínda máis coa crise política provocada pola perda das colonias. Tamén neste caso Galicia se viu gravemente afectada pola súa importante participación no despegue económico daquelas; non esquezamos que Cuba foi un dos puntos preferidos pola emigración, e ademais, a participación de soldados galegos na guerra foi moi elevada. Seguindo ao profesor Barreiro, a quen citamos unha vez máis, "Galicia foi quen recolleu os repatriados, os despoxos da guerra: aquí chegaban entre 1897 e 1898 barcos cargados de soldados e civís tolleitos e famentos".