A Etapa Contemporánea II
A narrativa de Castelao
Conformación ideolóxica e artística de Castelao

A singradura vital de Castelao coincidiu, como acabamos de ver, cunha etapa crucial na historia de Galiza. Mesmo a nivel europeo e mundial, tense considerado que o período que vai de 1914 até 1945, entre as dúas grandes guerras, é un período de grande tensión ou "revolución total", que marca ou arrastra o pensamento de intelectuais e artistas do momento: o abrollar das nacións oprimidas tras o remate da primeira guerra, a revolución soviética e o triunfo das masas na escena política, a represión das concepcións democráticas fondas por medio de alternativas autoritarias vía ascenso de nazismo e fascismo, a agudización dun desenvolvemento económico desigual provocado pola tenacidade dun capitalismo imperialista e colonialista a escala planetaria, o culto á modernidade cosmopolita e ás modas artísticas fugaces, etc. Neste contexto, tal vez caricaturizado de máis, chama a atención que un artista e intelectual como Castelao non se deixe intimidar polo medo ás masas (a chegada do comunismo), non se deixe arrastrar e engaiolar por mimetismos nin ideolóxicos nin artísticos, non caja en radicalismos ideolóxicos extremos nin en ser artífice dunha arte deshumanizada, se ben poida albiscarse un certo aire extravagante nomeadamente na súa indumentaria característica e unha certa sensibilidade modernista. Foi a ollos de todos un artista e un político que quixo vivir cos pés na terra, a carón da realidade ou da Natureza, como expresa en Cousas.

Cartel de Carlos Sobrino para a  Pacific Line.

A súa vocación artística arranca de cedo e aparece ligada á canción (ingreso na tuna universitaria no curso 1906-1907) e, sobre todo, ao debuxo humorístico e á caricatura. A súa habilidade, neste último caso, permitíalle, por exemplo, improvisar as caricaturas dos personaxes máis célebres da cidade de Pontevedra nunha velada no Teatro Principal, identificándoos o público a medida que os fa mostrando desde o estrado. Vemos, polo tanto, desde cedo, a un mozo con desperta vocación artística e sensibilidade, que desde 1909 (ano da súa licenciatura en Medicina) vai percorrer unha etapa de activismo artístico e de progresiva conformación ideolóxica nacionalista até os albores da II República.

As súas primeiras colaboracións artísticas, das que logo chegaría a renegar, deixan aínda en evidencia a un artista inofensivo en canto aos contidos que trata (caso da revista Vida Gallega ,1909), se ben cunha grande habelencia para a arte da caricatura. Nos medios de divulgación do momento chegouse mesmo a anunciar a publicación dun "Álbum de caricaturas" confeccionado por Castelao, feito que non chegou a materializarse. No ano 1911, nun dos seus primeiros contactos co galeguismo , colabora na revista ourensá Mi Tierra ,dirixida por Eugenio López Aydillo, quen en 1910 fundara en Madrid, xunto con Basilio Álvarez, Portela Valladares e outros a revista Acción Gallega ,claro anticipo do movemento agrarista.

A maiores, para o descubrimento da realidade social do País, presente na súa obra, vai ser decisiva, ademais da súa extracción popular e mariñeira lo pai só chegou a enriquecerse relativamente na emigración/ e do seu labor como médico rural, a adhesión ao movemento agrarista. Castelao opta polo máis combativo e radical do momento, a Liga de Acción Galega (desde 1912) de Basilio Álvarez, onde tamén ingresa Ramón Cabanillas , cun obxectivo ben nidio: o combate contra os males endémicos do agro galego (desposesión da terra por parte do labrego, subdesenvolvemento, caciquismo, impostos abusivos, emigración, etc.). A represión deste movemento, vai provocar episodios dramáticos como os de Oseira, Nebra, Sofán, Narón, Guillarei, con multitude de vítimas (máis de vinte mortos en só dúas décadas), chegando a abalar as conciencias como a de Castelao. É sintomático tamén que Castelao non tomase partido polo agrarismo de signo católico e tradicionalista, moi presente no agro galego.

Chama a atención notoriamente o feito da asunción do idioma do País, que nunca abandonará, evidenciando unha precoz e esclarecedora conciencia galeguista, coincidindo coa fundación das Irmandades da Fala e co obxectivo de posta a punto do noso idioma e da nosa literatura. A este respecto Castelao ten confesado, anos despois (a comezos dos trinta), a ilustrativa influencia do fidalgo rianxeiro Evaristo Martelo Paumán, ao que un día, sendo neno e estando na súa casa, lle escoitou esta nidia xustificación sobre o uso do idioma: " Falo galego porque xa o falaba un antecesor meu, Paio Gómez Chariño, cando Galiza era unha nación ".

Os seus primeiros contactos coa política, pese a todo, viñan de situalo no Partido Conservador de Antonio Maura (1910), e na redacción do xornal local El Barbero Municipal , adhesión que se explica fundamentalmente pola tradición e ambiente familiares e pola innegábel obediencia ao pai. Lembremos a este respecto a clarificadora frase de Castelao que recolle Núñez Búa na biografía sobre aquel: " Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á Humanidade ". Así e todo, convén aclarar máis o significado de determinadas militancias na etapa da Restauración. Pois, por exemplo neste caso, o cualificativo conservador resultaba relativamente insubstancial, ao tratarse do único partido anticaciquil que se podía elixir como alternativa, por outra parte con escasa implantación en Galiza, e co que colaboraron algúns galeguistas. Paradoxalmente, o realmente opresor na comarca e na provincia, era o Partido Liberal, capitaneado por Viturro, exemplar de cacique empedernido que intentará derrubarlle en 1919 o hórreo que estaba construíndo o pai de Castelao, aducindo, entre outras cousas, que " esta clase de artefactos a la faz de los caminos son de un pésimo efecto al ornato público ". As denuncias políticas de Castelao chegarán á prensa de Madrid; o pobo de Rianxo, solidario con quen exercera de forma altruísta como médico nas gripes de 1918, leva a cabo mobilizácións determinantes; e, a comezos dos anos vinte, o pai de Castelao chegará mesmo a retomar a Alcaldía do pobo.

A definición ideolóxica como nacionalista, de xeito claro e profundo, producirase coa fundación das Irmandades de Amigos da Fala, cando Castelao xa se sentía o derradeiro supervivente dun pobo suicida ( ANT , nº 326). Corre o ano 1916, ano crucial, cando tamén traslada a súa residencia a Pontevedra, a cidade da súa vida e da súa obra, onde traballará de funcionario do Instituto Xeográfico e Estatístico, rexeitando, por afincamento na Terra, o ofrecemento de traslado a Madrid. Este momento inicial de clarificación política conleva sintomaticamente unha depuración e evolución da súa arte plástica en positivo, tal e como certeiramente expresa Pilar García Negro (VV.AA: 1986, p.65) e deixa constancia inequívoca o propio autor en 1920 na conferencia en que inserta fragmentos de Un ollo de vidro :

Castelao de neno cos seus irmáns.

"Na miña primeira mocedade dina da Casa da Troya, cando a miña ialma sofría de xarampón e non pensaba máis que en sair de tuno tocando a guitarra polas rúas, fixen os primeiros dibuxos humorísticos nunha revista pra americanos. Acúsome de ser eu quen dou empezo a isas carantoñas porcas, a ises monicreques noxentos, a ise humorismo de taberna que ainda oxe campa na mesma revista pra regalía dos Licenciados da universidade. Abafado de vergonza confésome culpable e renego da miña primeira mocedade"

(ANT, nº 115).

A plasmación máis palpitante dunha arte socialmente comprometida xorde axiña das estampas do álbum Nós , confeccionadas entre os anos 1916-1918, e que vai dando á luz na prensa e, asemade, perfeccionando paulatinamente e coas que realiza exposicións e conferencias co ánimo de axudar ao "rexurdir da galeguidade". Esta fonda radiografía do País, feita polo médico que renunciou a curar doenzas corporais individuais para preocuparse das colectivas, quería contribuír á concienciación e dignificación das nosas clases traballadoras ("o decotío labrego e mariñeiro"), ao tempo que, en forma de xermolo ou embrión, anticipaba o que sería a súa literatura sintética, as cousas . Que a súa arte empezaba a ser incómoda para certas mentalidades ilústrao esta notiña aparecida na prensa e protagonizada por un nostálxico da Casa da Troya, que lle preguntou nunha charla:

"—He visto su álbum de dibujos y deseo que me conteste a esta pregunta: ¿por qué, en vez de presentar lo malo, lo pobre, lo misérrimo de Galicia, no hace usted dibujos de lo bonito, lo rico, lo placentero?
—Pois porque non teño vocación de estupefaciente
—contestou o artista—.

Tanta é a importancia que o mesmo Castelao lle ten atribuído ao contido ideolóxico desta obra que, no intre da publicación do Sempre en Galiza en 1944, chegou a afirmar que desde a publicación destas estampas se guiou sempre por un único ideal, o amor a Galiza, o patriotismo. Por outra parte, é de grande relevancia, pois xa atopamos anticipados os núcleos temáticos máis representativos da súa produción literaria posterior: a defensa das clases populares, a denuncia da emigración, o anticaciquismo, a reivindicación do idioma, etc.

Desde entón o seu labor a prol da cultura galega será incesante, converténdose tamén nun dos fitos máis senlleiros da restauración cultural do País auspiciada polas Irmandades ao longo desta etapa: a) dirección artística da revista Nós (1920), en angueira común cos intelectuais ourensáns do Grupo Nós ; b) ampliación de coñecementos artísticos por medio da viaxe de estudos a Francia, Bélxica e Alemaña en 1921 co obxecto de coñecer mellor as técnicas de augaforte, litografía e gravado; c) director da Sección de Arte do Seminario de Estudos Galegos ; d) publicación de debuxos humorísticos e caricaturas na prensa da época ( Cousas da vida ) e álbumes como Nós ou Cincuenta homes por dez reás ; e) exposición pública da súa teorización artística en conferencias como "Humorismo. Dibuxo humorístico. Caricatura" (1920), "O galeguismo no Arte" (1930), etc; f) publicación nos xornais e revistas da época da súa literatura máis representativa: Cousas , Retrincos ; g) pintura (acuarelas, augadas, trípticos de cegos); h) aproximación aos valores etnográficos diferenciais (cruceiros); i) deseñador gráfico, ilustrador e miniaturista (portadas da revista Nós , do xornal Galicia , anuncios, ilustrador de libros...); l) recompilador do refraneiro galego; m) teorizador sobre un Teatro de Arte (chegaría a realizar traballos de escenografía e sobre a creación da Arte Nova ...; n) animador da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra,...

Debuxo de Castelao. Autocaricatura.

Coidamos decisivo o inicio dos anos vinte na evolución ideolóxica e no relanzamento artístico de Castelao, por canto consolida o seu pensamento humanista, crítico co capitalismo ao uso e antieurocéntrico, a raíz da viaxe europea de que xurdirá o Diario 1921 e, en segundo lugar, porque supón o punto de arranque dunha experimentación artística e dunha innovación que exemplifica nidiamente Un ollo de vidro . A súa Arte afíncase nos valores primordiais do País, recollidos dos labregos e dos mariñeiros, sobranceiramente a lingua popular. O humorismo como actitude vital e artística, ante as mágoas da Terra asobailada, convértese en sátira e ironía. O pesimismo é liberador, a Arte debe encomendarse ao útil, debe de ter incidencia social e, por principio, debe de ser económica, ou sexa depurada do innecesario ou accesorio. A economía de recursos é apoiada con insistencia: " Unha comedia ou un drama nun dibuxo lese dunha ollada e con iso afórrase atención ", tal e como sostén na conferencia "Humorismo. Dibuxo Humorístico. Caricatura". A simplicidade imprime forza coa supresión de todo o que non sexa expresivo. A caricatura serve para concentrar nunha realidade tanxíbel todo o expresivo sen rachar a harmonía de conxunto. A Arte que preconiza Castelao non renega do estético; antes ben é partidario da aplicación do principio escolástico que asegura que Verdade, Ben e Beleza son convertíbeis. Son criterios-estéticos que rexerán toda a súa produción artística.

A entrega ao activismo artístico durante a segunda e terceira década deste século non impediu, pese a todo, que Castelao fose un observador atento da política do momento e mesmo que participase nela, sempre, eso si, sen chegar a desempeñar un papel protagonista como o que chegaría a desempeñar na década dos trinta e dos corenta. Mantén nestes anos unha liña de decantación progresiva ao terreo da acción dentro da órbita galeguista, mantendo por riba de todo un certo eclecticismo e espirito integrador con relación ás tensións que se xeraron no movemento político das Irmandades da Fala. No seu papel de "artista xenial da raza", carimbado por Lois Porteiro, e "humorista", colabora intensamente no espallamento da conciencia galeguista por todo o noso País, e chega ás páxinas da revista madrileña El Sol (1918, 1919, 1922), co obxectivo de ofrecer unha imaxe desmitificadora de Galiza. Castelao vai abrindo, deste xeito, o camiño para a chegada á política. Se non participa nela antes é debido á necesidade de crear un clima máis favorábel, debido tamén ás tensións e feblezas polas que atravesou o "movemento" nacionalista e, fundamentalmente, polas adversidades históricas que trouxo consigo a ditadura de Primo de Rivera (19231929) que, sintomaticamente, vai significar a maior eclosión cultural do momento, como única acción posíbel para organización tan nova. Mais a etapa de activismo artístico é imprescindíbel como camiño de experiencia e clarificación, e como testemuño valioso da claridade do seu pensamento. Tanto é así que non se pode obviar a súa obra gráfica e literaria na explicación da súa evolución ideolóxica, que mantén, cando menos desde 1916, as constantes do seu pensamento posterior: a loita pola liberación nacional de Galiza e a loita contra a opresión das clases populares, a dignificación da súa vida desde unha doutrina de plantexamentos claramente humanistas.

IMAXES