O 12 de outubro de 1923 nace unha das Institucións máis importantes para o desenvolvemento científico na historia do noso país. Estamos a falar do ,formado por mozos universitarios que pretendían achegarse ao estudio e análise da realidade galega. Despois dunha reunión con Seminario de Estudos Galegos Armando Cotarelo Valledor , profesor universitario, quedaron definidos os obxectivos e establecidas as bases do traballo futuro. Tratábase de, a pesar de crear unha serie de diferentes seccións especializadas, fomentar os traballos colectivos e o labor interdisciplinar.
Luís Tobío, un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos.
A xuntanza de constitución celebrouse no Castro de Ortoño, en homenaxe a Rosalía, que pasara os primeiros anos da súa vida nesta parroquia. Segundo relata Luis Tobío , foi el quen comentou con Bouza Brei que estaba emparentado coa familia de Rosalía, e que aínda vivía unha tía súa que a coñecera, conversas das que saíu a posibilidade de se reuniren simbolicamente no Castro de Ortoño.
Entre os membros do Seminario están Xosé Filgueira Valverde, Fermín Bouza Brei, Xulián Magariños Negreira, Luís Tobío Fernández, Ricardo Carballo Calero, Xoaquín e Xurxo Lorenzo, Antón Fraguas, Sebastián González, e un longo etcétera de socios colaboradores. Tiveron apoio dalgúns profesores universitarios, concretamente do nomeado Cotarelo Valledor, o seu primeiro presidente, ao que seguirá no cargo Salvador Cabeza de León a partir do 1925. Tamén se uniron á súa tarefa o crego Xesús Carro e o arcebispo de Santiago Manuel Lago González . A mellor aportación, que contribuiu a que esta institución se convertese nun verdadeiro centro de formación de investigadores ao servizo do país, foi a unión ás súas tarefas dos homes de Nós: Otero (Xeografía), Risco (Etnografía), Cuevillas (Prehistoria), cada un coa dirección dunha das varias "Seccións" en que se dividía o Seminario.
Da importancia do seu labor dáse conta en múltiples recensións e artigos tanto en Nós como en A Nosa Terra. Ademais dos ensaios individuais que realizaban os socios, existían tamén os traballos colectivos, ben a través dunha das Seccións ben a través das famosas "xeiras", xornadas de traballo de grupo que, desde unha óptica multidisciplinar, pretendían abordar o estudio dun aspecto determinado da nosa realidade.
Estamos, por tanto, a falar da institución que con máis forza e intensidade contribuiu, na práctica, á formación dun galego científico, á necesaria modernización do idioma para que este puidese estar preparado para expresar todos os campos do saber.
No ano 1921, Valentín Paz Andrade publica un artigo que co título de "Nazonalizazón e cultura. Galicia e a Universidade de Compostela" denuncia a frialdade da vida universitaria e o seu afastamento da realidade cotiá, do pobo. Lonxe xustamente de servir á sociedade, de axudar co seu labor ao progreso económico e cultural do país, a Universidade é un niño de caciques onde non hai preocupación polo desenvolvemento da investigación e na que, como exemplo, as bibliotecas están fechadas ás horas en que "estudiantes e obreiros" poderían frecuentalas e non se inclúen nos seus catálogos as obras de autores galegos. Para rematar, criticase o feito de producir licenciados que non teñen nocións de lingua nin de literatura galego-portuguesa, nin de historia de Galicia.
Ao redor do 1930 prodúcese un importante debate no seo da Universidade entre partidarios e opositores de que se leve a cabo un proceso de galeguización, debate apoiado e promovido por sectores estudiantís no que interviron diversas personalidades da época: Otero, Risco, Villar Ponte, Alvaro das Casas, Bóveda ou Salvador Cabeza de León. Foi desde as páxinas do xornal El Pueblo Gallego ,afín á causa galeguista, desde onde se inicia unha campaña de concienciación arredor da necesidade tanto de impartir clases en galego como da inclusión de materias relacionadas co noso país e os nosos problemas nos currículos. Dentro desta campaña escribe Villar Ponte un artigo o 25 de xullo de 1930 onde estabelece o mínimo que se debe pedir da Universidade:
Tras fortes polémicas e acusacións contra os promotores da campaña, Salvador Cabeza de León indica que o proceso galeguizador podía ser resumido no feito de poder colocar no frontispicio da Universidade un lema coa frase: AQUI NON SE PROHIBE FALAR GALEGO.
O conflicto no seo da Universidade continúa co escándalo producido por un Manifesto estudiantil, de contido claramente político, no que un grupo de estudiantes solicitaba a plena autonomía para a Universidade galega, declarándose así mesmo galeguistas.
O Seminario de Estudos Galegos tiña o afán de espallar o máximo posíbel a súa obra, polo que recorreu á publicación do seu labor investigador e de divulgación en diferentes revistas. Xustamente, moitos artigos correspondentes a traballos presentados ao Seminario, podémolos ler en Nós e no Boletín de la Real Academia Gallega . Un grupo numeroso está recollido na publicación Arquivos ,que consta de seis tomos. Se ben os traballos que se presentaban, podían estar redixidos en lingua galega ou castelá, era o galego o que primaba, resultando convérterse o Seminario no máis importante transmisor do idioma a nivel científico. Así, no primeiro volume desta publicación, de catorce traballos publicados, só tres deles están en español.
Ricardo Carballo Calero ten indicado que "o idioma estaba no centro das preocupacións do Seminario" e que o uso do galego, tanto a nivel oral como na escrita foi unha das súas características fundamentais. Ao mesmo tempo, Carballo quéixase de que a investigación lingüística nunca se chegara a plasmar en cuestións efectivas, pois estamos diante dun grupo de intelectuais autodidactas con moi escasa formación no terreo lingüístico, cuestión que explica que o desenvolvemento de seccións como Prehistoria, Xeografía ou Etnografía fose moito maior: traballos como " A terra de Melide "," O Castro de Caldelas ",o " Catálogo dos castros galegos ",as transcricións do " Codex Calistinus "ou o " Anteproxecto de Estatuto da Galiza "son incomparábeis cos traballos realizados a nivel lingüístico, de entre os que cabe destacar:
Caricatura de Alexandre Bóveda, por Manuel Torres.
A Guerra Civil vai provocar a desaparición do Seminario ,institución que aínda hoxe botamos de menos, pois nin o Instituto de Estudios Calegos "Padre Sarmiento" (que recolleu bastantes dos materiais elaborados) nin outras institucións, ligadas ou non á Universidade, conseguiron recuperar o seu proxecto e levar a cabo os obxectivos e ideais que perseguiron.