A Etapa Contemporánea II
A narrativa de Castelao
Galiza no primeiro tercio do século XX

Resulta de abondo evidente que a obra narrativa de Castelao , en estreita relación con toda a súa obra artística e política, se foi configurando como un reflexo ou resposta aos momentos críticos que viviu Galiza a fins do XIX e primeiro tercio do XX. Asemade forma parte, dun xeito consciente e pioneiro, dos proxectos que tiñan como obxectivo a restauración cultural e política da nación galega. Por esta razón sempre semellará pouco doado interpretarmos esta produción artística prescindindo das circunstancias e condicionantes en que se xestou e das aspiracións ideolóxicas que movían o seu autor.

Castelao.

A pesar das fondas e esperanzadoras mudanzas que se producen no primeiro tercio do século XX no noso País, en todo este período Galiza non dá saído da situación de subdesenvolvemento e marxinalidade que viña atravesando desde séculos atrás. Nunha etapa de grande tensión e conflitividade, de expansión imperialista a escala mundial, con prolongación na actualidade, a función asignada a Galiza foi a de periferia exportadora de man de obra barata vía emigración e de materias primas, especialmente gando bovino, situación que critica na súa obra o propio Castelao. Con maior ou menor contundencia e desde diferentes plantexamentos a literatura económica do momento non deixa de cuestionar o réxime colonial a que está sometido o noso País dentro do Estado español. Galiza veu funcionando como colonia do Reino Unido até 1886 (ano do nacemento de Castelao), en calidade de produtora de gado para carne. Curiosamente, para encontrar unha vehiculización axeitada desde o interior a esta despensa cárnica, os ingleses promoven a construción en 1885 do primeiro camiño de ferro no territorio galego desde Santiago a Carril. Entre 1886 e o remate da primeira Guerra mundial o dominio colonial sobre Galiza é compartido por Inglaterra e España, manténdose o dominio por similares intereses. Mais xa a partir desta data vai ficar incorporada como colonia exclusiva do Estado español, sen que a exclusividade de amo signifique unha mudanza en positivo e un espertar do sometemento, se ben coincide cunha lene modernización das estruturas agrarias e notoriamente do sector pesqueiro, máis froito dos avances que se estaban dando e da iniciativa propia que da acción benefactora do Estado.

A importancia do sector primario, da agricultura fundamentalmente, viña dada pola potencialidade produtiva da nosa Terra e polo feito de ocupar, xunto co sector pesqueiro, máis de dous tercios da poboación activa galega. Concretamente en 1920 o 83% da poboación activa galega adscribíase ao sector primario, frente ao industrial (7%) e ao de servizos (10%). Por outro lado —como mostra do peso do mundo do agro—, convén advertir que, á altura de 1930, aínda case o 90% da poboación pertencía ao rural. Ao longo do primeiro tercio do século XX a produción agrícola vai aumentando constantemente de ano en ano. Transfórmanse os cultivos e dedícanse máis terreos a pradaría e produción forraxeira. Iníciase un proceso de aproveitamento dos montes (repoboacións, abono, froitos, etc.). Multiplícanse os modernos apeiros de labranza e intensifícase o uso de abonos químicos e sulfatos. Aparecen Sociedades agrarias e organismos de investigación para a mellora da produción ( Granxa Agrícola da Coruña , 1888; Misión Biolóxica de Galicia , 1921; ou Estación de Fitopatoloxía Agraria da Coruña , 1925). De 1908 a 1925 o número de reses de gando vacún duplícase, mellorando a calidade de carne e leite coa conseguinte aparición de pequenas industrias lácteas e queixeiras, matadeiros, concursos de gando, etc.

Pese a todo, Galiza estaba aínda moi lonxe de acadar as cotas de produción que a súa potencialidade requería neste eido, tal e como sinalan as propostas económicas do momento. Por seguir sendo ilustrativa a comparación, Galiza á altura de 1930 producía 1.000 toneladas de queixo anuais e 800 de manteiga, mentres que Holanda, cunha extensión análoga á nosa e parecida especialización, xa producía 72.000 toneladas de queixo e 50.000 de manteiga. As alternativas para consolidar este sector básico da economía galega pasaban polo establecemento dunha organización de tipo cooperativista, polo fomento do crédito agrícola e pola capacitación técnica, xunto con outras medidas de índole política. Non hai que esquecer que a orixe da produción agro-gandeira residía en pequenas unidades familiares que, de non ser en réxime de comunidades cooperativas, non poderían afrontar con éxito estes atrancos.

O limitado desenvolvemento agrario galego tamén se explica pola pervivencia de estruturas claramente feudais e anacrónicas, caso do foro , que non se pode considerar eliminado até 1926, ano en que se asma o decreto de abolición de foros, colmando así unha das reivindicacións básicas do movemento agrarista . Na maior parte da terra galega pervivía este réxime de propiedade, que supoñía a existencia de dúas clases sociais con intereses enfrentados: o campesiñado, socialmente maioritario, que traballaba a terra, aínda que non dispoñía da súa titularidade, e a fidalguía ou aristocracia rendataria, que se beneficiaba da posesión dos títulos de propiedade por medio do cobro de rendas. Sendo a propiedade da terra, a posesión plena desta ferramenta de traballo, unha aspiración básica do labrego galego, pode entenderse que a maior parte dos aforros logrados da venda de gando ou na emigración se destinase a este fin, en vez de centrarse definitivamente na modernización que pedían os tempos. Na súa obra gráfica e literaria, como veremos seguidamente, Castelao identifica o futuro do País con esta clase social, a verdadeiramente necesaria, e á que cumpría destinar unha arte e unha política concienciadoras e dignificadoras. A fidalguía aparece enfocada como unha causa histórica superada, sen función social que cumprir.

Labregos nunha feira a comezos de século.

Unha segunda traba reside no atraso das infraestruturas de comunicación terrestre e marítima, requisito indispensábel para incrementar a produción e os beneficios desta. Inicialmente a construción do ferrocarril —medio onde o atraso era máis palpábel—, cun deseño de fasquía netamente centralista, só perseguía facerse coas materias primas e non facilitar a comunicación interna e externa do País. Ao remate da década dos vinte Galiza só contaba coa metade de tendido de camiño de ferro que o resto do Estado, xa non digamos Cataluña que contaba co cuádruplo. Por estas datas, e a pouco de seren construídas algunhas vías férreas, xa se lle sinalaban eivas que arrastrarían até os nosos días: curvas e rampas pronunciadas, vías sinxelas, precarios medios técnicos e, conseguintemente, escasa capacidade e velocidade. Neste terreo as reivindicacións nacionalistas centráronse ao longo destes anos nas seguintes solucións: a) remate da construción do ferrocarril A Coruña-Zamora, levando a cabo tamén a unión directa con Vigo; b) construción dun ferrocarril central que vertebrase o noso territorio de norte a sur; e) remate do trazado Ferrol-Xixón; d) e construción dun ferrocarril de unión de todas as localidades costeiras.

Outro obstáculo que limitaba, en certa medida, o auxe do agro galego era a abusiva fiscalidade por medio de impostos municipais de arbitraria e caciquil distribución (consumos), contribucións territoriais, etc., ou mesmo aplicándoselle ao labrego galego a presión fiscal derivada dunha inxusta consideración como empresarios por parte do goberno central. Da mesma maneira, a política arancelaria do Estado, que gravaba os produtos que Galiza necesitaba importar (maquinaria, tecidos, carbón e cereais, sobre todo), erixíase en portavoz dos intereses de clase e territoriais contrarios a Galiza. Nestes intereses confluían basicamente as burguesías vasca e catalana e os latifundistas meseteños e andaluces, protexendo os téxteis, a siderurxia e os cereais, mentres produtos básicos das fontes de riqueza galega (carne, conservas, madeira) quedaban desprotexidos. Así, no territorio español podían penetrar sen nengún tipo de gravame conservas estranxeiras, carnes estranxeiras e madeiras estranxeiras. Por iso a "revolución arancelaria", tendente a respectar e considerar a natureza librecambista do noso País era un dos obxectivos económicos de primeira orde.

Castelao tampouco permaneceu alleo ás mudanzas que se viñan producindo no sector pesqueiro, ámbito que coñeceu de perto na súa vila natal. Estes cambios arrancan de cedo, desde a entrada dos industriais cataláns a mediados do século XVIII, impoñendo relacións de corte netamente colonialista e esquemas de capitalismo espoliador, que modernizaron a produción, mais a custo de eliminar as artes de pesca tradicionais, menos esquilmadoras dos recursos naturais, a costa de precarizar as relacións laborais, etc. Desde a visión do escritor de talante humanista, estas transformacións ocupan o motivo central do relato de Cousas que protagoniza o Rifante, o que protagonizan os apóstolos, Peito de lobo de Retrincos ou a lenda da estampa do álbum Nós "As sardiñas volverían se os gobernos quixesen". Castelao denuncia sen eufemismos o progreso, encubridor dun capitalismo depredador que só conleva miseria e infelicidade para moitos fogares mariñeiros. A alternativa para o mundo do mar, segundo a súa formulación posterior, pasaba polo retorno ás maneiras de explotación colectivistas da nosa tradición mariñeira, fondamente afincada no cristianismo.

A riqueza pesqueira do noso País era considerada a segunda liña da nosa economía, equivalendo a máis dun tercio da total española. A industria conserveira, a pesar dos atrancos polos que atravesou, era a industria máis florecente que tiña Galiza, razón que explica o progresivo desenvolvemento e medre poboacional das localidades costeiras a ritmo máis acelerado que as do interior.

Ademais da riqueza agro-gandeira e pesqueira, nas análises económicas do momento facíase fincapé na necesidade de explotar a riqueza forestal a fondo, en vista do clima propicio e da fecundidade dos nosos montes... Da mesma maneira estimábase a riqueza mineira, capaz de forxar o milagre da nosa prosperidade industrial. Mais non se deixaba de advertir que as incipientes explotacións mineiras se sometían a un réxime colonial, xa que pertencían a capitais vascos, asturianos, ingleses, franceses, cataláns e alemáns, exportando ao estranxeiro o mineral como materia prima e nunca transformándose na propia Galiza para crear industria e emprego.

Enterro das vítimas de Nebra no camposanto de Compostela.

Castelao cría no futuro de Galiza como unha comunidade de pequenos propietarios, convertida toda ela nunha cidade-xardín. Había que rematar, pois, co paradoxo dunha nación potencialmente rica en que, sen embargo, os seus homes e mulleres de traballo malvivían ou se vían forzados a emigraren. O desaxuste entre riqueza potencial e produción real ou nivel de vida será insistentemente sinalado desde a órbita nacionalista . Había que rematar coas limitacións e atrancos económicos, e a alternativa máis viábel foi primeiramente por medio dunha arte galeguizadora e seguidamente a través da vía política e institucional. Había que rematar tamén co problema cardinal da poboación galega, a emigración, expresión crúa dunha situación de marxinalidade e submisión. A sangría migratoria, vista por Castelao, significaba o aniquilamento paulatino da vitalidade do País (emigración da forza de traballo, desaxustes na poboación, avellentamento,...), a submisión a unha aparentemente maina forma de escravitude como fenómeno social, conseguintemente a imposibilidade dunha explosión política revolucionaria, ademais de fenómenos ligados á esfera do psicosocial, como o autoodio, a xenreira cara ao idioma, o espellismo das terras prometidas, etc. Castelao explicita de xeito contundente que o papel reservado ao noso País era ser "criadeiro de carne humán para enviar ás Américas en paquetes teutóns" ( Sempre en Galiza, p. 42). A emigración do tempo de Castelao é a de maiores dimensións na historia de Galiza; case millón e medio de persoas emprenden o camiño de ultramar cara a países como Cuba, Arxentina, Uruguai, Brasil. En simbiose esclarecedora dos sacrificios humanos pagados polo descubrimento e o camiño de América, Castelao ofrecía a imaxe gráfica dun vieiro inzado de cadáveres. As tres décadas finais do século XIX e as tres primeiras do XX entran de cheo nunha fase de capitalismo expansivo e rearme imperialista a nivel mundial. Os países da primeira orde capitalista van tomar como campo de produción de materias primas por medio de man de obra barata, semiescravos, a países periféricos como os de América do Sur. Esta causa e a necesidade por parte do Estado español de garantir unha comprometida presenza metropolitana, en intres xa críticos para a política imperial, aclaran en boa medida o masivo éxodo de galegos aos países anteditos. Nalgúns casos, como por exemplo a illa de Cuba, substituíndo a man de obra escrava e propiciando un claro fenómeno de escravitude branca. Os primeiros anos do séc. XX son de incremento disparado neste proceso, multiplicándose por cinco a saída migratoria a respecto da década dos oitenta cando nace Castelao, que tamén coñeceu en carne propia este drama, con experiencias que recrea nos dous primeiros contos de Retrincos. Unicamente chegará a vivirse un estancamento considerábel nos anos inmediatamente posteriores á crise de 1929.

IMAXES