A Etapa Contemporánea II
O neotrobadorismo. Fermín Bouza-Brey
Introdución

A figura literaria de Fermín Bouza-Brey ven enmarcándose, desde os estudios historiográficos de Ricardo Carvalho Calero , na coñecida como xeración do Seminario de Estudos Galegos , diferenciada frente aos homes do Grupo Nós e frente aos novecentistas. Con todo, tanto as coordenadas cronolóxicas como as súas características como grupo humano, fan que resulte máis apropiado falarmos nunha xeración do 25 —recollendo a denominación do musicólogo Xesús Bal y Gay— da que farían parte tamén aqueles outros autores nados, nun sentido lato, co século, como Manuel Antonio , Luís Amado Carballo , Euxenio Montes, Augusto Mª Casas, Rafael Dieste ou Xosé Filgueira Valverde —isto é, algúns dos que Carvalho designaba como novecentistas xunto con outros dos adscritos ao tempo do Seminario— frente a, por unha parte, o Grupo Nós e, por outra, aqueles autores nados por volta de 1910 (o propio Ricardo Carvalho Calero, Álvaro Cunqueiro , Luís Seoane ou Francisco Fernández del Riego ).

Fermín Bouza Brei fotografado de perfil

En termos exclusivamente poéticos, a xeración de Fermín Bouza (que en ocasións se autonomeou como a Nova Xeración ou os Novos) é a que renova, desde diferentes presupostos, a lírica galega. De feito, os poemas de Bouza serán un dos emblemas desta renovación, e el partillará con Luís Amado Carballo e Manuel Antonio a súa simbólica xefatura poética. A estes dous poetas, mortos prematuramente, rendirá sentida homenaxe en dous fermosos poemas escritos nos seus cabodanos, "Clamor na encrucillada" e "No anal de Manuel Antonio".

A existencia de diferentes xeracións non implica homoxeneidade —nin na acción nin no ideario estético ou político— no seo de cada unha delas nin exclúe tampouco a participación de membros dunha xeración en empresas culturais promovidas por integrantes da/s outra/s. Fermín Bouza-Brey sería un bo exemplo deste espírito de cooperación interxeracional, pola súa continuada participación na revista Nós ou pola colaboración con destacados membros da xeración anterior ( Castelao , Cuevillas ) en tarefas científicas, á par que é tamén figura significativa dentro da súa propia como membro fundador do Seminario de Estudos Galegos.

IMAXES